A Casa Amatller é o segundo gran monumento modernista do Paseo de Gracia, en Barcelona, proxectado polo arquitecto Josep Puig i Cadafalch entre os anos 1898 e 1900. A causa da proximidade coa Casa Lleó Morera e coa Casa Batlló (de Antoni Gaudí), o lugar onde se localizan estes tres edificios modernistas tense denominado a Illa de la Discòrdia Illa, en catalán, equivale a un bloque de casas, rueiro ou quinteiro en galego..
No ano 1898, o industrial chocolateiro Antoni Amatller quixo transformar un edificio vello de 1875, que comprara para trasladarse para el. O industrial encarregou as obras a Puig i Cadafalch, que apostou por darlle a aparencia dun pazo gótico urbano, cunha fachada plana e un patio central cunha escaleira que dá acceso ao andar principal, tendo en conta que o edificio había de ser habitado por diversas familias.
Puig i Cadafalch creou a Casa Amatller cunha lectura moi persoal do gótico, mesturando influencias do gótico catalán co gótico dos palacetes urbanos dos Países Baixos e Flandres; finalmente tamén están presentes os típicos detalles de inspiración medieval. O máis sorprendente do edificio é a fachada en chanzos de reminiscencia nórdica, que lembra unha tableta clásica de chocolate.
O andar principal é un dos poucos de Barcelona que aínda conserva a riqueza ornamental e a atmosfera dourada e opulenta daquela burguesía do ensanche barcelonés.
Actualmente acolle as oficinas do Institut Amatller d'Art Hispànic.
Información práctica Enderezo: Passeig de Gràcia, 41 (Barcelona) Visita: só se pode visitar a planta baixa, onde hai unha oficina de turismo. No Museo Nacional de Arte de Cataluña (MNAC) poden verse diversos elementos do mobiliario orixinal desta casa.
Notas
Véxase tamén
Ligazóns externas Sitio web oficial
Categoría:Arquitectura modernista en Barcelona Categoría:Bens de Interese Cultural de Cataluña Amatller