O World Trade Center (en galego: Centro Mundial de Comercio) foi un complexo de varios edificios no Lower Manhattan, na cidade de Nova York, Estados Unidos, sendo os dous máis altos as emblemáticas Torres Xemelgas (en inglés: Twin Towers). Foron deseñadas polo arquitecto estadounidense de orixe xaponesa Minoru Yamasaki e por Leslie Robertson.

O World Trade Center orixinal era un complexo de sete edificios que, ademais de incluír as Torres Xemelgas, tamén incluía outros 5 edificios de menor altura; entre eles estaban o World Trade Center 7 (un rañaceos de 47 andares) e o WTC 3 (un hotel de 22 andares). As Torres Xemelgas foron inauguradas o 4 de abril de 1973 e destruídas nos atentados do 11 de setembro de 2001, xunto co WTC 7. Os outros edificios do complexo foron moi danados nos ataques e posteriormente demolidos.

O sitio foi reconstruído con cinco novos rañaceos e un monumento ás vítimas dos ataques. O One World Trade Center é o edificio principal do novo complexo, chegando a ter máis de 100 pisos á hora da súa finalización. Unha sexta torre atópase á espera de ser confirmada.

Historia Construción right|miniatura|Esta sección de Cortlandt Street (amosada en 1936) foi adquirida e derruida. En marzo de 1965, a Autoridade Portuaria de Nova York e Nova Jersey comezou a adquirir propiedades na localización do World Trade Center. Os traballos de demolición comezaron o 21 de marzo de 1966 para despexar trece bloques de edificios de baixa altura en Radio Row para a construción do World Trade Center.Gillespie (1999), p. 61. A pedra fundamental da construción do complexo foi colocada o 5 de agosto de 1966.

O sitio do World Trade Center atopábase nun recheo sanitario coa base rochosa situada 20 metros por baixo. Para construír o WTC, foi necesario facer unha "bañeira" cun muro pantalla ao redor do lado do sitio que dá a rúa Oeste, para manter fóra a auga do río Hudson. O método de contención, seleccionado por John M. Kyle, Jr., enxeñeiro xefe da Autoridade Portuaria, incluía a escavación dunha gabia, a cal logo foi enchida cunha mestura pastosa composta de bentonita e auga, que tapou os buracos e mantivo fóra a auga subterránea. Cando a gabia foi cavada, inseriuse no lugar unha caixa de aceiro e lanzouse formigón, forzando á mestura a saír. Tomou catorce meses completar o muro pantalla, o cal foi necesario para poder comezar coa escavación de material do interior do sitio.Gillespie (1999), p. 68. Os 917 000 m³ de material escavado foron utilizados (xunto con outro material de enchido) para expandir a costa de Manhattan a través da rúa Oeste, e poder así formar a Battery Park City.Gillespie (1999), p. 71. thumb|160px|esquerda|O World Trade Center orixinal en construción, en 1971. En xaneiro de 1967, a Autoridade Portuaria outorgou 74 millóns de dólares en contratos a varios provedores de aceiro, e Karl Koch foi contratado para erixir o aceiro. Tishman Realty & Construction foi contratada en febreiro de 1967 para supervisar a construción do proxecto. O traballo de construción comezou coa Torre Norte en agosto de 1968; a construción da Torre Sur xa estaba en marcha en xaneiro de 1969. Os orixinais Hudson Tubes, que levaban os trens da PATH (Autoridade Portuaria Trans-Hudson) á Hudson Terminal, mantivéronse en servizo como túneles elevados durante o proceso de construción, até 1971, cando abriu unha nova estación PATH.

A cerimonia de culminación do WTC 1 (Torre Norte) foi o 23 de decembro de 1970, namentres que a cerimonia do WTC 2 (Torre Sur) ocorreu máis tarde, o 19 de xullo de 1971. Os primeiros inquilinos mudáronse á Torre Norte en decembro de 1970; a Torre Sur aceptou inquilinos en xaneiro de 1972. Cando as Torres Xemelgas do World Trade Center foron completadas, os custos totais para a Autoridade Portuaria acadaron os 900 millóns de dólares. A cerimonia de inauguración das torres realizouse o 4 de abril de 1973.Gillespie (1999), p. 134.

Incendio do 13 de febreiro de 1975 O 13 de febreiro de 1975, desatouse un incendio na Torre Norte do WTC, que se propagou ao longo do andar 11. Este incendio estendeuse a través do núcleo aos andares 9 e 14 após incendiarse o illamento dos cables de teléfono situados nun oco de servizo que corría verticalmente entre os pisos. O lume que chegou a outras áreas foi extinguido case inmediatamente, e o incendio orixinal foi apagado en poucas horas. A maioría dos danos concentráronse no andar 11, debido a que o lume foi alimentado por armarios cheos de papel, líquido a base de alcol para máquinas de oficina e outro material de oficina. Non houbo danos estruturais para a torre, xa que o aceiro estaba recuberto por un material resistente ao lume. Sen ser os danos causados polo lume, algúns andares de abaixo sufriron danos causados pola auga utilizada para a extinción do incendio de arriba. Nesa época, o World Trade Center non tiña sistemas rociadores de incendios.

Atentado do 26 de febreiro de 1993

miniatura|Dano subterráneo polo atentado explosivo de 1993. O 26 de febreiro de 1993, ás 12:17, un camión da empresa Ryder que contiña 680 quilogramos de explosivos, aparcado por Ramzi Yousef, estoupou no aparcadoiro subterraneo do WTC 1 (Torre Norte).Reeve, Simon (1999). The New Jackals: Ramzi Yousef, Osama bin Laden and the Future of Terrorism, p. 10. Northeastern University Press. ISBN 1-55553-509-7. A explosión abriu un enorme burato de 30 metros a través de cinco subniveis, ocorrendo o maior dano nos niveis B1 e B2 e un dano estrutural considerábel no nivel B3. Ao longo dos 110 andares da torre, seis persoas morreron e outros 50 000 traballadores e visitantes ficaron faltos de ar para respirar normalmente. Moitas persoas dentro da Torre Norte foron forzadas a descender a escuras por escaleiras que non contaban con alumamento de emerxencia, algunhas demorando máis de dúas horas para poñerse a salvo.

Após o atentado, Yousef fuxiu a Paquistán, mais foi detido en Islamabad en febreiro de 1995 e extraditado aos Estados Unidos para ser sometido a xuízo. O xeque Omar Abdel Rahman foi condenado en 1996 por participar no atentado e noutras conspiracións. Yousef e Eyad Ismoil foron condenados en novembro de 1997 por levar a cabo o atentado. Outras catro persoas foron condenadas en maio de 1994 pola súa participación no mesmo. Segundo un xuíz do Tribunal Supremo, o principal obxectivo do ataque era desestabilizar a Torre Norte e facela caer sobre a Torre Sur, derrubándoa.

Os andares afectados polo atentado deberon ser arranxados para restabelecer o apoio estrutural que brindaban ás columnas. O muro pantalla estaba en perigo após o atentado e perdeu as lousas do chan que proporcionaban o apoio lateral contra a presión exercida do lado oposto polas augas do río Hudson. A planta de refrixeración no subnivel 5, que proporcionaba o servizo de ar acondicionado a todo o complexo World Trade Center, foi seriamente danada. Despois do atentado, a Autoridade Portuaria instalou sinais fotoluminiscentes nas escaleiras. O sistema de alarma contra incendios do complexo enteiro debeu ser substituído como consecuencia de que unha parte importante do cableado e da sinalización do sistema orixinal foi destruído. Construíuse un memorial ás vítimas deste atentado, e instalouse unha fonte de auga cos nomes daquelas persoas que morreron na explosión. Porén, o memorial foi destruído nos atentados do 11 de setembro. Os nomes das vítimas do atentado de 1993 foron incluídos no Museo e Memorial Nacional do 11 de setembro.

Eventos destacados O funambulista francés Philippe Petit camiñou entre as torres sobre unha corda frouxa en 1974, como se amosa na película The Walk. Cruzou oito veces os 43 metros que separaban os dous edificios. En total foi unha aventura de 45 minutos a máis de 410 metros do chan.Glanz e Lipton (2003), p. 219. Tres anos despois, en 1977, George Willing, un fabricante de xoguetes de Brooklyn, escalou o exterior da Torre Sur.Gillespie (1999), p. 149.

En 1983, no Día dos Caídos, o activista, bombeiro e rescatista de grande altura Dan Goodwin escalou exitosamente o exterior da Torre Norte do WTC. A súa acción estaba destinada a chamar a atención sobre a imposibilidade de rescatar persoas potencialmente atrapadas en pisos superiores de rañaceos.

No ano 1995 o xogador de xadrez ruso Garri Kasparov defendeu o seu título de Campión do Mundo versión PCA contra o indio Viswanathan Anand nas Torres Xemelgas.

Roubo do 14 de xaneiro de 1998 En xaneiro de 1998, Ralph Guarino, membro da mafia que obtivera un acceso de mantemento ao World Trade Center, formou unha banda de tres homes para roubar máis de 2 millóns de dólares, que eran trasladados dun camión da empresa Brinks ao andar 11 do WTC.

Arrendamento En 1998, a Autoridade Portuaria aprobou plans para privatizar o World Trade Center. En 2001, a Autoridade Portuaria buscou arrendar o World Trade Center a unha entidade privada. As ofertas de licitación viñeron de Vornado Realty Trust, dunha proposta conxunta entre Brookfield Properties Corporation e Boston Properties e doutra proposta conxunta entre Silverstein Properties e Westfield Group. A privatización do World Trade Center agregaríao á lista de contribuíntes e outorgaría fondos para outros proxectos da Autoridade Portuaria. O 15 de febreiro de 2001, a Autoridade Portuaria anunciou que Vornado Realty Trust conseguira o contrato de arrendamento do World Trade Center, a través do pagamento de 3,25 mil millóns de dólares polo mesmo, de 99 anos de duración. Vornado Realty ofreceu 600 millóns de dólares máis ca Silverstein, malia que Silverstein aumentou a súa oferta a 3,22 mil millóns. Con todo, Vornado insistiu en realizar cambios de última hora ao acordo, o que incluíu un contrato de arrendamento máis curto, de 39 anos, que a Autoridade Portuaria considerou innegociábel. Posteriormente, Vornado retirouse, e a oferta de Silverstein polo contrato de arrendamento do World Trade Center foi aceptada o 26 de abril de 2001, e pechada o 24 de xullo dese mesmo ano.

Atentados do 11 de setembro de 2001

right|miniatura|Segundos despois de que o voo 175 de United Airlines se estrelase contra a Torre Sur, unha bóla de lume xurdiu no alto. O martes 11 de setembro de 2001, un grupo de terroristas, pertencentes á Al Qaida, secuestraron 2 voos comerciais: o voo 11 de American Airlines foi estrelado contra a fachada norte da Torre Norte, ás 8:46:40 h; o avión impactou entre os pisos 93 e 99. 17 minutos despois, ás 9:02:59, un segundo equipo de terroristas estrelaron o tamén secuestrado (e de maneira similar ao anterior) voo 175 de United Airlines contra a Torre Sur; o impacto ocorreu entre os andares 77 e 85. O dano causado á Torre Norte polo voo 11 destruíu toda vía de escape dende arriba da área de impacto, atrapando a 1 344 persoas. O voo 175, en comparación co voo 11, tivo un impacto moito menos centrado, e unha única escaleira ficou intacta; porén, só 18 persoas lograron pasar pola mesma exitosamente iñantes de que a torre se derrubase. Malia que a Torre Sur foi impactada máis abaixo ca a Torre Norte, afectando así a máis pisos, un número menor de persoas, algo menos ca 700, morreron instantaneamente ou ficaron atrapadas. En total morreron 2 763 persoas que se atopaban nas torres no momento do ataque.11-S: los 149 minutos de caos y terror que cambiaron el mundo (10-09-2021). BBC.com.

O colapso das dúas torres principais tamén supuxo a destrución do World Trade Center 3, un hotel de 22 andares. Na tarde dese mesmo 11 de setembro, ás 17:21, derrubouse o WTC 7 por mor dun incendio e danos estruturais. Os tres edificios restantes do complexo resultaron gravemente danados, tendo que ser derruídos despois.

Descrición do complexo Torres Norte e Sur thumb|right|Plano do complexo WTC orixinal.