O Premio Álvaro Cunqueiro para textos teatrais é un premio de literatura dramática en lingua galega convocado primeiro anualmente polo IGAEM e financiado pola Xunta de Galicia e logo bienal e convocado polo AGADIC.
Historia e características Convócase dende o ano 1988 e ata hai pouco era o premio máis prestixioso e con mellor dotación económica de teatro galego, superado agora polo Premio Rafael Dieste que organiza a Deputación da Coruña e implica a representación do texto premiado.
A dotación actual do premio inclúe a publicación da obra gañadora e, nun principio, implicaba a súa representación por parte do Centro Dramático Galego. Esta última era incumprida frecuentemente e xeraba certa polémica, polo que acabou por ser retirada das bases e substituída por unha base, a oitava, que implicaba "sacar a concurso a posta en escena do texto premiado".
Na convocatoria do ano 2006 suprimiuse tamén esta base e actualmente a dotación consiste na posibilidade da publicación do texto (se hai orzamento) e en 6000 euros, cantidade semellante á coa que foi dotado no momento da súa creación no ano 1988.
Inicialmente tivo unha periodicidade anual, pero en 2013 pasou a ser bienal.
Obras premiadas 1988 (I edición): Roberto Salgueiro por O arce do xardín. 1989 (II edición): Euloxio R. Ruibal por Azos de esguello. 1990 (III edición): Agustín Magán por Os rebertes. 1991 (IV edición): Roberto Vidal Bolaño por Saxo tenor. 1992 (V edición): Andrés A. Vila e Xosé Cid Cabido por Copenhague. 1993 (VI edición): Manuel Riveiro Loureiro por O prazo. 1994 (VII edición): Raúl Dans por Lugar. 1999 (VIII edición): premio deserto. 2000 (IX edición): Roberto Salgueiro por Eliana en ardentía ou Bernardo destemplado. 2001 (X edición): Afonso Becerra de Becerreá por Agnus patris. 2002 (XI edición): Roberto Salgueiro por Molière final. 2003 (XII edición): Siro López por Hai que confiar na esperanza. 2004 (XIII edición): Antón Lopo por Os homes só contan até tres. 2005 (XIV edición): Rubén Ruibal por Limpeza de sangue. 2006 (XV edición): Manuel Guede por Ocaso Otero. 2007 (XVI edición): Roberto Salgueiro por Historia da chuvia que cae todos os días. 2008 (XVII edición): Teresa González Costa por Sempre quixen bailar un tango. 2009 (XVIII edición): Manuel Lourenzo por Flores de Dunsinane. 2010 (XIX edición): Raúl Dans por Chegamos despois a unha terra gris. 2011 (XX edición): Marcos Abalde por A cegueira. 2012 (XXI edición): Gustavo Pernas por Isobaras. 2014 (XXII edición): Santiago Cortegoso por Raclette. 2016 (XXIII edición): Manuel Lourenzo por Suite Artabria. 2018 (XXIV edición): AveLina Pérez por Ás oito da tarde, cando morren as nais. 2020 (XXV edición): Carme Varela por As desterradas. 2022 (XXVI edición): Fernando Castro Paredes por O traxe. 2024 (XXVII edición): Avelina Pérez por Incidencia muller pedra.
Notas
Véxase tamén Outros artigos Premio Álvaro Cunqueiro de narrativa
Alvaro Cunqueiro Categoría:Álvaro Cunqueiro