Esther Ballestrino de Carreaga, Teresa, nada no Uruguai o 20 de xaneiro de 1918 e finada o 17 ou 18 de decembro de 1977, foi unha mestra, bioquímica e activista social uruguaia-paraguaia que foi unha das fundadoras da asociación das Nais de Praza de Maio, dedicada a buscar aos "desaparecidos" durante a guerra sucia na Arxentina, motivo polo cal foi secuestrada, torturada e asasinada.

A súa vida Esther Ballestrino naceu no Uruguai pero creceu en Paraguai onde a súa familia se mudou cando era pequena. Alí recibiuse de mestra e Doutora en Bioquímica e Farmacia na Universidade Nacional de Asunción. En Paraguai Esther identificouse coas ideas do Febrerismo, un movemento de ideas socialistas e, na década de 1940 fundou o Movemento Feminino de Paraguai do que foi a súa primeira secretaria xeral.

Perseguida pola ditadura militar de Higinio Morinigo refuxiouse na Arxentina en 1947, onde contraeu matrimonio con Raymundo Carreaga, con quen tivo tres fillas.

O 24 de marzo de 1976 produciuse un golpe de estado na Arxentina que instalou un réxime fundado no terrorismo de estado. Os seus dous xenros, Manuel Carlos Cuevas e Ives Domergue foron secuestrados e desaparecidos, e a súa filla Ana María Carreaga, con tres meses de embarazo, foi secuestrada o 13 de xuño de 1977, para ser levada e torturada no centro clandestino de detención Club Atlético.

Esther comezou entón a organizarse con outros familiares de desaparecidos e a participar das roldas na Praza de Maio que orixinaron a asociación Nais de Praza de Maio e a colaborar con Familiares de Desaparecidos y Detenidos por Razones Políticas e a Liga Argentina por los Derechos del Hombre.

En outubro de 1977 Ana María foi liberada e tanto Esther como as súas tres fillas refuxiáronse primeiro no Brasil e logo en Suecia. Con todo, volveu á Arxentina pouco despois. As outras nais entón quixeron persuadila que era moi perigoso quedar e que debía volver a Suecia. A súa filla Ana María conta que a súa nai contestou: "No, voy a seguir hasta que aparezcan todos" .

Desaparición, secuestro, tortura e asasinato Entre o xoves 8 de decembro e o sábado 10 de decembro de 1977 un grupo de militares baixo o mando de Alfredo Astiz secuestrou a un grupo de 12 persoas vinculadas á Nais de Praza de Maio. O grupo completo secuestrado estaba integrado por Azucena Villaflor de Vicenti, Esther Ballestrino de Careaga, María Ponce de Bianco (as tres fundadoras de Nais de Praza de Maio), as monxas Alice Domon e Léonie Duquet, e os activistas de dereitos humanos Angela Auad, Remo Berardo, Horacio Elbert, José Julio Fondevilla, Eduardo Gabriel Horane, Raquel Bulit e Patricia Oviedo.. Entre elas atopábase Esther Ballestrino, xunto coas outras fundadoras de Nais de Praza de Maio Azucena Villaflor e María Ponce, e as monxas francesas Alice Domon e Léonie Duquet.

Esther foi secuestrada o 8 de decembro coa maior parte do grupo na Igrexa Santa Cruz situada no barrio de San Cristóbal da cidade de Buenos Aires, onde adoitaban reunirse.

Foi levada directamente ao centro clandestino de detención situado na Escuela de Mecánica de la Armada (ESMA), baixo o control da Mariña Arxentina, onde foi recluída no sector denominado "Capucha". Alí permaneceu aproximadamente 10 días, lapso durante o cal foi constantemente torturada. No Informe Nunca Más as testemuñas Maggio e Cubas, sobreviventes da ESMA, relataron o que sabían sobre a súa sorte:

Probabelmente o día 17 ou 18 de decembro de 1977, Esther e o resto do grupo, foron "trasladadas" ao aeroporto militar que se atopa no extremo sur do Aeroparque da cidade de Buenos Aires, subidos sedados a un avión da Mariña e guindadas vivas ao mar fronte á costa de Santa Teresita, morrendo ao chocar contra a auga.

Identificación do seu corpo e enterro O 20 de decembro de 1977 comezaron a aparecer cadáveres provenientes do mar nas praias da provincia de Buenos Aires á altura dos balnearios de Santa Teresita e Mar do Tuyú. Os médicos policiais que examinaron os corpos nesa oportunidade rexistraron que a causa da morte fora "el choque contra objetos duros desde grande altura", como indicaban o tipo de fracturas óseas constatadas, sucedidas antes da morte. Sen realizar máis investigacións as autoridades locais dispuxeron de inmediato que os corpos fosen enterrados como NN no cemiterio da próxima cidade de General Lavalle.

En 1984 no marco da investigación da CONADEP e do Xuízo ás Xuntas realizáronse escavacións no cemiterio de General Lavalle, atopándose unha gran cantidade de restos oseos provenientes dos cadáveres achados nas praias de San Bernardo e Lucila do Mar. Estes restos foron utilizados no xuízo ás Xuntas e gardados logo en 16 bolsas.

A partir de entón o xuíz Horacio Cattani empezou a acumular causas sobre desaparecidos. A pesar das leis de Punto Final e Obediencia Debida, que paralizaron as investigacións, Cattani logrou armar en 1995 un arquivo de 40 metros cadrados onde aloxar todas esas probas.

En 2003 o intendente de General Lavalle informou que se localizaron novas tumbas de NN no cemiterio da cidade. O xuíz Cattani ordenou entón realizar novas escavacións co Equipo Arxentino de Antropoloxía Forense (EAAF), descubríndose dúas liñas de tumbas, unha por encima da outra. Descubríronse así 8 esqueletos, 5 correspondentes a mulleres, 2 correspondentes a homes e un, clasificado como GL-17, que se definiu como "probabelmente masculino".

Cattani mandou os ósos ao laboratorio de Inmunoxenética e Diagnóstico Molecular (LIDMO) de Córdoba, pertencente ao EAAF. Os resultados do laboratorio foron determinando que os restos pertencían ao grupo de secuestrados entre os días 8 e 10 de decembro de 1977. O 8 de xullo de 2005 o xuíz Cattani recibiu o informe establecendo que un dos restos individualizados pertencían a Esther Ballestrino.

O día 24 de xullo de 2005, 28 anos logo de ser asasinada, Esther Ballestrino foi enterrada no xardín da Igrexa Santa Cruz, en Buenos Aires, xunto a María Ponce de Bianco, unha das tres nais secuestradas con ela. Con posterioridade tamén foron sepultadas alí a Irmá Léonie Duquet e a activista Angela Auad. As cinzas de Azucena Villaflor foron esparexidas na Praza de Maio.

Coñecemento e encubrimento por parte do Goberno dos Estados Unidos Documentos secretos do goberno dos Estados Unidos desclasificados en 2002 proban que o goberno norteamericano sabía desde 1978 que os corpos sen vida das monxas francesas Alice Domon e Léonie Duquet e as nais de Praza de Maio Azucena Villaflor, Esther Ballestrino e María Ponce, foran atopadas nas praias bonaerenses. Esta información foi mantida en segredo e nunca foi comunicada ao goberno arxentino.

O dato está incluído en Documento Nº 1978-BOS-02346 dirixido polo entón Embaixador dos Estados Unidos na Arxentina, Raúl Castro, ao Secretario de Estado dos Estados Unidos, leva data do 30 de marzo de 1978 e menciona como obxecto "Informe sobre monjas muertas". Textualmente o documento di:

Notas

Véxase tamén Outros artigos Guerra sucia na Arxentina Voos da morte Centros clandestinos de detención

Ligazóns externas Clarín, 4 de decembro de 2005. Otra víctima de los vuelos de la muerte The National Security Archive. US Declassified Documents: Argentine Junta Security Forces Killed, Disappeared Activists, Mothers and Nuns.

Categoría:Nais de Praza de Maio Categoría:Profesores do Uruguai Categoría:Nados no departamento de Río Negro Categoría:Nados en 1918 Categoría:Finados en 1977