La Graciosa é unha illa que pertence á provincia das Palmas, nas Canarias (España). Forma parte do arquipélago Chinijo, xunto cos illotes de Montaña Clara, Roque del Este, Roque del Oeste e Alegranza, que pertence ao concello de Teguise, en Lanzarote. A economía insular está baseada principalmente no turismo.
Está situada ao noroeste de Lanzarote, illa da que depende administrativamente e da que a separa un brazo de mar coñecido como El Río. Tamén está relativamente próxima á costa continental africana.
Status O 26 de xuño de 2018 a Comisión Xeral das Comunidades Autónomas do Senado aprobou por unanimidade unha moción que recoñece a La Graciosa como a oitava illa habitada das Canarias deixando de ser considerada como un illote. Con todo, esta medida non a equipara ao resto das illas do arquipélago, pois La Graciosa continúa pertencendo ao municipio lanzaroteño de Teguise e tampouco ten cabido insular propio (órgano político imprescindible para a súa equiparación ao resto de illas do arquipélago).
Con esta medida, o status de La Graciosa é de illa con pedanía, é dicir, de entidade local menor con personalidade xurídica. Ten orzamento propio que se inviste directamente nos servizos públicos necesarios para os veciños. Esta medida recoñece a La Graciosa como a oitava illa habitada do arquipélago canario, pero continúa dependendo administrativamente de Lanzarote.
Historia Foi conquistada en 1402 polo explorador normando Jean de Béthencourt, baixo o vasallaxe de Henrique III de Castela.
A orixe da poboación remóntase ao século XIX. En 1861 o Goberno permite á empresa anglo-española Cappa y Maqueda o establecemento dunha factoría de salgadura de peixe. Este establecemento implicou a construción dos almacéns e as primeiras casas da illa. A finais do século XIX, co afán por establecer as pesqueiras canario-africanas na illa, formouse a aldea de Caleta de Sebo.
Xeografía La Graciosa é a maior das illas e illotes que compoñen o Arquipélago Chinijo, cunha superficie duns 29 km². Ao sur predominan largas praias de areas claras, como as da Cocina e a dos Franceses. Tamén no litoral atópanse os seus dous asentamentos urbanos: Caleta de Sebo, núcleo de poboación orixinario e capital da illa, e Pedro Barba, unha pequena urbanización turística. Igual que o resto das illas Canarias, a súa orixe é volcánica.
Entre os seus puntos xeográficos destacan os seguintes: Agujas Grandes (266 m) Agujas Chicas (189 m) Montaña del Mojón (188 m) Montaña Amarilla (172 m) Montaña Bermeja (157 m) Praia de Las Conchas
Demografía Segundo datos do INE, en 2019 tiña unha poboación de 737 habitantes, distribuídos da seguinte maneira: Caleta de Sebo: 733 hab. Pedro Barba: 3 hab. Diseminado: 1 hab.
+ Variación demográfica de La Graciosa (INE) 2000 2001 2002 2003 2004 2005 2006 2007 2008 626 615 626 621 630 637 658 640 648
Administración e política A diferenza das outras sete illas das Canarias, La Graciosa non ten cabido insular propio. A illa depende administrativamente do concello lanzaroteño de Teguise, no que posúe un concelleiro.
Comunicacións A illa é accesible unicamente por mar, a través do porto de Caleta de Sebo, que comunica La Graciosa coa localidade lanzaroteña de Órzola, no concello de Haría. Tamén posúe un heliporto situado moi preto de Caleta de Sebo.
Festas No referente aos festexos populares que se celebran na illa destaca a Festa da Virxe do Carme tamén chamada Virxe do Mar, patroa de La Graciosa. A festa celébrase na Igrexa da nosa Señora do Carme que é igrexa parroquial de Caleta de Sebo, a capital da illa. Nesta festa destaca a embarcación da Virxe que se celebra ao redor do 16 de xullo.
Panorama
Notas
Véxase tamén
Categoría:Arquipélago Chinijo