O peto negro (Dryocopus martius) é un peto da subfamilia dos petos auténticos (Picinae). É o peto de tamaño meirande do continente europeo, se exceptuamos as especies probablemente extintas (Campephilus imperialis) e (Campephilus principalis), o segundo peto do mundo en tamaño, despois da especie asiática (Mulleripicus pulverulentus). As dúas subespecies de peto negro están repartidas por unha grande área do Paleártico setentrional e central.
Descrición O talle e o deseño da plumaxe dos petos negros fan que sexa difícil de confundir con outras aves. Os exemplares da subespecie nominativa, D. m. martius, acadan os 48 cm. de lonxitude, cunha envergadura de ás duns 70 cm. A subespecie D. m. khamensis é de talle semellante pero de ás algo máis longas. O peso varía, dependendo das dispoñibilidade de alimentos, entre os 260 e os 340 gramos. Como regra, os individuos setentrionais son algo meirandes e máis pesados.HBV (1994) Bd. 9. S. 966 A súa plumaxe é completamente negra, agás na parte superior da cabeza. Coa luz axeitada esta cor negra amosa pequenas diferenzas de matiz. A parte superior do corpo ten tons máis escuros e brillantes e as plumas poden ter reflexos azulados. A inferior é máis mate con lixeiros tons agrisados ou acastañados. As rémixes primarias son a miúdo algo máis claras e cun matiz máis castaño có resto das plumas das ás. Cando están pousados a cola, longa e gallada, é ben visible. O bico, de base ancha, mide uns 5 ou 6 cm. e é de cor branca agrisada coa punta gris escura. O iris dos ollos dos adultos, que de lonxe semella branco, é de cor crema. Os dedos son grises claros, coas unllas algo máis escuras.
As femias son, de media, algo máis pequenas e lixeiras cós machos, aínda que este dato é pouco significativo para identificalas en condicións de liberdade.Blume (1996) S. 20 O signo distintivo entre os sexos máis evidente é a área de coloración vermella da cabeza, que nos machos abrangue dende a base do bico ata case a caluga e nas femias vai da parte posterior da cabeza ata ó comezo da caluga. As plumas das femias son algo máis mates cás dos machos. esquerda|miniatura|Macho novo de peto negro Os exemplares novos son máis claros: en especial as plumas rectrices son máis axiña grises acastañadas cá negras. O bico dos xoves é da cor do marfil e o iris ocular negro. A área vermella da cabeza cobre aproximadamente a mesma área cá dos adultos, pero ten unha cor máis mate. Os petos negros novos cambian á plumaxe adulta á fin do seu primeiro ano de vida.
Voz e sons Os petos negros son aves ruidosas, aínda que as diferenzas de actividade sonora entre os diferentes exemplares son significativas. Os dous sons vocais máis habituais son un berro que emiten cando voan e unha especie de queixume que usan habitualmente para marca-lo territorio ou indicar a súa presenza. Ámbolos dous berros poden escoitarse durante todo o ano coa excepción da época final da incubación e durante a cría dos polos e óense ata case un quilómetro de distancia, ou máis se as condicións climáticas son boas. O berro territorial utilízano tamén cando se senten molestados, e, cando están moi excitados, repíteno en intervalos de poucos segundos. Variacións do mesmo son emitidas en situacións de conflito e unha estrofa especial, alta e de son metálico, que serve para a atracción sexual e a marca territorial déixase oír só na época reprodutora. Ademais destes sons, ámbolos dous sexos dispoñen dunha serie de berros baixos, algúns deles guturais, que emiten en momentos de gran excitación sexual. O ruído que producen cando petan co bico na madeira serve tamén para as funcións de marcaxe do territorio e de establecer e reafirmar as relacións. O batido ten unha frecuencia aproximada de 17 golpes por segundo en series de ata 60 golpes. Estes sons son producidos polos dous sexos, por ben que as femias os producen máis ó raro e en series máis curtas e lentas. Exemplo de sons producidos polo peto negro.
Distribución miniatura|450px|Distribución xeográfica do peto negro Viven en case todo o norte e centro do Paleártico, faltando en Islandia e as illas Británicas. A súa área de cría comeza no suroeste de Europa, en illas de poboación nas zonas montañosas do norte de España, continúa por boa parte de Francia, e o centro e leste do continente, seguindo pola taiga boreal ata Kamchatka, e as illas de Sakhalín, Hokkaido e o norte da de Honshu. No norte de Europa aparecen en Dinamarca, boa parte de Noruega, Suecia, Finlandia e nas Repúblicas Bálticas. En Escandinavia as súas poboacións chegan ó Círculo Polar Ártico. No sur e Sueste de Europa aparecen nos Balcáns, na fronteira norte de Italia e nunha pequena área illada no suroeste deste estado. Non cría actualmente en ningunha illa mediterránea coa excepción da de Cefalonia, e en Asia Menor crían só na montañas Pónticas. Son máis comúns no Cáucaso, Transcaucasia e nas costas iranianos do mar Caspio. No leste de Asia crían ata á provincia setentrional chinesa de Shanxi, e acadan polo leste o norte de Corea do Sur. Poboacións illadas da variedade D. m. khamensis crían no oeste da cordilleira de Kunlun, no nordeste do Tíbet e no noroeste do Sichuan.
Escollen para criar tanto bosque alpinos coma bosques de zona baixas. En Centroeuropa, por exemplo, localizáronse niños de peto negro a máis de 2200 metros de altura sobre o nivel do mar no cantón suízo de Graubünden HBV (1994) Bd. 9. S. 972, aves da subespecie nominativa crían nos montes Altai por riba dos 3500 m. e as da variedade D. m. khamensis foron observadas por riba dos 4000.Günther (2002) S. 5.
Desprazamentos Os petos negros adultos son moi fieis o seu territorio e mesmo os que viven máis ó norte tentan resistir nel durante os invernos máis duros. Só en casos de moita falta de alimentos se deciden a facer viaxes de pouca distancia. Non está claro se estes movementos son regulares nas zonas máis setentrionais da súa distribución. Mesmo as aves novas que deixan a familia non adoitan desprazarse a máis de 50 km do seu lugar de nacemento, aínda que, se non se dan as condicións axeitadas para crear o propio territorio, poden facer viaxes de case 500 ou, ocasionalmente, 1.000 km Gorman (2004) p. 94 Mitteleuropäische Spechte dismigrieren vor allem in westliche oder südöstliche Richtungen.
Hábitat Son aves moi adaptables, o que lles permite criar con éxito en hábitats moi variados. Se cadra o lugar ideal para a especie son os bosques submontanos centroeuropeos. de faias con algúns abetos espallados. Nestes e nos bosques mixtos de piñeiro e carballo danse as concentracións meirandes de exemplares.HBV (1994) Bd. 9. S. 975 Densidades menores atópense en case calquera tipo de bosque, sempre que haxa unha certa cantidade de coníferas, e de árbores altas, illadas e de casca lisa, que lles faciliten a perforación de niños e refuxios, así como unha cantidade suficiente de alimentos. O biótopo axeitado debe ofrecer tamén árbores mortas ou caídas, pero adáptanse tamén a vivir en plantacións de árbores. A miúdo crían en áreas de pouco tamaño e moi fragmentadas, pero gústanlles tamén os bosques grandes. Se son tolerados poden vivir preto de zonas habitadas, ocasionalmente mesmo en parques. A estrutura exacta e a idade dos bosques non parecen ter unha importancia decisiva á hora de escoller un territorio: en Noruega na zona da taiga prefiren os bosques de píceas e álamos, a miúdo nas beiras de ríos ou de claros. No Báltico son habitantes de piñeirais mestos e en Hungría, España e Francia viven en bosque mixtos de faias nos que haxa algunhas coníferas.Gorman (2004) p. 84f En Francia aparecen mesmo en bosques caducifolios puros. As densidades de poboación son moi variables. En condicións óptimas os territorios poden ter menos de 100 hectáreas. Así, nos bosques caducifolios case naturais de Spreewald, no Land alemán de Brandeburgo, contáronse 1,3 territorios por cada 100 Ha.Thomas Noah: Siedlungsdichte, Habitat und Bestandsentwicklung der Spechte im NSG "Innerer Unterspreewald". Otis 8, 2000: S. 75-98 En xeral, porén, os territorios son moito máis grandes, dunhas 400 Ha. de media na Europa central e de ata máis de 1000 en áreas menos xeitosas.
Sistemática miniatura|300px| Dryocopus pileatus , parente próximo do peto negro da zona neártica O xénero Dryocopus engloba segundo as clasificacións actuais Winkler (1995) sete especies de petos de tamaño grande ou moi grande, de plumaxe negra ou branca e negra. Máis destas especies teñen tamén as plumas da parte superior da cabeza vermellas. Tres delas viven principalmente na rexión neotrópica, dúas na paleotrópica , unha na neártica e outra, o peto negro, na paleártica .
A forma nominativa do peto negro Dryocopus martius martius, aparece en case toda a área de distribución da especie, a outra subespecie, D. m. khamensis, pouco diferenciada, vive illada na rexión do leste de Kunlun Shan e nas zonas exteriores do leste do Tíbet.
Cítase ocasionalmente unha terceira subespecie, D. m. pinetorum, distribuída principalmente por Europa, pero non universalmente recoñecida.
Alimentación A base da alimentación dos petos negros son os insectos, principalmente as formigas. O volume de alimento vexetal na súa dieta, principalmente froitas, bagas e sementes de coníferas, é pouco significativa. As presas máis habituais dos petos negros son os insectos de tamaño meirande coma imagos, larvas e pupas de formigas dos xéneros Camponotus , Formica , Lasius e Myrmica. A presenza de formigas na súa dieta pode chegar, con variacións anuais, ata máis do 90% do total. As formigas, singularmente as do xénero Camponotus, son tamén a base da alimentación dos polos.Gorman (2004) p. 86 Diversos tipos de escaravellos forman tamén unha parte significativa da súa alimentación. E outras especies de insectos coma a avéspora Urocerus gigas poden ser presas habituais cando abundan moito. Raras veces se atopan restos de dípteros, bolboretas, arañas ou pequenos caracois nos exames alimenticios feitas a exemplares da especie. Excepcionalmente capturan vertebrados, coma tritóns, polo se ovos doutras aves.
Obtención da comida miniatura|250px|Pegadas do traballo dun peto negro Capturan as formigas que viven nas árbores abrindo os seus niños e camiños de paso con fortes golpes do bico na madeira. O resultado desta actividade cazadora adoitan ser sucos alongados, a miúdo en ángulo recto, que poden ser moi fondos. Levantan tamén anacos grandes de casca para extrae-los insectos que viven debaixo. A finais do outono e no inverno atacan sobre todo os niños de formigas do xénero Formica, nos que se poden concentrar ás veces diversos exemplares de peto negro, e, ocasionalmente, mesmo exemplares de peto verde ou peto cincento. Para chegar ós niños poden atravesar grosos de neve de ata preto dun metro.Gorman (2004) p.87.
Conduta Actividade, descanso e desprazamentos Coma tódolos petos son aves diúrnas. As súas horas activas coinciden en xeral coas horas de sol. As femias adoitan comezar a xornada activa algo máis tarde cós machos. As horas de máis actividades concéntranse nas primeiras horas da mañá e últimas de tarde. Entre estes momentos fan, fora da época reprodutora, unha pausa longa para descansar. Aproveitan tamén as primeiras horas da maña tamén para as actividades de cortexo e sexuais e para as fases máis intensas de construción ou adaptación dos furados para face-lo niño. Os petos negros dormen nos mesmos ocos que utilizan para poñe-los ovos na época de cría, buratos que utilizan mesmo polo día se o clima é desfavorable.