Laura Pausini OMRI, nada en Faenza o 16 de maio de 1974, é unha cantante italiana. Adquiriu notoriedade a partir de 1993 coa súa participación no Festival de Sanremo.

É unha das estrelas italianas máis coñecidas a nivel internacional. O 8 de febreiro de 2006 asignóuselle o Premio Grammy, recoñecemento musical internacional considerado equivalente ó Premio Oscar cinematográfico, polo mellor álbum de pop latino do ano. O 8 de novembro de 2007 gañou o Grammy Latino ó mellor álbum feminino por Io canto. Laura Pausini vendeu, en 23 anos de carreira, preto de 70 millóns de discos en todo o mundo.

Traxectoria Filla de Fabrizio e Gianna, creceu en Solarolo. No aspecto musical, comezou a cantar en locais de pianobar co seu pai á idade de 8 anos. Ós 13, en 1987, gravou o seu primeiro álbum, I sogni di Laura (Os soños de Laura). O devandito traballo constituíu unicamente un modo de publicitar o seu traballo nos pianobar desenvolto pola propia Laura Pausini e do seu pai Fabrizio, e estaba dispoñible unicamente para os espectadores que asistían ós espectáculos do dúo, de xeito que non se pode incluír na discografía oficial da cantante. I sogni di Laura contén trece temas dos cales dous están escritos por ela, aínda que os asina o pai por ser demasiado nova, e os restantes son versións de cancións famosas.

Participou en varios concursos en Emilia-Romaña, pero a súa grande ocasión chegou en 1991, cando pasou con éxito a selección para participar no Festival di Castrocaro, non conseguindo acadar a final, pero esta experiencia permitiulle participar no Festival di Sanremo, onde comezou o pulo da súa carreira.

Do festival ó primeiro disco Fíxose famosa en 1993 logo de gañar o Festival di Sanremo na categoría Nuove Proposte cunha das súas cancións máis notorias e apreciadas aínda na actualidade, "La solitudine" (A soidade). Publicou o seu primeiro álbum oficial, Laura Pausini e os seus primeiros sinxelos foron "La Solitudine", "Non c'è" e "Perché non torna più". O traballo acadou un importante éxito vendendo 2 500 000 de copias en 37 países e chegando ós primeiros postos nos Países Baixos e Bélxica.

Laura, o segundo álbum En 1994 chegou a a Sanremo con "Strani amori" e acadou o terceiro posto: a clasificación confirmou o resultado, lanzando ó "top" de éxitos o sinxelo. Coma os máis grandes nomes do panorama musical italiano, Eros Ramazzotti, Gino Paoli, Ivana Spagna e Zucchero, tamén Pausini conquistou o mercado internacional, algo que a afastou da súa Italia natal por preto de dous anos. A súa música deu a volta ó mundo e gravou en español, portugués, inglés e francés, pasando a converterse nunha das cantantes italianas máis coñecidas internacionalmente. Trala vitoria en Sanremo mudouse a Milán e publicou en 1994 o seu segundo traballo Laura, que contén "Strani amori", e inclúe outros grandes éxitos como: "Gente", "Un amico è così", "Lui non sta con te" e "Lettera". Este segundo álbum superou as vendas do primeiro con preto de 4 000 000 de copias no mundo.

Éxito no mundo latino O seu primeiro álbum en español, Laura Pausini de 1994, foi un éxito de vendas en España e América Latina. O fenómeno deuse primeiro no Hot Latin Tracks do Billboard, éxito que a levou de inmediato ó primeiro posto da clasificación de revelacións femininas de 1995, por diante de Mariah Carey. No mesmo ano recibiu o Oscar da música, o "World Music Award", que se entrega en Montecarlo por vender o maior número de discos no mundo. En Miami obtivo o premio "Lo Nuestro", ó que lle seguiu o Globo de platino por ser a primeira cantante non española en conseguir o millón de copias vendidas en España.

Le cose che vivi e o World wide tour '97 En 1996 publicou Le cose che vivi (editado en España baixo o título Las cosas que vives, tradución literal do orixinal) que saíu á venda en tres versións distintas en italiano, español e portugués (esta última versión contén tódolos temas en italiano, e a versión portuguesa de tres deles). En Suecia iniciou o Tour que a levou ante millóns de fans: o World Wide Tour '97 que percorreu París, Lisboa, Rotterdam, Madrid, Bruxelas e Montecarlo. Conquistou a cifra de 80 discos de platino, sumados a outros numerosos pequenos e grandes recoñecementos.

La mia risposta En 1998 saíu La mia risposta, publicado en 50 países en dobre versión: italiano e español (baixo o título de Mi respuesta). O álbum representou unha evolución musical da artista, grazas a temas na atmosfera do soul, cunha boa dose de melodía, que caracterizou sempre os discos de Pausini. Contén "Un'emergenza d'amore" e "In assenza di te" (na versión castelá "Una emergencia de amor" e "En ausencia de ti"). Como peche do álbum inclúese un tema en lingua inglesa ("Looking for angel"), escrito para Laura por Phil Collins.

One more time e Pavarotti & Friends En 1999 interpretou o tema "One more time" para a banda sonora da película Mensaxe nunha botella, con Kevin Costner e Paul Newman. Iniciou un breve tour europeo, á conclusión do cal viaxa ós Estados Unidos co seu novo produtor, David Foster, o mesmo de intérpretes coma Mariah Carey e Céline Dion. No mesmo ano participou con éxito no "Pavarotti and Friends", cantando cos máis grandes artistas de fama internacional "We Are the World". A dúo con Pavarotti, cantou "Tu che m'hai preso il cor".

Tra te e il mare Publicou en 2000 un álbum homónimo da canción composta por Biagio Antonacci, "Tra te e il mare", tamén incluída no traballo. Contén famosos éxitos entre os que destacan "Il mio sbaglio più grande" (no vídeo do cal aparece brevemente a irmá de Laura, Silvia) e "Viaggio con te" dedicada ó seu pai. "Per vivere" está dedicada ós nenos que Laura apadriñou no Brasil. Pecha o disco "The extra mile", que aparece na banda sonora do filme Pokémon: The Movie 2000.

The best of Laura Pausini e Live a Milano En 2001, para Laura chegou o momento de resumir os seus oito anos de carreira. Fíxoo coa publicación do seu primeiro recompilatorio, baixo o título de The best of Laura Pausini - E ritorno da te, con dous temas inéditos "E ritorno da te" e "Una storia che vale". Ademais destes últimos Laura incluíu no disco unha canción nunca recollida nos álbums anteriores, "One More Time" banda sonora da cinta Mensaxe nunha botella con Kevin Costner e Paul Newman. En España, este recompilatorio inclúe tamén un dúo co cantante José el Francés, o tema "Dime":

O álbum vendeu case 4 millóns de copias en todo o mundo, 800 000 delas en Italia e obtivo un importante éxito en Francia con 900 000 copias. O vídeo de "E ritorno da te" gravouno Gabriele Muccino e o de "Una Storia Che Vale" Daniele Persica.

Ó disco foi acompañado dun tour mundial que comezou en Miami para logo levar a Laura por Suramérica e finalmente desembarcar en Italia e Europa, onde actuou no FilaForum D'Assago de Milán facendo un dúo con Biagio Antonacci. Este concerto foi transmitido pola canle italiana Canale 5 e publicado posteriormente en DVD.

From the inside e a aventura americana Tras 2 anos de traballo Laura desembarcou en América con "From the inside". O disco contén o éxito "Surrender", e recolle tamén "It's not good-bye" e "Every day is a Monday", versións inglesas dos sinxelos "In assenza di te" e "Il mio sbaglio più grande". O álbum colleitou un grande éxito tanto de crítica como de vendas, superando as 800.000 copias nos Estados Unidos, e os sinxelos "Surrender" e "If that's love" acadaron as primeiras posicións na clasificación Dance di Bilboard (superando artistas do calibre de Madonna e Justin Timberlake). Por desacordos coa casa discográfica americana para a promoción do disco, Pausini fixo só dous concertos nos Estados Unidos renunciando á xira e rexeitando a proposta dun segundo disco en inglés.

miniatura|dereita|250px|Laura Pausini

En 2003 publicou tamén en Italia From the inside. Fixo un dúo con Hélène Segara no tema "On n'oublie jamais rien, on vit avec". Participou no "Pavarotti&Friends", cantando "Il mondo che vorrei" e, a dúo con Pavarotti, "Tu che m'hai preso il cor". Neste ano en Suráfrica acadou o cume das clasificación con "It's not goodbye".

Resta in ascolto En 2004 volvou á escena musical italiana con Resta in ascolto e co respectivo álbum interpretado en español Escucha atento. O álbum está dispoñible tamén cun dvd en edición limitada que contén vídeos e entrevistas exclusivas. Entre as voces que colaboraron no traballo están a de Madonna, que agasalla a Laura cun tema titulado "Mi abbandono a te". Por outra banda, "Benedetta passione" é a canción que Vasco Rossi creou para Laura Pausini, e por último "Vivimi", escrita por Biagio Antonacci. O sinxelo de lanzamento do disco é "Resta in ascolto", canción que acadou a primeira posición nas clasificación de sinxelos durante un mes despois da publicación. O vídeo gravouse nos Estados Unidos, concretamente nos Ánxeles.

O segundo tema é o que Biagio Antonacci escribiu para ela, "Vivimi", cun vídeo gravado en Venecia. "Come se non fosse stato mai amore" é o terceiro sinxelo, seguido de "Benedetta passione", escrito Vasco Rossi. O último sinxelo promocional do traballo é "La Prospettiva di me". O disco situouse na súa primeira semana no mercado na primeira posición da lista de vendas italiana.

Live in Paris En novembro de 2005, saíu Live in Paris 05, álbum en directo que celebrou os doce anos de actividade da artista. Gravado no teatro Le Zenith de París, o CD contén 16 dos seus mellores éxitos, moitos cantados en lingua española ou portuguesa. O disco conclúe con "Vivimi", gravado no Wiltern Theater dos Ánxeles.

Premios Grammy O 8 de febreiro de 2006 gañou o Grammy ao mellor álbum latino con Escucha, sendo a primeira muller italiana que obtivo este galardón.

Dúas semanas despois gaña en Miami un premio "Lo Nuestro", organizado pola canle televisiva de fala hispana Univision, como "artista pop feminina do ano".

miniatura|Laura Pausini durante un concerto. Participou como invitada no Festival di Sanremo de 2006.

O 9 de xuño de 2006 o lugar onde medrou, Solarolo (provincia de Rávena), concedeulle a cidadanía honoraria por ter levado o lugar polo mundo.

Entre xullo e agosto 2006, Pausini participou nunha serie de concertos polos Estados Unidos xunto con outros cantantes latinos, como Marc Anthony e Marco Antonio Solís.

En agosto 2006, algún sitios web recolleron a noticia da publicación dun libro sobre Laura Pausini, titulado Fai quello che sei onde a artista falaría das numerosas satisfaccións profesionais dese ano no que venceu o Grammy e onde falaría así mesmo da súa vida persoal. Posteriormente saíron noticias que puñan en dúbida a veracidade da noticias, pero en marzo de 2007, Pausini confirmou que o libro estaba programado, pero que finalmente renunciou a el por motivos que non fixo públicos. O libro, Fai quello che sei publicouse definitivamente en Italia o 21 de novembro de 2007.

Io canto