Arturo Toscanini, nado en Parma o 25 de marzo de 1867 e finado o 16 de xaneiro de 1957, foi un músico italiano, considerado por moitos dos seus contemporáneos como un dos máis grandes directores de orquestra da época.
Traxectoria Toscanini iniciou a súa formación musical en Parma ao gañar unha bolsa para o conservatorio local, no que estudou cello. Tras os seus estudos, uniuse á orquestra dunha compañía de ópera coa que realizou unha xira por Suramérica. Mentres representaban Aida no Río de Xaneiro en 1886, o director da orquestra foi apupado polo público e obrigado a abandonar o escenario. Toscanini, afortunadamente, colleu a batuta animado polo resto de músicos comezando así, con 19 anos, a súa carreira como director.
En 1898, converteuse en director residente de A Scala de Milán, onde permaneceu ata 1908 e á que volvería nos anos 20. Ademais pasou polo Metropolitan Opera de Nova York (1908 - 1915) e Bayreuth (1930 - 1931), dirixindo tamén a New York Philharmonic Orchestra (1926 - 1936) e no Festival de Salzburgo (1934 - 1937).
Radicalmente oposto aos réximes fascistas de Alemaña e Italia, abandonou Europa para dirixirse aos Estados Unidos. Alí fundouse en 1937 a Orquestra Sinfónica da NBC para el e con ela actuou con regularidade ata 1954 na Radio Nacional. As súas actuacións convertérono no primeiro director de orquestra estrela dos modernos medios de comunicación de masas. A súa actividade como director de actuacións en directo para a radio continuou ata a súa retirada.
Toscanini era famoso polas súas interpretacións de Beethoven e Verdi. Realizou numerosas gravacións, especialmente cara ao final da súa carreira, a maioría delas publicadas. Amais diso, legou numerosas gravacións dispoñibles das súas interpretacións para a radio.
Obra Para a maioría das recompilacións da súa obra, as súas mellores gravacións son as seguintes:
Beethoven, Sinfonía nº 3 (1953, NBC Symphony; algúns prefiren a gravación de 1939). Beethoven, Sinfonía nº 7 (1936, Philharmonic-Symphony of New York) Beethoven, Sinfonía nº 9 (1952, NBC Symphony) Berlioz, Romeo e Xulieta (1947, NBC Symphony) Brahms, Sinfonía nº 1 (1951, NBC Symphony) Brahms, Sinfonía nº 2 (1952, NBC Symphony) Brahms, Sinfonía nº 4 (1951, NBC Symphony) Debussy, La Mer (1950, NBC Symphony) Dvořák, Sinfonía nº 9 (1953, NBC Symphony) Haydn, Die Jahreszeiten (1951, NBC Symphony) Mozart, A frauta máxica (1937, Festival de Salzburgo; pobre calidade sonora) Mozart, Requiem K. 626 (1950, NBC Symphony) Puccini, La Boheme (1946, NBC Symphony) Schubert, Sinfonía nº 9 (1953, NBC Symphony; algúns prefiren a gravación de 1941, Philadelphia Orchestra) Verdi, Requiem (1940, NBC Symphony; o son é mellor na gravación de 1951, NBC) Verdi, Falstaff (1937, Festival de Salzburgo; o son é mellor na gravación de 1950, NBC) Verdi, Otelo (1947, NBC Symphony; considerada por moitos como a máis perfecta gravación dunha ópera xamais realizada) Wagner, Die Meistersinger (1937, Festival de Salzburgo; pobre calidade sonora)
Categoría:Directores de orquestra de Italia Categoría:Paseo da Fama de Hollywood Categoría:Directores musicais do Teatro alla Scala Categoría:Nados en 1867 Categoría:Finados en 1957 Categoría:Nados en Parma