Henrique III de Inglaterra, tamén coñecido como Henrique de Winchester, nado en Winchester o e finado en Westminster o 16 de novembro de 1272, foi rei de Inglaterra, señor de Irlanda e duque de Aquitania desde 1216 ata a súa morte. Foi fillo do rei Xoán I de Inglaterra e da súa segunda esposa, Isabel de Angulema. Asumiu o trono con oito anos de idade, no transcurso da Primeira Guerra dos Baróns. O cardeal Guala declarou a guerra contra os baróns rebeldes como unha cruzada, e as forzas de Henrique, lideradas por William Marshal, derrotaron os rebeldes nas batallas de Lincoln e Sandwich en 1217. Henrique prometeu respectar a Gran Carta de 1225, na que se limitaba o poder real e se protexían os dereitos dos baróns. Os seus primeiros anos de reinado estiveron dominados por Hubert de Burgh e por Peter des Roches, que restableceron a autoridade real tras a guerra. En 1230, o rei tratou de reconquistar as provincias francesas que pertenceran ao seu pai, pero a invasión foi un fracaso. En 1232 tivo que se enfrontar coa revolta iniciada por Richard Marshal, que poñía fin ao acordo de paz negociado pola Igrexa.
Tras a revolta, Henrique gobernou Inglaterra persoalmente, no canto de delegar as funcións nos seus ministros. Viaxou menos cós seus predecesores e investiu grandes cantidades na mellora dos seus castelos e palacios favoritos. Casou con Aliénor da Provenza, coa que tivo cinco fillos. Henrique foi coñecido pola súa piedade, celebrando luxosas cerimonias litúrxicas e doando xenerosas cantidades ás obras de caridade. O rei foi particularmente devoto da figura de Eduardo o Confesor, a quen adoptou como santo patrón. Confiscou grandes sumas de cartos aos xudeus, alterando incluso a súa capacidade de facer negocios, e empeorando a súa relación con eles ata o punto de establecer o Estatuto dos Xudeus, co que pretendeu segregar a comunidade. Nun primeiro intento de reclamar as posesións familiares en Francia, invadiu Poitou en 1242, que o levou á desastrosa batalla de Taillebourg. Tras isto, confiou na vía da diplomacia, formando unha alianza co emperador Frederico II. Henrique apoiou o seu irmán Ricardo na súa pugna por converterse en Rei de romanos en 1256, pero foi incapaz de poñer o seu propio fillo Edmund no trono do Sicilia, a pesar de desembolsar grandes sumas de cartos. Pensou en marchar de cruzada ao Levante mediterráneo, pero impedíronllo as rebelións en Gascuña.
En 1258 o seu mandato era cada vez máis impopular, como resultado do fracaso das súas custosas políticas exteriores e a notoriedade dos seus medio irmáns poitevinos, os Lusignan, así como o papel dos seus oficiais na colecta de impostos e taxas. Unha coalición dos baróns, probablemente apoiada inicialmente por Aliénor, deu un golpe de Estado e expulsou os poitevinos de Inglaterra, reformando o goberno real a través das chamadas Provisións de Oxford. Henrique e o goberno dos baróns acordaron a paz con Francia en 1259 a través do Tratado de París, coa renuncia de Henrique aos seus dereitos en Francia en troco do recoñecemento por parte de Lois IX de Francia da súa lexitimidade no goberno de Gascuña. O réxime dos baróns colapsou, pero Henrique foi incapaz de reformar o goberno e a inestabilidade en Inglaterra continuou.
En 1263 un dos baróns máis radicais, Simon de Montfort, tomou o poder, resultando na Segunda Guerra dos Baróns. Henrique persuadiu o rei francés para que o apoiase e mobilizase ao seu exército. A batalla de Lewes de 1264 supuxo a derrota e captura de Henrique, que foi feito prisioneiro. O seu fillo máis vello, Eduardo, escapou do cativerio para derrotar a de Montfort na batalla de Evesham o ano seguinte e liberar así o seu pai. Henrique promulgou nun primeiro momento unha dura vinganza contra os rebeldes que aínda quedaban, pero foi persuadido pola Igrexa para que modificase as súas políticas a través do Dictum de Kenilworth. A reconstrución foi lenta e Henrique tivo que acceder a varias medidas, como unha maior represión para cos xudeus, para manter o apoio popular e dos baróns. O rei morreu en 1272, deixando a Eduardo como o seu sucesor. Foi soterrado na Abadía de Westminster, que reconstruíu na segunda metade do seu reinado, e os seus restos foron trasladados para a súa actual tumba en 1290. Atribuíronselle algúns milagres tras a súa morte, porén non foi canonizado.
Traxectoria Primeiros anos
miniatura|Os territorios do rei Xoán I de Inglaterra en Francia, c. 1200. Henrique naceu no castelo de Winchester o . Foi o primoxénito de Xoán I de Inglaterra e Isabel de Angulema. Coñécense poucos detalles dos seus primeiros anos. Inicialmente recibiu os coidados dunha ama de cría chamada Ellen no sur de Inglaterra, lonxe da corte itinerante do seu pai, e probablemente mantivo o vínculo coa súa nai. Henrique tivo catro irmáns lexítimos menores –Ricardo, Xoana, Isabella e Lionor– e varios irmáns ilexítimos maiores ca el. En 1212 a súa educación foille confiada a Peter de Roches, o bispo de Winchester; baixo a súa dirección, Henrique recibiu formación militar por parte de Philip D'Aubigny e aprendeu a montar a cabalo, probablemente coa axuda de Ralph de St Samson.
Hai poucos datos sobre o aspecto de Henrique. Probablemente medía 1,68 m de altura, e segundo as testemuñas rexistradas despois da súa morte, suxeriuse que tiña unha complexión forte, e unha pálpebra caída. Henrique mostrou nalgúns aspectos un temperamento feroz, mais, como o describe o historiador David Carpenter, tivo unha personalidade "amable, de trato fácil e comprensiva" na maior parte da súa vida. Foi un home honesto, mostrou as súas emocións con facilidade, con tendencia a conmoverse nos sermóns relixiosos ata o punto de chorar.
En principios do século XIII, o reino de Inglaterra facía parte do imperio anxevino esparexido por Europa Occidental. Henrique recibiu o seu nome na honra do seu avó, Henrique II, quen construíu esta vasta rede de territorios que se estendían desde Escocia e Gales, a través de Inglaterra, dende a canle da Mancha ata os territorios do Ducado de Normandía, a Bretaña, Maine e Anjou no noroeste de Francia, ata Poitou e Gascuña no suroeste. Durante moitos anos, a coroa francesa foi relativamente débil, o que permitiu tanto a Henrique II, como aos seus fillos Ricardo I e Xoán I dominar Francia.
En 1204, Xoán perdeu Normandía, a Bretaña, Maine e Anjou, que pasaron ás mans de Filipe II de Francia, limitando o poder inglés no continente aos territorios de Gascuña e Poitou. Xoán elevou os impostos para sufragar as súas campañas militares e recuperar estas terras, pero o descontento creceu entre moitos dos baróns ingleses. Xoán buscou novos aliados declarando Inglaterra como un feudo papal.
No ano 1215, Xoán e os baróns rebeldes negociaron un potencial tratado de paz, a Carta Magna. O tratado limitou os potenciais abusos do poder real, desmobilizou aos exércitos rebeldes e estableceu un acordo para compartir o poder; porén, na práctica ningunha das partes cumpriu coas súas obrigas. Xoán e os baróns leais repudiaron a Carta Magna, tralo cal comezou a Primeira Guerra dos Baróns, na cal os baróns rebeldes foron axudados polo fillo do rei de Francia, o futuro Lois VIII, quen reclamaba para el o trono inglés. A guerra derivou axiña nun status quo no que ningún dos bandos foi capaz de reclamar a vitoria. O rei enfermou e morreu a noite do 18 de outubro de 1216, deixando así a Henrique, de tan só nove anos, como herdeiro.
Chegada ao trono e rexencia (1216–26) Coroación miniatura|Unha imaxe do século XIII representando a coroación de Henrique III. Henrique permanecía a salvo da guerra no castelo de Corfe en Dorset xunto a súa nai cando Xoán morreu. No seu leito de morte, Xoán nomeou un consello de trece membros para axudar a Henrique a reclamar o reino, e pediu que o seu fillo quedase baixo a tutela de William Marshal, un dos máis coñecidos cabaleiros de Inglaterra Os líderes leais ao rei decidiron coroar a Henrique inmediatamente para reforzar o seu dereito ao trono. William nomeouno cabaleiro e o cardeal Guala Bicchieri, o legado papal en Inglaterra, supervisou a súa coroación na catedral de Gloucester o 28 de outubro de 1216. Debido á ausencia dos arcebispos de Canterbury e York, Henrique foi unxido polos bispos de Worcester e Exeter, e coroado por Peter des Roches. A coroa real desapareceu, non se sabe se vendida ou perdida, durante a guerra civil, polo que na cerimonia se utilizou unha simple coroa dourada pertencente á raíña Isabel.
O novo rei herdou unha difícil situación, coa metade de Inglaterra ocupada polos rebeldes e a maior parte das posesións continentais do seu pai aínda nas mans dos franceses. Tivo o importante apoio do cardeal Guala, quen tratou de gañar a guerra civil por el e castigar os rebeldes. Guala favoreceu as ligazóns entre Inglaterra e o Papado, comezando pola propia coroación, onde Henrique homenaxeou o Papa recoñecéndoo como o seu señor feudal. O papa Honorio III declarou que Henrique era o seu vasalo e tutelado, e que o seu legado tiña a completa autoridade para protexer o novo rei e o seu reino. Como medida adicional, Henrique tomou a cruz, declarándose como un cruzado e con dereito a ter unha especial protección de Roma.
Dous nobres de maior idade presentáronse como candidatos para dirixir o goberno da rexencia. O primeiro foi William, quen, a pesar da súa idade, foi recoñecido pola súa lealdade e puido axudar na guerra cos seus propios homes e recursos. O segundo deles foi Ranulf de Blondeville, conde de Chester e un dos máis poderosos baróns leais ao rei. William esperou diplomaticamente ata que Guala e Ranulf lle encargasen ocupar o posto antes de asumir o poder. William logo nomeou a Des Roches como titor do rei, liberándose así el da tarefa e podendo asumir o esforzo militar.
Final da Guerra dos Baróns miniatura|Representación da batalla de Lincoln de 1217, na que se mostra a morte do conde de Perche (a esquerda). Obra de Mateu de París. A guerra non ía ben para as tropas leais ao rei ata o punto que o novo goberno da rexencia considerou retirarse a Irlanda. O príncipe Lois de Francia e os baróns rebeldes tamén tiveron dificultades para avanzar. A pesar de que Lois controlaba a abadía de Westminster, non puido ser coroado como rei porque a Igrexa de Inglaterra e o papado apoiaban a Henrique. A morte do rei Xoán relaxou algunhas das queixas dos baróns, e os castelos reais aínda resistían nalgunhas partes do país. Nun intento de tomar vantaxe disto, Henrique alentou os baróns para que se unisen á súa causa en troco da devolución das súas terras e unha versión reeditada da Carta Magna, a pesar de eliminar algunhas das súas cláusulas, incluídas aquelas que eran desfavorables para o Papado. A estratexia do rei non tivo éxito e a oposición ao seu goberno aumentou aínda máis.
En febreiro, Lois regresou a Francia á busca de reforzos. Na súa ausencia, comezaron as disputas entre os seus partidarios franceses e ingleses, e o cardeal Gaula declarou que a guerra de Henrique contra os rebeldes era unha cruzada relixiosa. Isto resultou nunha serie de desercións do bando rebelde, e as tornas do conflito viraron para o lado de Henrique Lois regresou no final de abril e retomou a súa campaña, dividindo as forzas en dous grupos, enviando un ao norte para sitiar o castelo de Lincoln e mantendo o outro no sur para capturar o castelo de Dover. Cando William decatouse de que Lois dividira o seu exército, apostou por derrotar os rebeldes nunha soa batalla. Marchou cara ao norte e atacou Lincoln o 20 de maio de 1217. Logrou romper o asedio entrando por unha porta lateral da cidade e conquistouna tras unha serie de batallas nas rúas e saqueos nos edificios. Capturaron un gran número de rebeldes, e o historiador David Carpenter considerou a batalla como "unha das máis decisivas na historia de Inglaterra".