Caixa Galicia foi unha entidade financeira de Galiza, activa entre 1978 e 2010. Foi a maior de Galiza e unha das dez maiores de España nos anos finais do século XX. Cunha rede superior ás 800 oficinas en todas as comunidades autónomas españolas, a entidade estaba tamén presente en dez países de Europa e América, incluíndo as súas últimas aberturas en Miami, Panamá, e o Brasil. Logo dunha importante crise económica e financeira, en 2010 anunciouse a súa fusión con Caixanova, dando lugar a Novacaixagalicia e posteriormente a Abanca.
Historia e características
Caixa Galicia constituíuse en 1978 coa fusión da Caixa de Aforros e Monte de Piedade da Coruña e Lugo (que á súa vez se fusionaran en 1944) coa Caixa Xeral de Aforros e Monte de Piedade de Ferrol.. Dous anos despois uniuse a Caixa Galicia a Caixa de Aforros de Santiago de Compostela. As caixas existentes nas cidades galegas comezaron un proceso de fusións e absorcións ata quedar no norte Caixa Galicia e no sur Caixanova. No ano 2006 Caixa Galicia conseguiu un beneficio atribuído de 443 millóns de euros, cun aumento do 76% respecto do ano 2005. Incrementou un 37% o volume de negocio xestionado e un 46% o volume de investimento crediticio, cun 58% de incremento en investimento a empresas. Deste xeito a entidade finalizou o primeiro exercicio do seu Plan Estratéxico 2006-2010 superando os obxectivos establecidos e consolidando a organización como unha gran plataforma comercial, con unidades especializadas no deseño de produtos pensados para o cliente e unha estrutura de canles de distribución dedicados á venda e o servizo de cualidade.
Directores xerais Antonio Lorenzo: 1978 - 1981 José Luis Méndez López: 1981-2010 Xavier García de Paredes: 2010
CXG Corporación Caixagalicia A actividade básica da sociedade Corporación CaixaGalicia consistía en agrupar as participacións empresariais da matriz en sectores económicos fundamentais para o desenvolvemento de Galiza. Entre as empresas que contaban coa presenza de Caixa Galicia no seu accionariado estaban Pescanova, o Banco Etcheverría, Sacyr Vallehermoso, Galp, Astroc, Tecnocom ou Unión Fenosa. Ademais, posuía un grupo empresarial propio con importantes empresas en diversos sectores económicos. En total, 120 empresas de 20 sectores económicos.
Actividade sociocultural No ano 2007 a entidade implicouse nunha intensa actividade sociocultural, á que contribuíu con 89,55 millóns de euros, na que a conservación ambiental ten un papel destacado, ao lado das liñas tradicionais do seu programa estratéxico, como a Cultura, a Arte, os Maiores, o voluntariado, a loita contra a exclusión dixital ou o programa de microcréditos. É a terceira maior contribución a actividades socioculturais entre as caixas españolas.
Notas
Véxase tamén
Ligazóns externas Páxina de información sindical sobre a empresa
Categoría:Abanca Categoría:Medalla de Ouro de Galicia Categoría:A Coruña