A expresión música electrónica refírese á música que usa instrumentos musicais electrónicos ou tecnoloxía musical electrónica como o aspecto central do son da música.
Historicamente considerábase música electrónica a toda música creada co uso de instrumentos electrónicos musicais ou elaborada mediante procesos electrónicos, pero actualmente esa distinción non ten senso xa que case toda a música gravada hoxe e a maioría das actuacións musicais en directo depende da electrónica. Calquera son xerado por medio dun sinal eléctrico (como unha guitarra eléctrica, e incluso os micrófonos, amplificadores e altofalantes) podería ser correctamente chamado electrónico, pero o uso habitual das súas técnicas de creación en todos os tipos de música restrinxiu a expresión "música electrónica" exclusivamente para a música xerada por máquinas electrónicas concibidas para crear sons (sintetizadores, samplers, computadoras e máquinas de ritmo –beatboxes etc), todos eles de natureza analóxica ou dixital. Así hoxe en día a expresión "música electrónica" refírese a música que usa a electrónica como a parte máis importante da obra, o punto central, e non ó resto de música que se ben ten elementos electrónicos estes non son o elemento central da obra.
Tamén se lle pode chamar música electrónica á música creada con microcomputadoras, debido a que existe software que dixitaliza, manipula e procesa os sons, en contraposición ós sintetizadores analóxicos que usan hardware electrónico para manipular os sinais sonoros. Recentemente comezouse a usar sintetizadores de software que foron deseñados especificamente para "emular" o son dos instrumentos analóxicos e dixitais máis valorados.
A música electrónica contemporánea refírese tanto os xéneros de música culta (música clásica electrónica, a música experimental, a musique concrète) coma a xéneros de música pop, incluíndo diferentes estilos de música dance, como techno, house, trance, electro, breakbeat, drum and bass ou synth pop.
Pódese facer unha distinción entre os instrumentos que producen o son mediante medios electromecánicos e os que o producen usando compoñentes electrónicos. Exemplo dos primeriros son o Telharmonium, o órgano Hammond , e a guitarra eléctrica, mentres que os segundos serían o Theremin, o sintentizador ou a computadora.
Historia Finais do século XIX a principios do século XX
miniatura|Trautonium, 1928 Antes do nacemento da música electrónica había un crecente desexo dos compositores de usar as tecnoloxías que ían xurdindo con fins musicais. Foron ceados varios instrumentos que empregaban deseños electromecánicos e facilitaron o camiño para o posterior afloramento dos instrumentos electrónicos. Un instrumento electromecánico chamado Teleharmonium foi desenvolvido por Thaddeus Cahill entre 1898 e 1912. Non obstante, o enorme tamaño do aparello dificultou o seu uso extensivo. O primeiro instrumento electrónico que se acostuma a considerar como tal é o Theremin, inventado por Léon Thérémin entre 1919 e 1920. Outro instrumento electrónico dos primeiros foi o Ondes Martenot, usado na Turangalîla-Symphonie de Olivier Messiaen e noutras obras do mesmo compositor. Outros compositores, sobre todo franceses como Andre Jolivet, tamén traballaron con el.
Os anos da posguerra: A década dos 40 e dos 50 A cinta magnética fora desenvolvida en Alemaña durante os comezos dos anos 30. O primeiro dos instrumentos baseados nesa nova tecnoloxía foi chamado Magnetophon. Pronto comezaron a usalo os compositores para unha nova técnica de composición que se chamou musique concrète. Esta técnica consistía na edición conxunta de fragmentos gravados de sons naturais e artificiais. A finais dos cincuenta, o trombonista Paul Tanner e o inventor afeccionado Bob Whitsell fixeran o electroteremín, un instrumento que imitaba o o timbre do Theremin (instrumento extraordinariamente difícil de tocar, xa que non usaba un teclado para xerar os tons) pero cun mecanismo de control máis sinxelo de usar. Tanner tocou o seu instrumento en varias bandas sonoras para cine e televisión e nun LP chamado Music from Outer Space (música do espazo exterior). Tamén tocou tres temas no disco Good Vibrations de The Beach Boys (1966).
As primeiras pezas de musique concrète foron compostas por Pierre Schaeffer, que máis tarde traballaría conxuntamente con Pierre Henry. Karlheinz Stockhausen traballou no estudio de Schaeffer en 1952, e, logo durante varios anos nos estudios WDR de Colonia para Electronic Music, en dúas ocasións combinando sons xerados electronicamente con sons de orquestra convencional -en Mixtur (1964) e Hymnen, dritte Region mit Orchester (1967)-. Stockhausen afirmou que a audiencia lle dixera que a súa música electrónica lles dera unha experiencia de "espazo exterior", sensacións de vo, ou de estar nun fantástico mundo de ensoño. Recentemente Stockhausen comezou a producir música electrónica no seu propio estudio en Kürten, sendo o seu último traballo Cosmic Pulses (2007).
A primeira música electrónica para magnetófono composta en América foi feita por Louis and Bebe Barron in 1950. Dous novos instrumentos electrónicos apareceron en 1957. Eran máis fáciles de usar que o Theremin e o Ondes Martenot que non podían ser tocados en tempo real. O primeiro destes instrumentos foi unha computadora, cando Max Mathews usou un programa chamado "Music 1", sendo os últimos en usalo Edgard Varèse, e Iannis Xenakis. O outro instrumento electrónico que apareceu ese ano foi o primeiro sintetizador electrónico. Co nome de "RCA Mark II Sound Synthesizer", usaba osciladores de tubos catódicos e incorporaba o primeiro sequenciador musical electrónico. Foi deseñado por RCA e instalado no Columbia-Princeton Electronic Music Center, onde permane ata hoxe.
En 1957, "Music", un dos primeiros programas de ordenador para tocar música electrónica, foi creado por Max Mathews nos Bell Laboratories.
O Columbia-Princeton Electronic Music Center, agora coñecido como Computer Music Center, é o centro de investigación de música electrónica máis vello dos Estados Unidos. Foi fundado en 1958 por Vladimir Ussachevski e Otto Luening, que viñan traballando coa manipulación das cintas magnéticas dende comezos dos anos 50. Construíuse un estudio alí coa axuda do enxeñeiro Peter Mauzey e converteuse no centro de produción de música electrónica dos Estados Unidos ata arredor de 1980.
Robert Moog desenvolveu osciladores controlados por tensión e envolventes acústicos que máis adiante foron usados como o corazón do sintetizador Moog.
Década dos 60 ata finais da década dos 70 Unha das primeiras manifestacións públicas importantes de música de ordenador foi unha emisión pregravada no programa Monitor da cadea de radio NBC o 10 de febreiro de 1962. En 1961 LaFarr Stuart programou o ordenador "Cyclone" (un descendente do Illiac) para tocar sons sinxelos e recoñecibles a través dun altofalante amplificado que fora unido ó sistema para fins de diagnóstico. Unha entrevista co señor Stuart acompañaba a súa música de ordenador.
Debido á complexidade de compoñer con sintetizadores ou ordenadores, a maioría dos compositores continuaron explorando sons electrónicos usando a musique concrète ata incluso na década dos 60. Pero a musique concrète era limitada e uns poucos compositores buscaron unha tecnoloxía mellor para avanzar. Esta procura conduciu a tres equipos independentes a desenvolver os tres primeiros sintetizadores electrónicos tocables: O Buchla, o Moog e o Synket.
O primeiro deses sintetizadores en aparecer foi o Buchla (1963), froito do esforzo encabezado polo compositor de músique contrete Morton Subotnick. En 1962, traballando cunha bolsa da Rockefeller Foundation, Morton Subotnick e o seu socio Ramon Sender contrataron ó enxeñeiro eléctrico Don Buchla para construír unha "caixa negra" para compoñer, da que xurdiu o Buchla.
Outro sintetizador tocable, o primeiro en usar un teclado tipo piano, foi ida orixinal de Robert Moog. En 1964 invitou ó compositor Herb Deutsch a visitar o seu estudio en Trumansburg. Robert Moog coñecera a Deutsch o ano anterior e, escoitando a súa música, decidiu seguir a suxestión do compositor de construír módulos de música electrónica. Cando Deutsch chegou para a visita, Moog xa creara prototipos de osciladores controlados por tensión de dous voltios. Deutsch probou os aparellos durante uns días; Moog atopou os experimentos de Deutsch tan interesantes musicalmente que de seguido construíu un VCF (voltage-controlled filter). Moog foi invitado en setembro dese ano á Convención da Audio Engineering Society en Nova York, onde presentou un documento titulado Electronic Music Modules e vendeu os seus primeiros módulos de sintetizador ó coreógrafo Alwin Nikolais. Ó final da convención, Moog xa entrara no negocio dos sintetizadores.
O terceiro orixinouse co achegamento, tamén en 1964, de Paul Ketoff, un enxeñeiro de son da RCA italiana en Roma, a William O. Smith, que encabezara o estudio de música electrónica no centro da American Academy, coa intención de construír un pequeno sintetizador tocable para o estudio da academia. Smith asesorouse con Otto Luening, John Eaton, e outros compositores que daquela eran residentes na academia. Smith aceptou a proposta de Ketoff, quen rematou o seu sintetizador Synket a principios de 1965.
Aínda que a música electrónica comezou no mundo da música clásica, nuns poucos anos foi adoptada pola cultura pop con diferentes graos de entusiasmo. Unha das primeiras sintonías electrónicas para a televisión foi o tema musical para Doctor Who en 1963. Foi creado no BBC Radiophonic Workshop (unidade de efectos especiais de son da BBC), por Ron Grainer e Delia Derbyshire.
A finais da década dos 60 Wendy Carlos popularizou a primeira música de sintetizador con dous notables álbums Switched-On Bach e The Well-Tempered Synthesizer, que tomaban pezas da música clásica barroca e as reproducían nos sintetizadores Moog. O Moog xeraba unha única nota cada vez, así que para producir unha peza mixta, tal como fixo Carlos, foron necesarias moitas horas de traballo no estudio. As primeiras máquinas era moi inestables e saíanse de ton facilmente. Malia todo, algúns músicos, en especial Keith Emerson de Emerson Lake and Palmer seguiron traballando con elas. O theremin, un instrumento extremadamente difícil de tocar chegou a ser usado incluso na música pop. Estaba tamén o Mellotron que aparece no Strawberry Fields Forever de The Beatles. E o pedal de ton de volume foi usado como instrumento de base en Yes It Is. Fifty Foot Hose usou un sintetizador de guitarra caseiro, cimbais e baixos eléctricos, así como outras transformacións de magnetófono no seu álbum de 1967 Cauldron.
A medida que se desenvolveu a tecnoloxía, os sintetizadores volvéronse máis baratos, robustos e portátiles e foron adoptados por moitas bandas de rock. Exemplos dos primeiros grupos que adoptaron sintetizadores foron The United States of America, Silver Apples, Fifty Foot Hose, Pink Floyd e Genesis. Aínda que non toda a súa música era electrónica (coa destacada excepción de Silver Apples), boa parte do son resultante dependía do sintetizador. O uso de medios electrónicos volveuse tan frecuente que a mediados dos anos setenta o grupo británico Queen puña un aviso nos seus álbums que dicía "¡Sen sintetizadores!".
Nos 70 a música electrónica foi revolucionada pola banda de Düsseldorf Kraftwerk, que usaban a electrónica e a robótica para simbolizar a alieneación do mundo tecnolóxico moderno, e que xurdiu da corrente do krautrock. Pero a partir do seu disco Autobahn (1974) comezou a fusionarse o pop minimalista coa música electrónica. Entre 1974 e 1981, a banda desenvolveu o seu estilo, que logo foi chamado "electro" e tivo características bailables. Ata o día de hoxe a súa música permaneceu absolutamente electrónica.
En Alemaña, bandas como Tangerine Dream, Can, Neu! e outros incorporaron os sons particularmente electrónicos ós seus temas.