Alfonso Álvarez Gándara, nado en Tui o 27 de xaneiro de 1939 e finado en Vigo o 2 de agosto de 2021, foi un avogado e político galego.
Traxectoria Fillo de Darío Álvarez Blázquez e irmán do médico e escritor Darío Álvarez Gándara, naceu nunha familia con múltiples conexións coa cultura galega e co galeguismo. Sendo un meniño o pai trasladouse de médico a Vigo, e toda a familia canda el.
Licenciouse en Dereito pola Universidade de Santiago de Compostela en 1960, e desde 1970 exerceu como avogado en Vigo, onde tivo o despacho na céntrica rúa Urzaiz. Nos anos da mocidade foi articulista na prensa galega, e en 1967 recibiu o premio Fernández Latorre polo seu artigo La Iglesia no habla la misma lengua que los gallegos.
Politicamente, durante os últimos anos do franquismo empezou a militar no Consello da Mocedade, axudou a creación da Liga Democrática de Vigo, foi cofundador da Xunta Democrática de Galicia e en 1974 representou a esta plataforma de opositores nas xuntanzas de París onde se argallaba a transición á democracia en España.
Neses anos tamén foi un dos promotores do Movemento Socialista de Galicia e tras a rápida integración deste no Partido Socialista Galego, foi candidato a deputado nas eleccións xerais de 1977, pero non saíu elixido (o PSG obtivera nesa ocasión na provincia de Pontevedra menos do 2% dos votos). Como membro xa do Partido Galeguista, foi elixido concelleiro en Vigo nas eleccións municipais de 1979 ao encabezar as listas de Unidade Galega. Coa crise e ruptura de Unidade Galega a finais de 1980, Álvarez Gándara ficou no Partido Galeguista e foi escollido o seu secretario xeral, cargo que ostentou de 1981 a 1983. Nese ano abandonou a política activa.
En paralelo continuou coa súa traxectoria como avogado, de grande relevancia na cidade de Vigo, e foi escollido decano do Colexio de Avogados de Vigo en 1989, posto que mantivo ata 2015. Tamén foi presidente do Consello da Avogacía Galega, membro da Comisión Permanente do Consello Xeral da Avogacía Española e membro da Academia de Xurisprudencia e Lexislación.
Galardóns Cruz Distinguida de Primeirra Clase de San Raimundo de Peñafort. Gran Cruz ao Mérito do Consello Xeral da Avogacía Española.
Obras Obras colectivas Á beira de Beiras. Homenaxe nacional, 2011, Galaxia.
Notas
Véxase tamén Bibliografía
Dicionario biográfico de Galicia, Ir Indo Edicións, 2010-2011, Vigo.
Categoría:Políticos de Galicia Categoría:Nados en Tui Categoría:Concelleiros de Vigo Categoría:Concelleiros de Galicia durante a democracia Categoría:Concelleiros de Galicia por UG Categoría:Avogados de Tui Categoría:Nados en 1939 Categoría:Finados en 2021 Categoría:Personalidades de Galicia sen imaxes