Antón Vila Nadal, tamén referido como Antonio Vila Nadal e Antoni Vila i Nadal, nado en Barcelona en 1861 e finado ibídem en 1941, foi un biólogo que estudou en Cataluña e Madrid e desenvolveu a súa vida profesional en Galiza. Salientable investigador e pedagogo, deixou escritas un bo número de obras sobre temas relacionados coa Historia natural. Creou varias revistas de divulgación científica, construíu e exhibiu un acuario ambulante e participou na polémica darwinista da época.
Estudos e actividade docente Foi alumno do naturalista Jaume Almera, Iniciou os estudos universitarios en Ciencias Naturais en Barcelona e rematounos na Universidade Central de Madrid, onde foi alumno do científico institucionista (Institución Libre de Enseñanza) Ignacio Bolívar. Ao rematar os estudos pasou á Universidade de Santiago de Compostela como profesor de Historia natural, introducindo as teses darwinistas no seu ensino. Logo obtivo a cátedra da Universidade de Granada, que permutou para leccionar de novo en Compostela, e antes de xubilar foi profesor tamén en Salamanca e Barcelona. O seu compañeiro Marià Faura, sacerdote secularizado e catedrático, foi depurado na Guerra civil, e Vila Nadal fuxiu de Barcelona e entregouse ás autoridades franquistas en 1937.
Darwinismo e polémicas relixiosas Publicou en 1894 El Evolucionismo ortodoxo, dedicado a Eugenio Montero Ríos e tratou de defender un evolucionismo compatíbel coa ortodoxia católica, porén en Santiago recibiu por iso descualificacións e foi duramente criticado pola censura eclesiástica. Tanto é así que impediron que vise a luz; e coñécese parte do seu contido polos textos que reproduciu, anos despois, en La Propaganda Científica. No debate sobre a relación entre a Ciencia e a Relixión defendeu, tamén, teses concordistas, tentando conciliar o dogma católico cos avances científicos propoñendo a autonomía do discurso científico.
Participou activamente nas diversas polémicas sobre cuestións filosóficas relacionadas coa Ciencia. En xeral, as súas posicións destacan polo eclecticismo, representando a peculiar e nova defensa dun positivismo católico.
A súa pedagoxía caracterizouse polo ensino activo cunha visión moderna do seu quefacer, con fincapé na realización de excursións e de clases prácticas.
Esforzos por fundar a Estación de Bioloxía mariña Vila tentou persistente e infrutuososamente, crear unha estación de bioloxía mariña galega. Xa en 1886, no Congreso de Agricultura e Pesca da Real Sociedade Económica de Amigos do País de Santiago sinalou a importancia dos laboratorios biolóxicos e pediu que o proxectado polo Goberno se instalase en Galiza. En 1888 pretendeu crear a Estación Zoológica de Barcelona aproveitando a Exposición Universal dese ano. Construíu un acuario, que puido ser xerme desa e impartiu unha conferencia no Ateneo co título "El Congreso internacional de Ciencias Naturales y su influencia en la estación zoológica de Barcelona". A exposición obtivo un premio, pero non conseguiu o seu obxectivo principal.
En 1890, tras o fracaso de Barcelona, pasou a propoñer a creación dunha única Estación biolóxica galega, situada en Carril. No folleto Objeto y descripción del Acuario Ambulante de la Estación Zoológica de Barcelona y Escuela de Piscicultura de Arosa (Vila Nadal, 1892) explicou os detalles e expuxo amplamente as súas ideas sobre a Estación.
Vila necesitaba unha contribución económica inicial, pero foi comprobando como ninguén lle prestaba ese apoio. Queixouse da desatención do Goberno, pero tamén salientou o desinterese dos representantes económicos e institucionais galegos. Tras múltiples intentos e xestións, con pequenos cambios no proxecto, no ano 1900 os reis españois colocan en Carril a primeira pedra da Estación. Ao abeiro da reforma do Museo de Ciencias Naturais pretendía crearse o establecemento, dependente da universidade compostelá e ao cargo do catedrático de Historia Natural, pero tres anos despois a estación seguía en proxecto. Non sería até 1952, que se creou o Instituto de Investigacións Mariñas en Vigo. Moi posteriormente creáronse entes públicos como o Centro de Control do Medio Mariño (CCMM), o CIMA ou o INTECMAR e en 1988-90 o IGAFA.
Escaso labor experimental Como aconteceu con moitos dos científicos do ámbito institucional, Vila levou a cabo unha limitada investigación científica orixinal. Entre elas elaborou La Morfogenía en la Biología en 1898. Na portada recolle a frase que sintetiza a tese do traballo: “La vida orgánica es la resultante de las fuerzas mecánicas de las especies químicas que integran el ser: La misma resultante modela la estructura y ésta determina la forma en los seres vivientes”.
Asumindo unha posición mecanicista, pretende abordar as relacións entre a composición química e as formas dos seres vivos; rexeita o que considera o afastamento entre diversas ciencias, entre a Química e a Historia Natural. A parte experimental/práctica é restrinxida a unha serie de preparacións microscópicas e fotografías das mesmas.
Notas
Véxase tamén Bibliografía
Barreiro Fernández, Xosé Ramón (2003). Historia da Universidade de Santiago de Compostela 2. Santiago de Compostela: Universidade de Santiago de Compostela. ISBN 84-9750-269-8. Calvo i Calvo, Lluís (1997). Historia de la antropología en Cataluña (en castelán). Madrid: CSIC. ISBN 84-00-07677-X. González-Bueno, Antonio; Gomis, Alberto (2005). «Spanish naturalists and natural history societies in the process of colonisation in Morocco (1859–1912)». Archives of Natural History (en inglés) (Londres: Society for the History of Natural History) 32 (1): 80-91. . Ossorio y Bernard, Manuel (1903). «Vila Nadal (A.)». Ensayo de un catálogo de periodistas españoles del siglo XIX. Madrid: Imprenta y litografía de J. Palacios (en castelán). Pelayo López, Francisco (1999). Ciencia y creencia en España durante el siglo XIX: la paleontología en el debate sobre el darwinismo. (en castelán). Madrid: CSIC. ISBN 84-00-07849-7.
Ligazóns externas "Objeto y descripción del Acuario Ambulante de la Estación Zoológica de Barcelona y Escuela de Piscicultura de Arosa" Texto completo, por A. Vila Nadal (en castelán).
Categoría:Biólogos de España Categoría:Nados en Barcelona Categoría:Nados en 1861 Categoría:Finados en 1941