O acivro ou xardón (Ilex aquifolium L.) é unha arboriña ou arbusto perenne da familia aquifoliáceas. Medra en bosques no oeste, centro e sur de Europa. En Galicia dáse sobre todo nas zonas montañosas e chuviosas do centro e interior. Podemos atopalo tamén con frecuencia como planta ornamental nos xardíns, onde se dan numerosas variedades, adoito con follas bordeadas de amarelo (formas variegadas).
O nome do xénero procede do latín ilex, nome co que os romanos designaban a aciñeira (Quercus ilex), pola semellanza das súas follas coas desta árbore. O nome específico procede do latín acus, agulla, e folium, folla, por te-las follas espiñentas. O lugar poboado de acivros coñécese como acevedoVV. AA. (2012) Vocabulario forestal, Universidade de Santiago de Compostela / Deputación de Lugo.
Descrición
Ten unha altura de entre 2 e 5 m, aínda que hai exemplares de ata 15 m. A súa copa, cónica, ten forma de espiral con pólas ascendentes nas árbores novas, pero co tempo vólvese mesta e irregular. As follas son moi variables, aínda que adoitan ser coriáceas, elípticas e cos bordos ondulados, de entre 6 e 8 cm de lonxitude, co extremo en forma de punta. As follas das pólas inferiores teñen beiras espiñentas pero nas superiores podemos atopar follas de bordos lisos, agás no ápice espiñento. A cor é dun lustroso verde escuro na cara e máis pálido no revés.
As flores son unisexuais e dioicas: flores masculinas e femininas nacen en diferentes árbores, en inflorescencias mestas, situados na base das follas. Son flores brancas e pequenas, de entre 6 e 8 mm. O froito é unha baga carnosa, dunha viva cor vermella, de entre 7 e 10 mm de diámetro, e contén catro sementes duras; son velenosos para o home. Estes froitos maduran no outono e permanecen na árbore ata finais do inverno.
Usos A súa madeira, de cor branca, é moi dura e resistente, polo que é difícil de traballar. Antigamente usábase en ebanistaría e tornaría.
Dos seus toros e pólas cocidas obtense unha substancia pegañenta, contida na casca, coñecida como liga que se utilizou tradicionalmente para a caza de paxaros.
Uso medicinal miniatura|Acivro As follas úsanse como laxantes, e os froitos como purgantes ou eméticos (a pesar do perigo do seu uso). O acivro tamén é bo como diurético e contra a bronquite, a reuma e a artrite. Tamén se utilizou no tratamento das frieiras.
Segundo o Padre SobreiraCitado polo Diccionario da RAG de 1913., os menciñeiros utilizaban o acivro para cura-lo torzón (cólico) dos cabalos, dándolles pequenos golpes cunha variña de acivro. E a tal fin vendíanse xa preparadas nas feiras da Ascensión e do Apóstolo en Santiago. En Melide aseguran que o remedio é tan eficaz que abonda con só tocarlles na pel para que o cabalo se poña a mexar de contado (Terra de Melide, 456).
Epixenética O acrivro é moi coñecido en epixenética. Algunhas variedades de cultivo teñen bordos de follas lisos, ou ambos os bordos das follas lisos e espiñentos na mesma planta. En resposta ao estrés, estas variedades poden acabar producindo follas con máis espiñas.
Cultivo O Ilex aquifolium cultívase amplamente en parques e xardíns das rexións temperadas. Os acivros úsanse a miúdo para sebes; xa que as follas espiñentas dificultan a súa penetración e soportan ben a poda e a conformación.Northumbria Police: Security starts at the Garden Gate
Variedades Existen numerosas variedades de cultivo,Huxley, A., ed. (1992). New RHS Dictionary of Gardening. Macmillan . das cales as seguintes gañaron o Premio ao Mérito en Xardinaxe pola Real Sociedade de Horticultura do Reino Unido.
I. aquifolium 'Amber' (femia) 'Argentea Marginata' 'Ferox Argentea' 'Golden Queen' 'Handsworth New Silver' 'J.C. van Tol' 'Madame Briot'
'Pyramidalis' 'Silver Queen'
Ilex × altaclerensis O híbrido Ilex × altaclerensis desenvolveuse en 1835 no castelo de Highclere en Hampshire, Inglaterra, por medio dun cruzamento entre Ilex aquifolium e a especie Ilex perado. As seguintes variedades de cultivo tamén gañaron o Premio ao Mérito en Xardinaxe pola Real Sociedade de Horticultura.
'Belgica Aurea' 'Camelliifolia' 'Golden King' 'Lawsoniana'
O acivro na cultura popular galega Segundo a tradición popular galega, cando un mozo quere namorar a unha moza, tiña que cortar unha póla de acivro ás doce da noite de San Xoán, pasala trece veces baixo as ondas do mar mentres reza un credo de cada vez. Así, a vara adquire poderes e a moza á que toque con esta póla, chamada aciviño, quedará namorada del sen remedio.Eladio Rodríguez González: Diccionario Enciclopédico Gallego-Castellano, s. v. acibiño.
Sarmiento recolleu que "as vellas botan follas do acivro nunha infusión de viño, ou auga, que bebida é contra o 'costado'. E que lavando co cocemento da raíz calquera tumor duro do corpo, amolece".Martín Sarmiento: Catálogo de voces vulgares y en especial de voces gallegas de diferentes vegetables (1754-1758), Universidad de Salamanca, José Luis Pensado editor (1986), pp. 187-188 (nº 1113) [en castelán no orixinal].
Tamén se di que é bo para curar os cólicos dos cabalos (ou torzóns). Para conseguilo cómpre azoutar o cabalo cunha vara de acivro, das que se venden en Compostela nas feiras da Ascensión e do Apóstolo;Eladio Rodríguez González, s. v. acibo. Real Academia Gallega (Diccionario Gallego-Castellano 1913), s. v. acibo. e por Melide considérana tan eficaz que afirman que abonda con só tocalo coa vara ponse a mexar de contado.Terra de Melide, 456. E tamén se utiliza na terapéutica popular contra as frieiras.
Dixando apodrecer a casca, obtense o visgo que se utiliza para pazar paxaros.
Sinonimia miniatura|esquerda|Follas de xardón (Ruscus aculeatus), espiñentas coma as do acivro. O acivro recibe outros moitos nomes en galego. Moitos deles son simples variantes fonéticas e, noutros casos, reflicten o bordo espiñento das súas follas: Aceveda, acevedo, aceveiro, acevicho, aceviño, acevreiro, acevo, acevro, aciveira, aciveiro, aciviño, acivo, acivra, acivreira, acivreiro, acivrino, alcivre, anceviño, anciviño, axivo, azoutacristos, cardio, cardo, carrasco, cedro, cevreña, cebro, cibro, encebiño, escornacabras, espín, espiño, figueira do demo, garrotillo, herba do demo, loureiro bravo, loureiro de envidia, manxorros, mesquita, mexacás, muérdago, picaburros, picamulos, picoloureiro, picos, pita, rascacú, silvardos, trubisco, vellebrán, visgo, xando, xardeira, xardo e xardón.
Para os froitos hai recollida a denominación popular de cereixa dos paxaros.
Nótese que na bibliografía adoita escribirse con b, por influencia da grafía castelá e do grupo -br-. Na relación anterior transcribimos tódolos nomes con v.
Igualmente, cómpre advertir que formas como xardo, xardón, silvardo ou azoutacristos son nomes máis comúns para outra planta, arbustiva, de follas rematadas nunha punta espiñenta, pero que nada ten que ver co acivro: trátase da xibarda ou xilbarbeira (Ruscus aculeatus).
Tamén, os nomes de figueira do demo e herba do demo adoitan utilizarse para outra planta arbustiva, o estramonio (Datura stramonium), que só ten espiñas no froito. e o mesmo acontece cos nomes de visgo e co castelán muérdago, que tamén designan habitualmente outra planta, o visgo (Viscum album).
Toponimia O acivro, árbore común en Galicia, deu lugar a numerosos topónimos, tanto directos como abundanciais: Aciveiro, parroquia de Forcarei (Pontevedra). Aciveiro, lugar de Goiriz (Vilalba). Aciveiro, lugar de Vilapedre (Vilalba). Aciveiro, lugar de Fafián (Rodeiro). O Aciveiro, lugar de Armentón (Arteixo). O Aciveiro, lugar dos Devesos (Ortigueira). O Aciveiro, lugar de Grandal (Vilarmaior). O Aciveiro, lugar de San Martiño dos Condes (Friol). O Aciveiro, lugar de Cerdeira (San Xoán de Río). Coto Aciveiro, lugar de Castrelo (Forcarei). Aciveiros, lugar de Cedrón (Láncara). O Aciviñeiro, lugar de Guláns (Ponteareas). Os Acivros, lugar de Filgueira de Traba (Cesuras). Os Acivros, lugar de Santa Cruz de Moeche (Moeche). Acivedo, lugar de Millerada (Forcarei). Acivido, lugar de Covas (Baralla). Acivido, lugar de Desteriz (Padrenda). O Acivido, lugar de Couzadoiro (Ortigueira). O Aciveiral, lugar das Neves (Ortigueira). O Aciveiral, lugar do Freixo (As Pontes de García Rodríguez). Acivreira, lugar de Corvelle (Vilalba). A Acivreira, lugar de Cumbraos (Sobrado). Os Acivreiros, lugar de Irixoa (Muras).
Mitoloxía e tradicións Os celtas considerábano unha árbore sagrada, con capacidade para atraer a boa sorte. Empregábase nos rituais do solsticio de inverno. No calendario druídico identificábase co período que ía entre o 15 de maio e o 11 de xuño, e no alfabeto Ogham coa letra T.
Os xermanos colocaban unha póla de acivro no inverno na entrada das súas casas, e os romanos asociábano ás festas saturnais.
O acivro no Nadal A árbore emprégase en moitos países como motivo ornamental durante as festas de Nadal, o que pode pór en perigo a propia existencia do acivro: a especie está protexida pola lei e o seu comercio ou extracción procedente de exemplares silvestres está prohibido. Ademais do efecto negativo sobre a conservación da propia especie, esta práctica pon en perigo a poboación da pita do monte (Tetrao urogallus), xa que os froitos do acivro son o seu único alimento durante o inverno.
No comezo do inverno as tribos xermánicas puñan pólas de acivro nos seus cuartos, ademais xa os romanos o asociaban ás festas de finais de decembro que se celebraban na honra de Saturno, o deus da sementeira.
Segundo a tradición americana do Nadal, de estaren un mozo e unha moza baixo unha póla de acivro ou de visgo deben bicarse.
Galería de imaxes
Notas
Véxase tamén Bibliografía REAL ACADEMIA GALLEGA: Diccionario gallego-castellano. A Coruña 1913-1928. VARIOS: Terra de Melide. Seminario de Estudos Galegos,
Categoría:Ilex Categoría:Árbores Categoría:Arbustos Categoría:Plantas medicinais Categoría:Plantas ornamentais Categoría:Árbores de Galicia Categoría:Arbustos de Galicia Categoría:Flora da Europa Atlántica Categoría:Plantas descritas en 1753 Categoría:Madeiras Categoría:Plantas de Nadal