Severino Reija Vázquez, nado en Lugo o 25 de novembro de 1938, é un exfutbolista galego, que xogaba de lateral e extremo esquerdo. Tras debutar con 19 anos no Deportivo da Coruña, foi traspasado ao Zaragoza, converténdose nos seguintes anos nun dos futbolistas máis importantes da historia do club aragonés. Disputou con el 347 partidos oficiais e viviu os anos máis gloriosos, conquistando dúas Copas do Xeneralísimo e unha Copa de Feiras.

Foi internacional coa selección española en 20 ocasións, disputando os Mundiais de 1962 e 1966, e formando parte do equipo que conquistou a Eurocopa de 1964.

Traxectoria Naceu en 1938 en Lugo, sendo o quinto dos seis fillos dun empregado de Renfe. Un ano despois trasladouse coa súa familia á Coruña, onde estudou no colexio dos salesianos. Alí comezou a xogar ao fútbol no equipo do colexio, coincidindo con Guillermo Martínez, e logo pasou á canteira do Oza Juvenil, onde xogou tres anos. Co equipo xuvenil do barrio de Monelos, proclamouse campión galego e disputou a Copa do Xeneralísimo Xuvenil, caendo nos oitavos de final contra o Arcés de Valladolid. Ademais foi convocado por Rodrigo para a selección galega xuvenil, onde concidiu entre outros con Amancio, e preseleccionado para a selección española xuvenil.

En agosto de 1957, despois de ter disputado só tres partidos co primeiro equipo do Oza e de ter realizado unhas probas co Sporting de Gijón, fichou polo Deportivo da Coruña. Debutou na Segunda División con 18 anos, na segunda xornada da tempada 1957/58 contra o Indautxu en Garellano. Xogou dúas tempadas co club branquiazul, disputando un total de 37 partidos oficiais e marcando 4 goles.

En abril de 1959 foi traspasado ao Real Zaragoza, co que debutou en Primeira División o 13 de setembro de 1959 nunha derrota por 2-1 contra o Real Valladolid no José Zorrilla. No club aragonés coincidiu cos tamén galegos Rodolfo, Marcelino, Wilson Jones, Cortizo, Mauro e Pais afianzándose no equipo titular e disputando 31 partidos na súa primeira tempada. Ocupou xunto con Carlos Lapetra a banda esquerda do equipo durante os seguintes anos, xogando tanto de lateral como de extremo.

Xogou unha década no Zaragoza, disputando 347 partidos oficiais, sendo no momento da súa retirada o futbolista con máis encontros da historia do club. Xogou catro finais consecutivas da Copa do Xeneralísimo, gañando as de 1964 e 1966 e proclamouse campión da Copa de Feiras na tempada 1963/64, despois de derrotar na final ao Valencia. Xogou tamén a final da Copa de Feiras 1965/66, onde o equipo adestrado por Ferdinand Daučík caeu derrotado contra o FC Barcelona de Roque Olsen na prórroga. Na liga, o equipo rematou entre os cinco primeiros durante oito tempadas consecutivas. Ao remate da tempada 1968/69 deixou o Zaragoza e colgou as botas.

Selección nacional Foi 20 veces internacional coa selección española entre 1962 e 1967. Foi convocado para o Mundial de 1962 en Chile sen ter xogado antes ningún partido coa selección. Debutou en Viña del Mar o 31 de maio de 1962, no primeiro partido do equipo no campionato, contra Checoslovaquia, formando na defensa xunto con Rivilla, Santamaría e Segarra. A selección española perdeu ese partido, no que Reija acabou cunha lesión de menisco, e quedou eliminada na primeira fase.

Formou parte da selección española que se proclamou campioa da Eurocopa de 1964, despois de derrotar na final á Unión Soviética de Lev Iashin, aínda que non chegou a xogar ningún partido no torneo. Dous anos despois disputou o seu segundo Mundial, Inglaterra 1966, xogando dous encontros, fronte a Suíza e Alemaña, e quedando de novo eliminados na fase de grupos.

Vida persoal Casou coa aragonesa María del Carmen Gracia Olariz, coa que tivo cinco fillos.

Palmarés Zaragoza Copa de Feiras (1): 1963/64. Copa do Xeneralísimo (2): 1964, 1966. Selección española

Eurocopa (1): 1964.

Notas

Véxase tamén Ligazóns externas Datos do xogador en BDFutbol . Datos do xogador no sitio web oficial da selección española . Datos do xogador en futbol.sportec.es

Categoría:Nados en 1938 Categoría:Nados en Lugo Categoría:Deportistas de Lugo Categoría:Futbolistas de Lugo Categoría:Futbolistas da Coruña Categoría:Defensas de fútbol Categoría:Centrocampistas de fútbol Categoría:Xogadores do Deportivo da Coruña Categoría:Xogadores do Real Zaragoza Categoría:Xogadores da selección de fútbol de España sub-21 Categoría:Xogadores da selección de fútbol de España Categoría:Xogadores do Mundial de Fútbol de 1962 Categoría:Xogadores do Mundial de Fútbol de 1966 Categoría:Personalidades de Galicia sen imaxes Categoría:Futbolistas gañadores da Eurocopa