O Brasil, oficialmente República Federativa do Brasil, é unha república federal formada pola unión de vinte seis estados federados e un Distrito Federal, situada en América do Sur. O país ten 5.570 municipios e unha superficie de 8 515 767 km², o que o converte no país máis grande do territorio suramericano, ocupando a súa superficie a metade do mesmo. En comparación co resto de Estados do planeta, ocupa o quinto lugar en número de habitantes, con 213 317 639 (2021), así como en territorio. Porén, presenta un dos máis baixos índices de densidade de poboación. A súa capital é a cidade de Brasilia, a cal substituíu a Río de Xaneiro en 1960. Antes da cidade fluminense a primeira capital do país fora Salvador.
O Brasil comparte fronteiras con tódolos países suramericanos exceptuando Chile e Ecuador. Así, ao norte limita con Colombia, Venezuela, a Güiana, Suriname e a Güiana Francesa, ao sur coa Arxentina, o Uruguai e Paraguai e ao oeste con Bolivia e o Perú. Ao leste, durante 7.491 km, o país está bañado polas augas do océano Atlántico. Ademais do territorio continental, o Brasil posúe grandes grupos de illas no Atlántico, por exemplo o Arquipélago de San Pedro e San Paulo, Atol das Rocas, Fernando de Noronha, territorio especial do estado de Pernambuco, e Trindade e Martim Vaz en Espírito Santo. Conta tamén cun complexo de pequenas illas e corais chamado Atol das Rocas, que pertence ao estado de Río Grande do Norte.
Habitado orixinariamente polos amerindios, o Brasil converteuse nunha colonia do Reino de Portugal tralo seu descubrimento da man de Pedro Álvares Cabral no ano 1500 e o Tratado de Tordesillas. No ano 1815, foi elevado á categoría de Reino, aínda que xa perdera os seus lazos coloniais varios anos antes, en 1808, despois da invasión portuguesa de Napoleón. O país obtivo a súa completa independencia o 7 de setembro de 1822, constituíndose como un estado unitario gobernado baixo unha monarquía constitucional e un sistema parlamentario. Anos despois, en 1889, un golpe de estado militar proclamou a República. A súa última Constitución, formulada en 1988, define ao país como unha república federal.
Climaticamente é un país tropical, xa que se atopa sobre a liña ecuatorial, abarcando partes tanto no hemisferio sur como no hemisferio norte, con todo as estacións climáticas non se senten dun xeito radical. Parte do seu territorio está cuberto pola selva tropical amazónica, que con 3,6 millóns de km² é a máis grande do mundo. Grazas a todo isto é o país con máis especies de animais distintas no mundo. Demograficamente, a maior parte da súa poboación concéntrase ao longo do litoral, mentres o interior está marcado por enormes baleiros demográficos. A nivel lingüístico, o Brasil é o único país de lingua portuguesa do continente, aínda que tamén son faladas outras moitas linguas. A relixión con máis seguidores é o catolicismo, sendo o país con maior número de católicos nominais do mundo. A sociedade brasileira é unha das máis multiétnicas do planeta, formada por descendentes de europeos, indíxenas, africanos e asiáticos.
A economía brasileira é a maior de América Latina e do hemisferio Sur, así como a sétima maior do mundo polo seu Produto Interior Bruto nominal e por paridade de poder adquisitivo. É ademais unha das principais economías con máis rápido crecemento económico. O país é membro da Organización das Nacións Unidas (ONU), da que é membro fundador, G20, Comunidade dos Países de Língua Portuguesa (CPLP), Unión Latina, Organización dos Estados Americanos (OEA), Organización dos Estados Iberoamericanos (OEI), Mercado Común do Sur (Mercosur) e da Unión de Nacións Suramericanas (Unasur), ademais de ser un dos países BRICS, xunto coa China, a India, Rusia e Suráfrica.
Etimoloxía miniatura|esquerda|A Illa Brasil fronte as costas de Irlanda nun mapa de Ortelius datado en 1572. As raíces etimolóxicas do termo Brasil son de difícil reconstrución. O filólogo Adelino José da Silva Azevedo postulou que se trata dunha palabra de procedencia celta, barkino, mais tamén advertiu que as orixes máis remotas do termo poderían atoparse na lingua dos antigos fenicios. Este vocábulo utilizábase para nomear a un colorante vermello utilizado por esta civilización. Na Idade Media, a palabra foi deformada polos xenoveses a brazi.
Na época colonial, cronistas da importancia de João de Barros, frei Vicente do Salvador ou Pero de Magalhães Gândavo presentaron explicacións semellantes acerca da orixe do nome Brasil. De acordo con eles, derivaría de pau brasil (Caesalpinia echinata), designación dada a un tipo de madeira avermellada empregada na ebanistería e na tinguidura de tecidos. Na era dos descubrimentos, era común entre exploradores gardar coidadosamente o segredo de todo canto descubrían ou conquistaban a fin de asegurar unha exploración exclusiva do territorio, porén os portugueses non tardaron en anunciar rapidamente por toda Europa o novo descubrimento da "illa Brasil" no medio do océano Atlántico, de onde se extraía este tipo de madeira.
Con todo, antes de recibir a súa designación actual, as novas terras descubertas foron designadas de distintas formas, entre outras, Monte Pascoal, cando os descubridores avistaron terras por primeira vez, Illa de Vira Cruz, Terra de Santa Cruz, Nova Lusitânia ou Cabrália. En 1967, coa primeira Constitución da ditadura militar, o Brasil pasou a chamarse República Federativa do Brasil, nome que se conserva na actual Constitución de 1988. Anteriormente, na época da monarquía constitucional, o nome oficial era o de Imperio do Brasil e, posteriormente, coa proclamación da República en 1889, cambiou a Estados Unidos do Brasil.
Os habitantes naturais do Brasil son denominados segundo a Real Academia Galega brasileiros, xentilicio que foi rexistrado por vez primeira en portugués en 1706,. aínda que inicialmente só se refería aos que comercializaban pau brasil.. Porén, non foi até 1824, coa primeira constitución brasileira, que o xentilicio pasou legalmente a designar as persoas naturais do país. En portugués utilízanse ademais outros xentilicios como brasílico, brasílio, brasiliano e brasiliense, este último tamén aceptado pola RAG, aínda que para designar aos habitantes de Brasilia, a capital federal.
Historia
Período precolonial miniatura|Os pobos indíxenas cara ao século XVI. No momento da chegada ás costas do Brasil por parte dos portugueses, da man de Pedro Álvares Cabral, no ano 1500, estímase que a costa oriental de América do Sur estaba habitada por ao redor de dous millóns de indíxenas. A poboación amerindia estaba repartida en grandes nacións indíxenas compostas por varios grupos étnicos, entre os cales destacaban os grupos tupí-guaraní, macro-jê e arauaco. Os primeiros, por exemplo, estaban subdivididos entre os guaranís, os tupís e os tupinambas, entre moitos outros. Precisamente foron os tupís a primeira etnia indíxena que tivo contacto cos colonizadores, sendo o seu territorio o comprendido entre os actuais Estados de Río Grande do Sur e Río Grande do Norte.
Os portugueses atoparon aos nativos aínda na Idade de Pedra e divididos en varías tribos que constantemente loitaban entre si. As fronteiras entre estes grupos indíxenas, antes da chegada dos europeos, xurdían por mor de distintas guerras entre eles, xurdidas por mor das diferenzas culturais e lingüísticas. Estas guerras abarcaban accións bélicas a grande escala, tanto en terra como na auga, coa antropofaxia ritual sobre os prisioneiros de guerra. O territorio que hoxe pertence a Brasil, ademais do restante de América do Sur, porén, estaba xa dividido entre dúas potencias europeas, Portugal e Castela, antes aínda do seu descubrimento oficial. O Tratado de Tordesillas, asinado en 1494, foi un importante acordo para a definición das futuras fronteiras, que dividía o continente de norte a sur, dende o actual estado do Pará até a cidade de Laguna en Santa Catarina, sendo posteriormente bastante alterada coa expansión portuguesa cara ao oeste.
A colonización miniatura|esquerda|250px|Desembarco de Pedro Álvares Cabral por Oscar Pereira da Silva (1902). A terra agora chamada Brasil foi reivindicada por Portugal en abril de 1500 coa chegada da frota portuguesa comandada por Pedro Álvares Cabral, a quen se lle atribúe o seu descubrimento tras avistar terra o 21 de abril de 1500 e chegando á actual cidade de Porto Seguro (Baía) ao día seguinte. Porén, a colonización non comezou de xeito efectivo até anos máis tarde coa fundación da vila de São Vicente, por Martim Afonso de Sousa en 1532 e coa división do territorio en doce capitanías hereditarias feita por Xoán III en 1534. Con todo, o fracaso deste sistema de capitanías levou o rei a nomear un Gobernador Xeral para administrar toda a colonia. O 29 de marzo de 1549 foi fundada a cidade de Salvador para ser a capital.
Os portugueses asimilaron algunhas das tribos nativas, mentres que outras foron escravizadas ou exterminadas, xa sexa ao contraer por doenzas europeas para as cales non estaban inmunizados, ou por mor das longas guerras que se produciron durante os dous primeiros séculos de colonización entre grupos indíxenas rivais e os seus aliados europeos. A colonización presentaba grandes dificultades engadidas, xa que a estrutura económica portuguesa non estaba preparada para afrontala. A mediados do século XVI, cando o azucre de cana se converteu no máis importante produto de exportación do Brasil, os portugueses comezaron a importar de escravos africanos comprados nos mercados de África occidental, inicialmente para lidar coa crecente demanda internacional do produto. Anteriormente tentaran escravizar aos indíxenas, mais foron dezmados ao non someterse.
miniatura|Mapa do Brasil no Atlas de Miller (1519). En canto aao control territorial, ignorando o Tratado de Tordesillas de 1494, os portugueses foron ampliando as súas fronteiras a través de expedicións coñecidas como bandeiras, chegando até onde hoxe se sitúa a maior parte da fronteira do país. Isto levou a que tiveran que pasar os séculos XVI e XVII defendendo tales conquistas contra potencias rivais europeas, tendo que rexeitar as francesas e neerlandesas. Tralo rexeitamento das tentativas de colonización, non quedou practicamente ningunha influencia cultural destas potencias europeas. Das intrusións coloniais, a de máis longa duración foi a neerlandesa. Os corsarios holandeses comezaron por saquear a costa, como ocorreu en Baía en 1604 onde chegaron a capturar temporalmente a capital, Salvador. De 1630 a 1654, estabelecéronse permanentemente no nordés e controlaron unha longa franxa de costa. Con todo, non lles resultou sinxelo, pois os colonos da Compañía Holandesa das Indias Occidentais vivían en constante estado de sitio. Tras varios anos de guerra, retiráronse formalmente en 1661.
Ao final do século XVII, debido á competencia colonial as exportacións de azucre comezaron a declinar, mais o descubrimento de ouro por parte dos bandeirantes na década de 1690, abriu un novo ciclo para a economía da colonia, promovendo unha febre do ouro. Esta situación atraeu miles de novos colonos, vindos non só de Portugal senón tamén doutras colonias portuguesas ao redor do mundo, o que á súa vez acabou xerando conflitos, como a guerra dos Emboabas, entre os antigos colonos e os chegados recentemente.
Para garantir o mantemento da orde colonial interna, alén da defensa do monopolio de explotación económica do Brasil, o foco da administración colonial portuguesa se concentrou tanto en manter so control e erradicar as principais formas de rebelión e resistencia dos escravos, como por exemplo a do Quilombo dos Palmares, como en reprimir todo movemento de autonomía ou independencia política. A primeira delas foi a revolta de Filipe dos Santos en 1720. Anos máis tarde xurdirían grandes movementos coa intención de proclamar a independencia e reivindicar a abolición da escravitude, como é o caso das Conxuras Mineira (1789), Carioca (1794) e Baiana (1798).