O dodo, Raphus cucullatus, era unha ave non voadora extinta e endémica da illa de Mauricio, ó leste de Madagascar no océano Índico. O seu familiar xenético máis próximo era o tamén extinto Pezophaps solitaria, formando ámbalas dúas especies a subfamilia dos rafinos da familia dos colúmbidos (pombas). O seu familiar existente máis próximo é o Caloenas nicobarica. Antigamente críase que existira un dodo branco na illa de Reunión, mais considérase que isto foi unha confusión co Threskiornis solitarius debido a diversas representación gráficas de dodos brancos.
Os restos subfósiles que se conservan indican que o dodo medía ó redor dun metro de altura e podería pesar entre os 10,6 e os 17,5 kg. A súa aparencia só se coñece por medio dos debuxos, pinturas e rexistros escritos do século XVII. Debido a que estes varían de forma considerable e a que só algunhas das ilustracións están feitas a partir de exemplares vivos, a súa aparencia exacta non se coñece ó completo, e hai moi pouca información sobre o seu comportamento. Malia que historicamente o dodo considerábase un animal gordo e torpe, o consenso científico actual indica que era unha especie ben adaptada ó seu ecosistema. As diversas representacións amósano cunha plumaxe de cor marrón agrisada, patas amarelas, unha mata de plumas na cola, unha cabeza espida de cor gris e un bico verde. Utilizaba gastrólitos para axudarse na dixestión da comida, que incluiría froitos, e o seu hábitat principal serían os bosques nas zonas costeiras máis secas de Mauricio. Segundo un dos rexistros escritos conservados, a súa posta era dun só ovo. Os investigadores cren que o dodo quedou sen a capacidade de voar pola gran dispoñibilidade de fontes de alimentos e a ausencia relativa de predadores na illa de Mauricio.
A primeira mención rexistrada dun dodo é a duns mariñeiros holandeses no ano 1598. Nos anos seguintes esta ave foi cazada por mariñeiros e especies invasoras, ó mesmo tempo que o seu hábitat foi quedando destruído. O último avistamento amplamente recoñecido dun dodo foi en 1662. A súa extinción non chamou a atención inmediatamente, e algúns chegaron a consideralo unha criatura lendaria. No século XIX levouse a cabo unha investigación cunha pequena cantidade de restos de catro espécimes que se levaran a Europa a comezos do século XVII. Entre estes restos atopábase unha cabeza seca, o único tecido brando que se conserva desta especie. Dende entón recolleuse unha gran cantidade de material subfósil en Mauricio, procedente na súa maioría do sitio paleontolóxico denominado pantano de Mare aux Songes. A extinción do dodo en menos dun século desde o seu descubrimento chamou a atención do previamente non recoñecido problema da implicación humana na desaparición de especies enteiras. O dodo deuse a coñecer ó público xeral trala súa aparición na historia de Alicia no País das marabillas, e dende ese momento pasou a fixarse na cultura popular, de forma máis usual como símbolo da extinción e da obsolescencia.
Taxonomía miniatura|esquerda|240px|Cranio de dodo no Museo Zoolóxico de Copenhague. Os primeiros científicos que estudaron esta especie describírona como unha pequena avestruz, un rálido, un albatros ou un voitre. En 1842, o zoólogo danés Johannes Theodor Reinhardt propuxo que os dodos eran pombas terrestres, baseándose no estudo dun cranio de dodo que descubrira na colección do Museo de Historia Natural de Dinamarca. A comunidade científica ridiculizou nun primeiro momento esta consideración, ata que recibiu o apoio dos naturalistas ingleses Hugh Edwin Strickland e Alexander Gordon Melville na súa monografía de 1848 The Dodo and Its Kindred, na que tentaban separar o mito da realidade. Trala disección da cabeza e das patas preservadas do exemplar do Museo da Universidade de Oxford, e tras comparalo cos poucos restos dispoñibles do tamén extinto Pezophaps solitaria, Strickland e Melville concluíron que as dúas especies tiñan unha relación próxima. Strickland afirmou que malia non seren idénticas, estas dúas aves compartían moitas características distintivas nos ósos das patas, só coñecidas noutras especies de pombas.
Strickland e Melville estableceron que o dodo era anatomicamente semellante ás pombas en moitas características, destacando a pequena porción queratinosa do seu bico, cunha parte basal longa, delgada e núa.
Outras pombas presentan tamén pel núa ó redor dos ollos, case chegando ó seu bico, ó igual que os dodos. A fronte do dodo era alta en relación ó bico, e os orificios nasais localizábanse nunha posición baixa do medio do bico arrodeados de pel, unha combinación de características compartidas só coas pombas. As patas do dodo eran máis semellantes ás das pombas terrestres que ás doutras aves, tanto nas súas escalas coma nas súas características esqueléticas. As representacións que presentan o dodo cun gran papo indican unha relación coas pombas, nas que esta característica está máis desenvolvida que noutras aves. As pombas adoitan poñer poucos ovos, e o dodo tería unha posta dun só ovo. Tamén ó igual que as pombas, o dodo carecería de vómer e septo dos orificios nasais, compartindo detalles na mandíbula, apófise cigomática, padal e dedas. O dodo diferenciaríase principalmente doutras pombas no pequeno tamaño das súas ás e o gran tamaño do seu bico en proporción co resto do cranio.
Durante todo o século XIX houbo varias especies clasificadas como conxenéricas do dodo, incluíndo o Pezophaps solitaria e o Threskiornis solitarius, cos nomes binomiais de Didus solitarius e Raphus solitarius respectivamente. Unha atípica descrición datada do século XVII sobre un dodo e ósos atopados na illa Rodrigues, verificados posteriormente como pertencentes a un Pezophaps solitaria, levaron a que Abraham Dee Bartlett nomease unha nova especie, Didus nazarenus, no ano 1852. Baseándose en restos illados, pasou a ser dende entón un sinónimo desa especie. Uns bastos bosquexos de Aphanapteryx bonasia de Mauricio tamén se malinterpretaron como especies de dodo, cos nomes de Didus broeckii e Didus herberti.
Durante moitos anos o dodo e o Pezophaps solitaria clasificáronse dentro dunha mesma familia propia, Raphidae (anteriormente Dididae), debido a que as súas relacións exactas con outras pombas non estaban clarificadas. As dúas especies clasificáronse tamén nas súas familias monotípicas (Raphidae e Pezophapidae respectivamente), xa que os científicos consideraron que evolucionaran as súas semellanzas de forma independente. Investigacións osteolóxicas e análises de ADN posteriores levaron á disolución da familia Raphidae, facendo que o dodo e o Pezophaps solitaria se clasifiquen na súa propia subfamilia, Raphinae, dentro da familia Columbidae.
Evolución
miniatura|Bosquexo da cabeza do espécime de Oxford antes de que fose diseccionada en 1848. miniatura|Litografía de 1848 das patas do espécime de Oxford. No ano 2002, a bióloga estadounidense Beth Shapiro e o seu grupo de investigación analizou o ADN do dodo por primeira vez na historia. A comparación do citocromo b mitocondrial e de secuencias de rRNA de 12S illadas dun tarso do espécime de Oxford e dun fémur dun Pezophaps solitaria confirmaron a súa relación próxima e a súa clasificación dentro da familia Columbidae. Esta evidencia xenética interpretouse como demostración de que a especie Caloenas nicobarica era o seu familiar vivo máis próximo, seguida polo xénero Goura de Nova Guinea e da especie Didunculus strigirostris de Samoa. Este clado consta de especies de pombas endémicas de diversas illas, xeralmente terrestres.
No ano 2007 publicouse un novo cladograma semellante, que invertía a colocación das especie dos xéneros Goura e Dicunculus e incluía a Otidiphaps nobilis e a Trugon terrestris na base do clado. O ADN utilizado neste estudo obtívose do exemplar de Oxford, e xa que ese material está moi degradado e non se extraeu ADN utilizable dos restos subfósiles, estes achados precisan dunha verificación independente adicional. Baseándose nas evidencias morfolóxicas e de comportamento, Jolyon C. Parish propuxo que o dodo e o Pezophaps solitaria deberían situarse na subfamilia Gourinae xunto coas pombas do xénero Groura e outras, de acordo coas evidencias xenéticas. En 2014 analizouse o ADN do único espécime preservado de Caloenas maculata, de extinción máis recente, sendo este un parente próximo da Caloenas nicobarica, e en consecuencia do Pezophaps solitaria e do dodo.
O estudo de 2002 indicou que os antepasados do dodo e do Pezophaps solitaria diverxeron ó redor do límite Paleoxeno-Neoxeno. As illas Mascareñas (Mauricio, Reunión e Rodrigues) son de orixe volcánica e teñen menos de 10 millóns de anos. Polo tanto, os antepasados de ámbalas dúas aves probablemente mantiveron a capacidade de voar durante un tempo considerable trala separación da súa liñaxe evolutiva. As especies Caloenas nicobarica e Caloenas maculata clasificáronse na base da liñaxe que leva á subfamilia Raphinae, indicando que as especies sen capacidade de voo desta familia tiñan antepasados capaces de voar, eran semiterrestres e habitaban en illas. En consecuencia, isto apoia a hipótese de que os antepasados desas aves chegaron ás illas Mascareñas pasando de illa en illa dende o sur de Asia. A falta de herbívoros mamíferos que competisen por recursos nestas illas provocou que o Pezophaps solitaria e o dodo chegasen a ter un tamaño moi grande e perdesen a capacidade de voo. Malia as diverxencias na morfoloxía do seu cranio e nas adaptacións a maiores tamaños, moitas das características do seu esqueleto mantiveron unha semellanza coas doutras pombas de menor tamaño. Outra gran pomba non voadora, a Natunaornis gigoura, foi descrita no ano 2001 a partir de material subfósil atopado en Fiji. Esta especie só era lixeiramente máis pequena que o dodo e o Pezophaps solitaria, e considérase que tamén estaba relacionada co xénero Goura.
Etimoloxía Un dos nomes orixinais do dodo foi o neerlandés "Walghvogel", empregado por primeira vez no diario do vicealmirante Wybrand van Warwijck, quen visitou Mauricio durante a segunda expedición holandesa a Indonesia no ano 1598. Walghe significa "eslamiado", "insípido" ou "pálido", e vogel significa "paxaro". Jakob Friedlib traduciu este nome ó alemán como Walchstök ou Walchvögel. O informe neerlandés orixinal titulado Waarachtige Beschryving non se conserva, pero si sobreviviu unha tradución deste ó inglés:
miniatura|Bosquexo con anotacións de Thomas Herbert, 1634, amosando un Lophopsittacus mauritianus ("Cacato"), un Aphanapteryx bonasia ("Hen") e un dodo. Outro relato desa viaxe, quizais o primeiro en mencionar o dodo, afirma que os portugueses referíanse a eles como "pinguim", significado probablemente non derivado do nome que lles daban ós propios pingüíns (fotilicaios), senón de pinion, en referencia as súas pequenas ás. A tripulación do navío holandés Gelderland referiuse a esta ave co nome de "Dronte" ("enchido") no ano 1602, nome aínda en uso nalgunhas linguas. Esta mesma tripulación deulle os nomes de "griff-eendt" e "kermisgans", en referencia ás aves de curral que se engordaban para o festival quermese en Ámsterdam e que celebraron o día despois da súa chegada a Mauricio.