Lois XIV de Borbón ou Luís XIV de Borbón (en francés Louis XIV), nado en Saint-Germain-en-Laye o 5 de setembro de 1638 e finado en Versalles o 1 de setembro de 1715, foi rei de Francia e de Navarra dende o 14 de maio de 1643 até a súa morte con case 77 anos de idade e 72 de reinado. Cando era menor de idade, unha revolta da nobreza francesa e do Parlamento de París puxo en perigo o seu trono. Aínda que a revolta foi sufocada polo 1º ministro o cardeal Mazarino, cando Lois XIV accedeu ao trono decidiu reforzar a autoridade monárquica.

Coñecido como o Rei Sol (le Roi Soleil) ou Lois o Grande (Louis le Grand), foi o primoxénito e sucesor de Lois XIII e de Ana de Austria (filla do rei Filipe III de España). Lois XIV incrementou o poder e a influencia francesa en Europa, combatendo en tres grandes guerras: a guerra de Holanda, a guerra dos Nove Anos e a guerra de Sucesión española.

Baixo o seu mandato, Francia non só conseguiu o poder político e militar, senón tamén o dominio cultural con personaxes coma Molière, Racine, Boileau, La Fontaine, Lully, Rigaud, Le Brun e Le Nôtre. Estes logros culturais contribuíron ao prestixio de Francia, do seu pobo, da súa lingua e do seu rei. Lois XIV, un dos máis destacados reis da historia francesa, conseguiu crear un réxime absolutista e centralizado, até o punto de que o seu reinado é considerado o prototipo da monarquía absoluta na Europa. A frase "L'État, c'est moi" ("O estado son eu") atribúeselle frecuentemente, aínda que é considerada polos historiadores como unha imprecisión histórica (se se fai caso ás datas, Lois tería cinco anos cando o dixo), sendo máis probable que a devandita frase fose forxada polos seus inimigos políticos para resaltaren unha visión estereotipada do absolutismo político que Lois representaba. En contraposición a esa cita apócrifa, Lois XIV dixo antes de morrer a causa das queimaduras do Sol, algo moi común na súa época: "Je m'en vais, mais l'État demeurera toujours." ("Marcho, mais o Estado sempre permanecerá").

Infancia e ascenso ao trono 200px|dereita|miniatura|Coroación de Lois XIV en Reims, ano 1654.O nacemento de Lois, en Saint-Germain-en-Laye no ano 1638, foi recibido como un don divino polos seus pais: Lois XIII e Ana de Austria, os cales non tiveran descendencia en vinte e tres anos; por iso foi bautizado como "Louis-Dieudonné" (Dieudonné significa "dado por Deus"); á parte outorgáronselle os títulos de premier fils de France ("Primeiro Fillo de Francia") ademais do máis tradicional de Delfín de Viennois. Lois XIV proviña dun ambiente multicultural xa que os seus avós paternos, Henrique IV de Francia e María de Médicis, eran navarro e italiana respectivamente e os seus avós maternos, Filipe III de España e Margarida de Austria, eran Habsburgos, el español e ela austríaca.

Lois XIII e Ana tiveron o seu segundo fillo, Filipe d'Anjou que posteriormente sería Filipe I, Duque de Orleáns no ano 1640.

Lois XIII non se fiaba da habilidade da súa esposa para gobernar Francia trala súa morte, polo que decretou que un consello rexente gobernase no nome do seu fillo durante a súa minoría de idade, para reducir así o poder da Raíña Nai durante a rexencia. De feito, trala morte de Lois XIII e o ascenso ao trono, con cinco anos, de Lois XIV o 14 de maio de 1643, Ana anulou o testamento de Lois XIII no Parlamento, rompeu co consello e quedou como única rexente. Durante a súa rexencia, confiou o poder ao seu primeiro ministro, o italiano Cardeal Mazarino, ao que a maioría dos círculos políticos franceses desprezaban pola súa orixe non francesa.

Ao finalizar a guerra dos Trinta Anos, no ano 1648, comezou unha guerra civil francesa coñecida como a Fronda. Mazarino continuou coas políticas de centralización emprendidas polo seu predecesor, Richelieu, aumentando así o poder real a expensas da nobreza. En 1648, intentou impoñer un imposto aos membros do Parlamento, o cal estaba constituído, principalmente, por membros da nobreza e altos cargos eclesiásticos. Os membros do Parlamento non só rexeitaron o imposto, senón que tamén ordenaron a queima de tódolos editos financeiros de Mazarino. Nunha ocasión na que o cardeal ordenou arrestar algúns dos membros do Parlamento, París estalou en insurrección. Un grupo de parisienses molestos irrompeu no palacio real demandando ver o rei. Tras seren conducidos á alcoba real, ficaron mirando para Lois XIV, o cal se facía o durmido, e marcharon tranquilamente. Debido ao perigo que corría a familia real e a monarquía, Ana fuxiu de París co rei e os seus cortesáns. Pouco tempo despois, a sinatura da Paz de Westfalia permitiu ao exército francés volver a axudar a Lois XIV e á súa corte real. Xa en xaneiro de 1649 comezou o asedio da rebelde París. A subsecuente Paz de Rueil rematou co conflito, cando menos temporalmente. miniatura|161x161px|Lois XIV nunha moeda dun luís de ouro de 1709 A segunda Fronda comezou ao rematar a primeira Fronda (Fronde Parlementaire), en 1650. Nobres de todo rango, dende princesas de Sangue Real e curmáns do rei, como Gastón, duque de Orleáns, a súa filla, Ana María Luísa de Orleáns e Montpensier, Lois II de Borbón-Condé e Armando de Borbón-Conti, a nobres de longa liñaxe como François VI, Duque da Rochefoucauld, Frédéric Maurice de La Tour d'Auvergne, o seu irmán, Turenne e Marie de Rohan-Montbazon, incluso nobres de descendencia real lexítima como Henrique II de Orleáns e Francisco de Vendôme, participaron na rebelión contra o poder real. Incluso o clero tiña representación na rebelión na persoa de Jean-François Paul de Gondi. Como resultado a estes días tumultuosos, nos que se di que a Raíña Nai tivo que vender as súas xoias para alimentar aos seus fillos, Lois XIV desenvolveu unha gran desconfianza da nobreza.

Fin da guerra e reinado persoal 250px|dereita|miniatura|O seu casamento en 1660.Namentres, a guerra coa España continuaba. Os franceses recibiron apoio militar de Inglaterra, dirixido por Oliver Cromwell. A alianza anglo-francesa venceu en 1658 na Batalla das Dunas. O resultado da guerra foi o Tratado dos Pireneos que fixou a fronteira entre a España e máis a Francia nos Pireneos, cedendo a España varias provincias e cidades á Francia nos Países Baixos españois e no Rosellón. Este tratado cambiou a balanza de poder, Lois XIV casou coa filla de Filipe IV de España: María Tareixa de Austria e Borbón. O matrimonio celebrouse o 9 de xuño de 1660.

Guerra nos Países Baixos Trala morte de Filipe IV de España, tío e sogro de Lois XIV, en 1665, o seu fillo (da súa segunda esposa) ascendeu ao trono como Carlos II de España. Lois XIV reclamou o territorio de Brabante, nos Países Baixos, gobernados até entón polo rei de España, que debían ser "devoltos" á súa esposa, María Tareixa, medio irmá máis vella de Carlos II (filla do primeiro matrimonio do pai de ámbolos dous). Lois argumentou que os costumes de Brabante non permitían que un fillo sufrise prexuízos polas consecuencias de que o seu pai volvese casar, polo que tiña prioridade sobre os fillos dos seguintes matrimonios á hora de herdar. Estas reclamacións darían pé á guerra de Devolución de 1667, na cal Lois participou persoalmente.

Os problemas internos da República dos Sete Países Baixos Unidos beneficiaron os intereses de Lois nos Países Baixos. O político máis importante do momento nas Provincias Unidas, Johan de Witt, temía que o mozo Guillerme III, Príncipe de Orange, se fixese co poder nas Provincias Unidas. De Witt pensaba que unha guerra naval contra Francia se podería levar, mais non unha guerra terrestre, que permitiría a intervención de Guillerme III, deixándolle co poder. Así, coas Provincias Unidas divididas nun conflito interno entre os seguidores de De Witt e os de Guillerme de Orange, xunto coas refregas entre ingleses e holandeses, Francia non tivo ningunha dificultade en conquistar Flandres e o Franco Condado. Ante a velocidade do triunfo francés, as Provincias Unidas uníronse a Inglaterra e Suecia nunha Tripla Alianza no ano 1668. A formación da Tripla Alianza puña a Lois XIV ante o problema de verse no medio dunha guerra de maiores dimensións, polo que aceptou firmar a paz no Tratado de Aquisgrán, polo cal a Francia se quedaba co control de Flandres, pero devolvía o Franco Condado á España.esquerda|miniatura|350px|Expansión francesa baixo Lois XIV (en laranxa).A Tripla Alianza non durou moito. En 1670, Carlos II de Inglaterra, atraído por subornos franceses, asinou en segredo o Tratado de Dover, converténdose en aliado francés. Ámbolos dous reinos declararon a guerra ás Provincias Unidas en 1672. A rápida invasión e ocupación da práctica totalidade dos Países Baixos, salvo Ámsterdan, provocou un golpe de estado contra De Witt, o que lle permitiu a Guillerme III facerse co poder. Guillerme III aliouse coa España e o Sacro Imperio, e, tras dous anos de loita en 1674, asinou un tratado de paz coa Inglaterra forzando aos ingleses a se retiraren dos Países Baixos. Guillerme incluso chegou a casar con María II de Inglaterra, sobriña de Carlos II de Inglaterra. Porén, e a pesar destes movementos diplomáticos, a guerra continuou con grandes vitorias francesas sobre as forzas da coalición opoñente. De feito, as nacións implicadas, extenuadas pola guerra, comezaron a negociar unha paz, chegando no 1678 á Paz de Nimega. No devandito tratado Lois XIV, malia devolver todo o territorio holandés capturado, gañou a posesión de máis cidades e retivo o Franco Condado, que fora invadido en poucas semanas.

O tratado de Nimega incrementou aínda máis a influencia francesa en Europa, pero non satisfixo a Lois XIV. O rei despediu o seu ministro de asuntos exteriores, Simon Arnauld de Pomponne, no ano 1679, porque consideraba a súa actitude demasiado comprometida cos aliados. Lois XIV continuou agrandando o seu exército, aínda que en vez de conseguir as súas reclamacións territoriais polas armas, fíxoo por medio de xuízos. Debido ás redaccións ambiguas dos tratados da época, Lois conseguiu reclamar que os territorios que se lle cederan nos tratados asinados previamente, debíanse ceder xunto coas dependencias e terras que tivesen pertencido a eses territorios formalmente. A anexión destes territorios tiña o obxectivo de proporcionar á Francia unha fronteira máis defendible. Lois tamén desexaba a cidade de Estrasburgo, unha localización estratéxica. Estrasburgo estaba situada na Alsacia, territorio que non se lle cedera a Lois na Paz de Westfalia. Porén, Lois XIV ocuparíao en 1681, usando pretextos legais.

Dominación na década de 1680 Na década de 1680 o poder francés sobre Europa, baixo o mandato de Lois XIV, aumentara enormemente. A xestión económica dun dos ministros máis famosos de Lois, Jean-Baptiste Colbert, morto en 1683, produciu un gran cambio na tesouraría real; os ingresos da coroa triplicáronse so a súa supervisión. Os príncipes europeos comezaron a imitar o modelo francés en tódolos seus aspectos. As colonias francesas no estranxeiro multiplicáronse, tanto na América como na África ou na Asia, iniciándose relacións diplomáticas con nacións como Siam e Persia. Por exemplo, o explorador René Robert Cavelier de La Salle reclamou para a Francia, no 1682, a cunca do Río Mississippi, nomeándoa "Luisiana" en honor de Lois XIV. Incluso os xesuítas franceses tiñan presenza na corte Manchú na China.