O achagua é unha lingua da familia arauaca de Colombia. Segundo datos de 2000 tiña uns 250 falantes. O achagua está clasificado como en perigo severo polo Libro Vermello das Linguas Ameazadas da UNESCO.
Distribución xeográfica Os achagua viven preto do río Meta, a maioría vive nun casarío de 50 casas, denominado Umapo no concello de Puerto López, outras 5 familias viven nun asentamento do departamento de Casanare.
Escrita A primeira obra en achagua é un dicionario compilado polos misioneiros Alonso Neira e Juan Ribero en 1726 e que permanece inédito, Arte y vocabulario de la lengua Achagua. Doctrina cristiana, confesionario de uno y otro sexo o instrucción de catecumenos. Dende 1983 véñense publicando materiais relixiosos e de aprendizaxe da lingua nun alfabeto propio desenvolvido por misioneiros protestantes.
Historia Antes de chegaren os españois estímase o seu número entre 50.000 e 100.000, o grupo máis grande habitaba entre os ríos Vichada e Guavire, na rexión dos Llanos Orientales, aínda que tamén había grupos importantes nos Llanos de Casanare, Barinas ( ao longo do río Apure) e en Barraguán. No século XVIII comeza a diminuír o seu número, polas guerras de conquista dos españois e polas novas enfermidades traídas polos europeos, os que quedaron buscaron refuxio nas misións xesuítas.
Notas
Véxase tamén Ligazóns externas Ethnologue
Categoría:Linguas arauacas Categoría:Linguas de Colombia