José Manuel Iglesias Martínez, nado no Penedo (Mugardos) o 29 de novembro de 1944 e finado no mesmo lugar o 1 de outubro de 2008, foi un histórico militante de Comisións Obreiras e unha das persoas que traballou para fundar o Sindicato Nacional de CC.OO. de Galicia.

Traxectoria Traballador da antiga Bazán —actualmente Navantia—, comezou a traballar con só catorce anos no sector do metal e ao longo da súa vida desenvolveu as tarefas de axustador montador, peón da construción e tubeiro para instalacións eléctricas.

En 1968 formaba parte do Comité Central do Partido Comunista, organización que naquela época era clandestina. Como consecuencia desa militancia foi detido en seis ocasións. Tamén formou parte da dirección galega do Partido Comunista de Galicia —era membro do Comité Comarcal de Ferrol antes da legalización— e chegou a ser procesado por iso. Xa legalizados Comisións Obreiras e o PCG, formou parte do Comité Central e da Executiva deste último, ademais de ser membro da Coordinadora Estatal e do Secretariado Estatal do PCE.

En 1985 chegou a ser secretario xeral do PCG. Logo da integración do PCG en Esquerda Unida, José Manuel Iglesias militou na nova formación política e foi concelleiro no seu Mugardos natal desde 1987 a 1999.

Represión Como consecuencia da súa actividade política na clandestinidade, pero tamén nos albores da democracia, foi obxecto de represión en numerosas ocasións. Chegou a ser condenado a dous anos e catro meses de presión e a dez mil pesetas de multa. Cumpriu pena nos cárceres da Coruña, Xaén e Palencia. O Tribunal de Orde Pública (TOP) tamén o chegou a deter ata tres meses no Proceso de Burgos.

Comisións Obreiras A partir de 1976, en colaboración con Manuel Amor, Redondo Abuín e outros compañeiros, dedicouse a percorrer Galicia para reorganizar as Comisións Obreiras, formando parte do proceso de creación do actual sindicato. En CCOO foi secretario de Organización do Sindicato Nacional e máis tarde membro da Executiva da Confederación Sindical de CCOO e primeiro secretario da Federación Galega do Metal.

Obra A autoridade na palabra. Biografía do comunista Paco Filgueiras (1920-1976) (2006)

Véxase tamén Ligazóns externas Sindicato Nacional de CC.OO. de Galicia Corporacións democráticas no Concello de Mugardos Palabras de José Manuel Iglesias, pronunciadas en 1985 acerca do proceso de reconversión naval Rafael Pillado, sobre José Manuel Iglesias, na emisora Radiofusión

Categoría:Sindicalistas de CCOO de Galicia Categoría:Nados en Mugardos Categoría:Nados en 1944 Categoría:Finados en 2008 Categoría:Concelleiros de Mugardos Categoría:Políticos de Esquerda Unida Categoría:Políticos do PCG Categoría:Concelleiros de Galicia durante a democracia Categoría:Concelleiros de Galicia por Esquerda Unida Categoría:Personalidades de Galicia sen imaxes