miniatura|O lugar do accidente O 4 de novembro de 2008, un avión modelo Learjet 45XR caeu cando se aproximaba ao aeroporto de Cidade de México. No accidente faleceron catorce persoas, entre elas o ministro de interior mexicano, o galego Juan Camilo Mouriño. A aeronave O avión era un Learjet 45 XR, propiedade do goberno de México. Os Learjet 45 son avións pequenos, de 17,68 m de eslora, e 14,57 m de amplitude de ás, e que alcanza unha velocidade de cruceiro de 457 nós. Están fabricados pola empresa canadense Bombardier Aerospace.
Ten espazo para dúas persoas no posto de mando e 9 pasaxeiros. No avión voaban no momento do accidente 3 tripulantes e 5 pasaxeiros. Fora fabricado no ano 2000 e a súa matrícula era XC-VMC.
Lugar do accidente O pequeno avión facía a viaxe de volta dende o aeroporto Ponciano Arriaga, na cidade de San Luis Potosí ata o aeroporto Benito Juárez de Cidade de México. Engalou ás 17:30, hora local, e tiña prevista a aterraxe pouco antes das sete da tarde. Ás 18:42 a torre de control perdeu o contacto co avión, cando este estaba realizando xa a manobra de aproximación á pista.
O avión caeu sobre a estrada Paseo de la Reforma, unha das principais arterias do oeste de Cidade de México á altura do cruzamento coa rúa Prado Norte, e a escasos metros do bosque de Chapultepec, un dos pulmóns arbóreos da capital mexicana.
As causas Unha primeira hipótese asociou o accidente á reducida distancia entre o avión e un Boeing 767 que viaxaba diante, e que puido ser orixe de turbulencias que derrubasen a aeronave. Porén, e tendo en conta o alto perfil político das vítimas, a investigación non descartou un atentado, sucedido precisamente logo de semanas de grandes disturbios no país entre as forzas do estado e bandas de narcotraficantes, que se cobraron 4.200 mortos.
Finalmente, as pescudas consideraron que a primeira hipótese era a correcta, e que a escasa distancia entre os avións foi produto da inexperiencia dos pilotos.
As vítimas Faleceron 14 persoas, e ata 40 resultaron feridas de diversa consideración. Entre os falecidos estaba toda a tripulación e a pasaxe da aeronave (8 persoas) e seis persoas máis, de distintas nacionalidades, que se atopaban na rúa sobre a que caeu o avión.
Tres dos falecidos ocupaban elevadas posicións na política mexicana. Un era Juan Camilo Mouriño, político e economista galego, que nese momento era o ministro da Gobernación (interior) mexicano. Tamén faleceu José Luis Santiago Vasconcelos, alto cargo do ministerio e responsable da loita contra a droga, e Miguel Monterrubio, voceiro do ministerio.
Notas
Categoría:Accidentes e incidentes aéreos en 2008 Categoría:Accidentes aéreos en México