Venecia (en italiano: Venezia, en véneto: Venexia) é unha cidade e comuna italiana, capital da rexión do Véneto e da provincia de Venecia, situada no nordeste da Península Itálica. A cidade, con 270.516 habitantes (a 31 de xullo de 2010), é coñecida pola súa historia, canais, museos e monumentos, así como pola súa industria. Xunto con Padua, forma a área metropolitana de Padua-Venecia cunha poboación de 1.600.000 habitantes.
O nome da cidade deriva da antiga tribo dos veneti, que viviron na rexión nos tempos de Roma. Venecia foi historicamente capital dunha cidade-estado independente. Ao longo do tempo a cidade foi coñecida con distintos alcumes: "La Dominante", "Serenissima", "a raíña do Adriático", "a cidade da auga", "a cidade das máscaras", "a cidade das pontes", "a cidade flotante" e a "cidade das canles". Hoxe está clasificada como Patrimonio da Humanidade pola UNESCO. Dos moitos monumentos e locais turísticos existentes, destacan a Basílica de San Marcos, na adxacente Praza de San Marcos, a Ponte de Rialto sobre a Gran Canle, construída en 1588 segundo proxecto de Antonio da Ponte, a Ca' d'Oro e numerosas igrexas e museos.
A cidade esténdese por 117 pequenas illas na Lagoa de Venecia ao longo do mar Adriático, entre a desembocadura do río Po (ao sur) e do río Piave (ao norte). Aínda que a poboación da cidade é de 270.516 habitantes tan só 60.000 viven nas illas do centro histórico (Centro storico), sendo a poboación en terra firme (Terraferma) de 176.000. Os restantes 31.000 viven noutras illas da lagoa.
A República de Venecia foi unha importante potencia marítima durante a Idade Media e o Renacemento, e un dos escenarios das Cruzadas e da Batalla de Lepanto, así como un importante centro de comercio (en especial seda, cereais e especias) e arte entre o século XIII e final do XVII. Todo isto fixo de Venecia unha cidade moi rica ao longo de case toda a súa historia. Venecia tamén tivo un papel importante na historia da música sinfónica e da ópera, sendo o lugar de nacemento de Antonio Vivaldi. Tamén en Venecia naceron numerosos papas, alén de numerosos artistas como Antonio Vivarini, Antonio da Ponte, Tintoretto ou Canaletto.
Historia
Orixes Aínda que non haxa ningún rexistro histórico que lide directamente coas orixes de Venecia, os elementos dispoñíbeis fixeron que varios historiadores concordasen coa teoría de que a poboación orixinal de Venecia era formada por refuxiados de cidades romanas como Padua, Aquileia, Altino e Concordia (moderna Portogruaro), que fuxían das sucesivas invasións xermánicas e hunas á Península Itálica no século V. Máis tarde, algunhas fontes históricas romanas revelaron a existencia de pescadores nas illas da lagoa de Venecia. Foron referidos como incola lacunae (habitantes da lagoa).
Comezando en 166-168, os cuados e os marcomanos destruíron a actual Oderzo (vila preto de Venecia). As defensas romanas foron derrubadas no inicio do século V polos visigodos e, preto de cincuenta anos despois, polos hunos liderados por Atila. De máis longa duración foi a invasión dos longobardos en 568. Ao leste, o Imperio Bizantino estaba estabelecendo dominios na rexión do actual Véneto e as principais entidades administrativas e relixiosas do imperio na Península Itálica foron trasladadas para este. Foron construídos novos portos, incluíndo Malamocco e Torcello na lagoa de Venecia.
O dominio bizantino na Italia Central e Setentrional foi eliminado posteriormente en gran medida pola conquista do Exarcado de Rávena en 715 por Aistolfo. Durante este período, a sede local do goberno bizantino (a residencia do "duque/doux", despois chamado doge), foi situada en Malamocco. En 775-776, foi creada a sede do bispado de Olivolo (Helipolis). Durante o reinado do doge Agnello Participazio (811-827), a sede ducal foi movida de Malomocco para a illa protexida de Rialto (de "rivoalto", isto é, costa alta).
Os doges esquerda|miniatura|A República de Venecia en 1796. O doge era o primeiro maxistrado da República de Venecia. Os seus atributos simbólicos eran aínda reminiscencias do Imperio Bizantino. O poder dos doges foi sempre limitado polos venecianos, a través, por exemplo, do promissio ducalis, unha carta de principios e promesas que debían xurar na data de entrada en funcións. O texto foi fixado en 1172, cando foi elixido Enrico Dandolo, e foi obxecto de modificacións en 1192 e 1229.
A partir dese último ano, a elección do doge ficou sometida ao exame do Consello dos Cinco Correctores. A partir de 1501, a promissio foi lida todos os anos ao doge en funcións. En 1646, a dogeza (a muller do doge) foi interdita á coroación. Durante o século XVII, os membros da familia do doge estaban interditos na maxistratura e embaixadas venecianas. O primeiro título de doge en Venecia foi dado no século IX como dux Veneciarum ("xefe dos Venezianos"), título que se mantivo durante toda a existencia do cargo.
Do século IX ao século XII, os doges xuntaron o título aos de dux Croatorum ("xefe dos croatas"), dux Dalmatinorum (xefes dos dálmatas), totius Istriæ dominator ("soberano de toda Istria"), dominator Marchiæ ("soberano das Marcas"), traducindo así o dominio veneciano no mar Adriático. En 1095, o epitafio do doge Vitale Faliero de Doni proclamábao mesmo rex et corrector legum ("rei e promulgador das leis"). Enrico Dandolo, no final do século XII, titulábase dominator quarte et dimidie partides totius Imperii Romanie ("soberano dun cuarto e medio de todo o Imperio Romano"). O título prolongouse até 1356 e foi abandonado por Giovanni Delfino.
Expansión miniatura|200px|Praza de San Marcos, en Venecia, co Campanario de San Marcos en segundo plano. A influencia política de Venecia fixo marca na historia de Europa, sobre todo cando a partir da Alta Idade Media se expandiu grazas ao control do comercio con Oriente e aos beneficios que de aí viñan. Esa expansión deuse sobre todo na zona do mar Adriático e do mar Exeo. O apoxeo de Venecia acadou o cumio na primeira metade do século XV, cando os venecianos comezaron a expandirse por Italia oriental, como resposta ao ameazador adianto de Gian Galeazzo Visconti, duque de Milán.
Venecia soubo aproveitar todas as mudanzas que ocorreron no mundo occidental: Aliouse cos francos contra os longobardos. Aliouse co Imperio Bizantino contra os normandos. Foi benevolente e tolerante co islam, de tal modo que ao estar o Imperio Bizantino en guerra cos árabes este non podía comerciar sen grandes riscos, e foi nesa ocasión que os navíos venecianos partiron para Alexandría, Beirut e Jaffa, monopolizando aquel comercio.
Decadencia A caída de Constantinopla en 1453 marcou o principio da decadencia. O descubrimento do camiño marítimo cara a India de Vasco da Gama (1498) e o descubrimento de América por Cristovo Colón (1492) desprazaron as rutas de comercio e Venecia viuse obrigada a sustentar unha loita esgotadora contra os turcos otománs. En 1797, foi invadida polas tropas de Napoleón Bonaparte. Coa sinatura do tratado de Campo Formio, dividiuse o seu territorio entre Francia e o Imperio Habsburgo.
Venecia está rodeada de lagoas de pouca profundidade, e iso valeulle sempre como excelente defensa. Nas súas augas encallaban facilmente os navíos que non coñecían os fondos. Era tamén unha cidade atrincheirada protexida por grandes murallas. As "murallas" de Venecia son os perigosos bancos de area que fican case a descuberto na baixamar. Para chegar a Venecia dende o mar Adriático é preciso coñecer as pasaxes, que nos tempos de paz eran sinaladas con fileiras de estacas con luces á noite.
Xeografía miniatura|Sestieri de Venecia: Cannaregio Castello Dorsoduro San Marco San Polo Santa Croce Venecia atópase dividida "sestiere". Estes son Cannaregio, San Polo, Dorsoduro (inlcuíndo Giudecca e a Isola Sacca Fisola), Santa Croce, San Marco (incluíndo San Giorgio Maggiore) e Castello (incluíndo San Pietro di Castello e Sant'Elena). Cada sestiere está administrado por un apoderado xunto co seu persoal.
Estes distritos están integrados por parroquias. Inicialmente eran setenta en 1033, mais foron reducidas baixo o mandato de Napoleón até só trinta e oito. Estas parroquias son anteriores aos sestieri, que se crearon ao redor de 1170. Outras illas da Lagoa de Venecia non forman parte de ningún dos sestieri, posuíndo historicamente un grao considerable de autonomía.
Cada sestiere ten o seu propio sistema de numeración das vivendas. Cada casa ten un número único no distrito, dun a varios miles, en xeral numerados dunha esquina da área a outra, mais xeralmente non dunha forma facilmente comprensible.
Na parte dianteira das góndolas que traballan na cidade, hai unha gran peza de metal que pretende ser unha imaxe do chapeu dos Doge. Este posúe seis estallas apuntando para adiante e unha para atrás. Cada un destes representa un dos Sestieri (o que apunta para atrás representa a Giudecca).
Afundimento de Venecia miniatura|esquerda|180px|Acqua Alta en Venecia. miniatura|Venecia e arredores. Os edificios de Venecia están construídos con piares pouco espazados de madeira, os cales foron importados desde o continente. Baixo a auga, coa falta de osíxeno, a madeira non se descompón, é petrificada como resultado do fluxo constante de auga rica en minerais ao redor dela, de modo que se converte nunha estrutura similar á pedra. As pilas penetran nunha capa abrandada de area e barro até chegar a unha capa máis dura de arxilas comprimidas. A madeira para as pilas foi cortada na parte máis occidental da actual Eslovenia, nunha rexión hoxe chamada Carso, e en dúas rexións de Croacia, Lika e Gorski kotar. A maioría destas pilas segue intacta despois de séculos de inmersión. Por riba dos cimentos sobre as pilas, hai construcións de ladrillo ou pedra. Os edificios son a miúdo ameazados polas inundacións causadas pola marea, provocadas polo Adriático entre as estacións do outono e a primavera.
Hai seiscentos anos, os venecianos protexíanse das inundacións en terra, desviando todos os grandes ríos que desembocan na lagoa, prevendo así sedimentos obturando a zona ao redor da cidade. Isto creou un contorno de lagoa cada vez máis profundo.
Durante o século XX, cando moitos pozos artesianos foron perforados na periferia da lagoa para extraer auga para a industria local, Venecia comezou a afundirse. Tempo despois confirmouse que a extracción da auga destes acuíferos estaba a ser a causa, polo que na década de 1960 estes pozos foron prohibidos, desacelerando o proceso. Con todo, a cidade está sendo ameazada por frecuentes inundacións de baixo nivel (chamadas Acqua Alta, "auga alta") que se elevan a unha altura de varios centímetros sobre os peiraos. Estas inundacións sucédense periodicamente segundo certas mareas. En moitas casas vellas as antigas escaleiras utilizadas para descargar mercadorías están anegadas, o que fai a antiga planta baixa inhabitable.
miniatura|upright=1.8|Panorama da Canle de Giudecca e a Basílica de San Marcos. Algúns estudos recentes suxiren que a cidade xa non se vai afundir máis, pero non se sabe con absoluta certeza, polo que o estado de alerta non foi aínda revogado. En maio de 2003, o primeiro ministro italiano Silvio Berlusconi inaugurou o "proxecto MOSE" (Modulo Sperimentale Elettromeccanico), un modelo experimental para avaliar o rendemento dunhas barreiras inchables. A idea é estabelecer unha serie de 79 pontellas enchibles a través do leito do mar nas tres entradas da lagoa. Cando a marea estea previsto que suba por riba de 110 centímetros, as pontellas encheríanse de aire e bloquearían a entrada de auga dende o Mar Adriático. Esta obra de enxeñaría espérase que estea rematada ao longo do ano 2011.