As anxiospermas, plantas con flor ou Magnoliophyta é o grupo máis grande de plantas terrestres. Magnoliophyta é o nome dun taxon de plantas emprazado na categoría taxonómica de División, que no sistema de clasificación de Cronquist (1981) coincide na súa definición coas que noutros sistemas de clasificación son as chamadas anxiospermas (en latín Angiospermae, coma no sistema de clasificación de Engler, H. Melchior. 1964. A. Engler's Syllabus der Pflanzenfamilien (12ª edición) en inglés Angiosperms, coma no moderno sistema de clasificación APG II do 2003). As flores das anxiospermas diferéncianse das flores do resto das espermatófitas en que posúen verticilos ou espirais ordenados de sépalos, pétalos, estames e carpelos, e os carpelos cobren os óvulos e reciben o pole sobre a súa superficie estigmática en troques de recibilo directamente sobre o óvulo coma ocorre nas ximnospermas

Nalgúns sistemas de clasificación chámanas "magnoliófitas" (nome científico Magnoliophyta), xa que se pensaba até hai pouco tempo que as magnolias eran as flores máis semellantes á "anxiosperma ancestral" (a primeira planta destas características, da que terían descendido todo o resto das anxiospermas).

O termo "anxiospermas" provén de dúas verbas gregas: anxíon vaso, ánfora, e sperma, semente; así, este termo composto quere dicir "semente envasada", en referencia a que os seus óvulos (e posteriormente a súa semente) fican pechados pola folla fértil portadora dos óvulos ou carpelo. Deste xeito, o gran de pole para fecundar o óvulo ten que contactar unha superficie do carpelo preparada para isto (o "estigma") en troques de caeren directamente sobre o óvulo coma nas ximnospermas.

A estrutura particular das súas flores non é a única diferenza que posúen co resto das espermatófitas, outros caracteres morfolóxicos distintivos son a redución do gametófito feminino a só unhas poucas células, a dobre fecundación (coa formación dun tecido nutritivo característico, triploide, chamado endosperma, ó tempo que se fecunda o óvulo), e un xilema e floema distintivos, máis recentes que os do resto das traqueófitas, e máis eficientes en moitos aspectos (aínda que o xilema semella ter evolucionado xa dentro da póla, sendo as magnoliófitas máis primitivas semellantes nos seus tubos xilemáticos ás ximnospermas).

As anxiospermas son un grupo de espermatófitas recoñecido como monofilético desde hai moito tempo polos seus caracteres morfolóxicos distintivos, a súa monofilia foi sostida logo polos análises moleculares de ADN.

A diversificación que sufriu este grupo é moi rechamante. No rexistro fósil aparecen a principios do Cretáceo (hai uns 130 millóns de anos), momento a partir do cal aparecen enormes cantidades de fósiles de especies moi diversas, coma se apareceran de golpe con toda a súa diversidade, o que Darwin chamou no seu momento un "abominable misterio". Aínda hoxe preto do 90 % das plantas terrestres pertencen a este grupo. Cunhas 257.000 especies viventes (Judd et al. 2002), as magnoliófitas son as responsables da maior parte da diversidade en espermatófitas, en embriófitas e en viridófitas.

Así como posúe moitas especies, este grupo tamén se caracteriza por posuír unha enorme diversidade de hábitos, e ocupar practicamente todos os nichos ecolóxicos posibles. Hai plantas arbustivas e herbáceas, hainas terrestres e acuáticas, atópanse tanto nos desertos coma nos pantanos, no nivel do mar coma no alto dos montes. A súa diversidade de especies é moito máis alta en zonas tropicais e húmidas (ó redor do 60 % das especies son de zonas tropicais e un 75 % ten un crecemento óptimo en climas tropicais), onde dominan completamente a paisaxe, e vai diminuíndo o seu número cara ás latitudes altas, chegando a posuír unha representación baixa nas floras máis frías coma a da tundra (que aínda hoxe está dominada polas coníferas).

Os membros desta división son a fonte da maior parte dos alimentos consumidos polo ser humano, así como de moitas materias primas e produtos naturais. O groso da alimentación mundial procede de só quince especies.

Diferenzas na definición Nalgúns textos considérase que só as anxiospermas son plantas con flores, xa que só consideran flores ás flores de anxiospermas (que ancestralmente posúen verticilos ou espirais ordenados de sépalos, pétalos, estames e carpelos, e posúen os óvulos pechados nos carpelos de xeito que se poida acceder a eles a través do estigma). Aquí, seguindo a denominación de Pio Font Quer no seu Diccionario de Botánica, considérase que unha "flor" é toda rama de crecemento limitado que posúa follas fértiles, polo que todas as espermatófitas (tanto anxiospermas coma ximnospermas) posúen flores.

Ciclo de vida das magnoliófitas e morfoloxía da flor 300px|dereita|miniatura|Ciclo de vida miniatura|dereita|300px|Debuxo esquemático dunha flor de magnoliófita ancestral con todas as súas partes. As flores de magnoliófitas diferéncianse das flores do resto das espermatófitas en que posúen verticilos ou espirais ordenados de sépalos, pétalos, estames e carpelos, os carpelos pechan os óvulos e reciben o pole sobre a súa superficie estigmática en troques de directamente sobre o óvulo como en ximnospermas. Debuxado e traducido ó galego a partir de Judd et al. (2002).</center> 300px|dereita|miniatura|Froito de anxiosperma. 300px|dereita|miniatura|Semente de anxiosperma. As magnoliófitas poden definirse como traqueófitas coas seguintes características:

Como en todas as traqueófitas, hai dúas xeracións multicelulares alternadas, chamadas gametófito e esporófito, sendo o gametófito taloide, e o esporófito organizado en tecidos e órganos. Como en todas as espermatófitas, a alternancia de xeracións gametofítica e esporofítica dáse de xeito enmascarado, xa que o gametófito se desenvolve por completo dentro das estruturas do esporófito. Como en todas as traqueófitas, o esporófito é un "cormo" (con sistema vascular, raíz e talo). Como en todas as eufilófitas, o talo do esporófito medra grazas ó seu meristema apical, e ramifícase coma un talo principal con ramas laterais, e ademais ten follas ("eufilos"). Como todas as espermatófitas, teñen un ciclo de vida heterospórico e o gametófito desenvólvese de xeito endospórico (isto quere dicir que o esporófito dá esporas femininas dentro das que se desenvolve o gametófito feminino, e esporas masculinas dentro das que se desenvolve o gametófito masculino), os esporanxios nacen sempre nas follas ("follas fértiles", os estames e os carpelos), e as follas fértiles sempre fican nunha estrutura chamada flor (aquí definida como unha rama de crecemento limitado portadora de follas fértiles). Como en todas as espermatófitas, o macrosporanxio (presente no carpelo) produce unha única macróspora que nunca o abandona (macrosporanxio + macróspora + gametófito feminino + gameta feminina = óvulo). Como en todas as espermatófitas, o microsporanxio (o saco polínico, presente no estame) produce no seu interior "grans de pole" (micrósporas cun único gametófito masculino dentro) que son ceibadas ó exterior agardando que os axentes externos os transporten a carón do óvulo. Como en todas as espermatófitas, o gran de pole cando é estimulado emite un tubo polínico para fecundar o óvulo. A flor de magnoliófita caracterízase por posuír un pedicelo que nace na axila dunha bráctea, que remata nun receptáculo portador dos verticilos ou espirais de sépalos, pétalos, estames e carpelos (nese orde). Os sépalos e pétalos son follas estériles non presentes no resto das espermatófitas. Polo xeral os sépalos son verdes e fotosintéticos, e teñen unha función de protección da flor cando aínda está en formación, mentres que os pétalos son vistosos e coloridos, e teñen unha función de atracción dos axentes polinizadores, case sempre animais. Xeralmente os estames constan dun filamento e unha antera, e a antera posúe 4 microsporanxios (sacos polínicos) unidos por tecido conectivo. O gametófito masculino fica reducido a tres células (dúas son espermáticas e a terceira forma o tubo polínico). Polo xeral os carpelos son follas pechadas que manteñen os óvulos no seu interior, diferéncianse nunha superficie preparada para recibir o gran de pole chamada estigma, unha gorxa (estilo) preparada para facer medrar o tubo polínico cara ós óvulos, e unha cámara que contén os óvulos chamada ovario. O gametófito feminino ("saco embrionario") en xeral fica reducido a sete células. Os óvulos están unidos á parede do ovario cun tecido ás veces chamado "placenta", e o xeito de unión (ou "tipos de placentación") é útil para a determinación das familias. Non hai que confundir esta placentación coa placenta que une o embrión co gametófito feminino (característica de todas as embriófitas). Nas magnoliófitas prodúcese o fenómeno de dobre fecundación. Isto quere dicir que os dous núcleos espermáticos que ceiban o gran de pole fecundan o óvulo (producindo o cigoto que dará o futuro esporófito adulto) e o outro a unha célula diploide, producindo un tecido 3n (triploide) de reserva chamado endosperma.

Outros caracteres morfolóxicos

Outras características morfolóxicas son: Moitas magnoliófitas posúen vasos xilemáticos en troques de traqueidas, carácter derivado dentro do grupo. Nos vasos, a auga pode fluír sen necesidade de atravesar unha membrana, o que os volve moi eficientes no transporte de fluídos dentro do esporófito mais probablemente tamén máis propensos a recibiren danos (en especial por embolias de ar) cando están suxeitos a estrés hídrico. O floema das magnoliófitas difire do de todas as demais plantas en que os elementos do tubo criboso (que son células vivas mais sen núcleo, encargadas do transporte de azucres) fican acompañadas por unha ou máis células acompañantes, que nacen da mesma célula madre que o elemento.

Sistemática de magnoliófitas

Taxons aceptados

Tradicionalmente as magnoliófitas foron clasificadas en monocotiledóneas e dicotiledóneas (tamén chamadas Liliopsida e Magnoliopsida). Hoxe sábese que as dicotiledóneas non son monofiléticas, e que este sistema de clasificación non reflicte a filoxenia das magnoliófitas.

Últimos avances en filoxenia

Xa en 1999, Qiu e os seus colaboradoresQiu et al. 1999. "The earliest angiosperms: evidence from mitochondrial, plastid and nuclear genomes". Nature 402, 404-407 publicaron na prestixiosa revista Nature que, polos estudos moleculares do ADN, as magnoliófitas máis antigas (basal angiosperms), eran, de máis antiga a menos antiga: Amborellaceae, Nymphaeaceae, e unha orde nova de 3 familias á que chamaron Austrobaileyales, que comprende as familias Schisandraceae, Trimeniaceae e Austrobaileyaceae. Determinaron que unha a unha estas tres pólas se foron desprendendo da rama principal das magnoliófitas; estas 5 familias hoxe coñécense co nome de graos ANITA ("ANITA grade" en inglés).

Hoxe en día está aceptado que Amborellaceae é a familia máis antiga de magnoliófitas, irmá de todo o resto. Este punto foi rexeitado por un traballo posterior no que se analizaba o xenoma completo dos plástidos de varios taxons, mais o traballo foi posteriormente severamente criticado (Soltis e Soltis 2004Douglas E. Soltis e Pamela S. Soltis. 2004. Amborella not a "basal angiosperm"? Not so fast! American Journal of Botany 91 (6): 997-1001. (resumo aquí )).

No 2002 Judd et al. na segunda edición do seu libro Plant Systematics, recoñeceron o desprendemento destas familias antigas da póla máis recente de magnoliófitas, e á póla máis recente chamárona Núcleo das anxiospermas (Core Angiosperms en inglés), nome co que se coñece a póla hoxe en día.