Carlos García Becerra, nado en Caracas o 9 de setembro de 1977, é un exfutbolista venezolano-galego, que xogaba de dianteiro.
Traxectoria Naceu en Caracas, sendo fillo de dous emigrantes galegos: Manuel García, natural do Val do Dubra, e Fina Becerra, de Lendo, A Laracha. Comezou a xogar ao fútbol no Hermandad Gallega, pasando logo polo San Agustín el Marqués, antes de que seus pais decidisen regresar a Galicia.
A familia instalouse na Laracha, onde abriron un bar, e Carlos entrou na canteira do Laracha CF con 15 anos. Coñecido futbolisticamente como Carlos II, marcou 28 goles na súa primeira campaña como xuvenil e 36 na segunda. O seu gran rendemento fixo que na súa segunda tempada no club debutase xa co primeiro equipo, na Rexional Preferente. Na tempada 1994/95, integrado xa plenamente no primeiro equipo, marcou 17 goles en Preferente.
Os seus goles chamaron a atención do Deportivo da Coruña, que o fichou en 1995. Na súa única tempada no equipo xuvenil do club, marcou 17 goles na División de Honra e 3 máis na Copa de Campións, gañando o equipo os dous títulos. Na tempada 1996/97 pasou a xogar no Fabril, na Segunda División B e con Carlos Ballesta como adestrador. Disputou 81 partidos co filial durante as seguintes tres campañas na categoría de bronce, anotando 21 goles.
O 22 de febreiro de 1998, da man do adestrador José Manuel Corral, debutou co primeiro equipo do Deportivo na Primeira División, nun partido contra o Athletic de Bilbao en Riazor. Entrou preto do final do partido, substituíndo a Maikel, e marcou o terceiro e definitivo gol do partido (3-0). Aínda disputou seis partidos máis esa tempada na máxima categoría.
Entre 2000 e 2002 saíu cedido ao Gimnástica de Torrelavega, o Pájara Playas e o Amurrio, con menores números goleadores. En 2003 fichou polo Ourense de Milo Abelleira, co que marcou 9 goles na liga e outro na fase de ascenso a Segunda, na que o club ourensán non conseguiu o obxectivo de subir de categoría.
Na tempada 2004/05 asinou co Burgos CF, tamén de Segunda B. Logrou 17 tantos na liga, sendo o máximo goleador do grupo II, contribuíndo ao segundo posto do equipo na táboa. Tras un breve paso polo Alicante, fichou en 2006 polo Palencia, onde militou durante tres campañas e media. Marcou 27 goles en 86 partidos da Segunda B, xogando unha última tempada en Terceira. A continuación pasou polo Buelna, o Rayo Cantabria e o Tropezón, onde pechou a súa carreira no 2013.
Notas
Véxase tamén Ligazóns externas Datos do xogador en BDFutbol .
Categoría:Nados en 1977 Categoría:Nados en Caracas Categoría:Nados na diáspora galega Categoría:Venezolanos de ascendencia galega Categoría:Futbolistas de Venezuela Categoría:Dianteiros de fútbol Categoría:Xogadores do Laracha CF Categoría:Xogadores do Deportivo Fabril Categoría:Xogadores do Deportivo da Coruña Categoría:Xogadores da Gimnástica de Torrelavega Categoría:Xogadores do UD Pájara Playas de Jandía Categoría:Xogadores do Amurrio Club Categoría:Xogadores do CD Ourense Categoría:Xogadores do Burgos CF Categoría:Xogadores do Alicante CF Categoría:Xogadores do CF Palencia Categoría:Xogadores do SD Buelna Categoría:Xogadores do Racing de Santander B Categoría:Xogadores do CD Tropezón