Xosé Ramón Brea Rei, nado en Taragoña (Rianxo) o 19 de novembro de 1955, é un escritor e investigador galego. Reside na Ermida de Bexo (Dodro).

Traxectoria

Estudou Maxisterio en Santiago de Compostela, rematando en 1976. Licenciouse en Filoloxía Hispánica pola UNED en 1987. Foi docente de EXB entre 1977 e 1991, e nesta data incorporouse coma profesor de secundaria ao IES Miguel Ángel González Estévez do Carril (Vilagarcía de Arousa), onde deu clase de Lingua e Literatura Galega ata a súa xubilación en 2015.

No campo da investigación literaria centrouse nos estudos dos persoeiros do ámbito de Rianxo, como Rafael Dieste, Manuel Antonio, Castelao, Xosé María Brea Segade e Xosé Otero Otero. Realizou a investigación literaria sobre a etapa de Rafael Dieste na Guerra de África e a publicación da revista Charamuscas. Colaborou no estudo crítico e transcrición do facsímile “Rafael Dieste. Charamuscas”. (Consello da Cultura Galega 1995,(ISBN: 84-87172-07-5) xunto con Xosé Luís Axeitos e Rosa Brea), e en “Charamuscas”, a revista de Rafael Dieste na guerra de África. Boletín Galego de Literatura, nº 13, Univ. de Santiago, 1995.

Como conferenciante participou coma relator no congreso sobre a literatura do exilio: “Lorenzo Varela: a voz solidaria do exilio” (Sesenta anos despois. Congreso para o estudio dos escritores do exilio republicano. Facultade de Filoloxía, Compostela, 1999, Actas en Ediciós do Castro, ISBN: 84-7492-931-8) e en “Lorenzo Varela: compromiso e espírito de grupo”, en Congreso sobre Lorenzo Varela, Monterroso, do 28 ao 30-04-2005, Consellería de Cultura e Deporte (Xunta de Galicia).

Autor da biografía e obra do escritor de Taragoña (Rianxo), Xosé María Brea Segade: Un reiseñor canta lonxe”, Xosé María Brea Segade: o home e a obra, Deputación da Coruña, 2004(ISBN: 84-95950-90-1) . Tamén é autor da historia da parroquia de Taragoña, por mor da celebración dos 90 anos da construción da escola dos “americanos”, Rosalía de Castro e o labor societario e literario do emigrante taragoñés, Xosé Otero Otero: Taragoña na historia. 90 aniversario da escola “Rosalía de Castro”, Deputación da Coruña 2021 (no prelo).

A súa obra poética permanece inédita, recolléndose unha parte dela no poemario Dorna azul de ausencias, 1997.

Membro fundador da Tertulia Rianxeira, Asociación Cultural Galicia Viva e da Asociación Cultural Barbantia, en novembro de 2004. Colaborou en La Voz de Galicia, O Correo Galego e El Correo Gallego con artigos sobre as figuras literarias rianxeiras. Participa en publicacións de ámbito local dos concellos de Dodro e Rianxo con estudos históricos e literarios.

Notas

Categoría:Escritores de Galicia en lingua galega Categoría:Nados en Rianxo Categoría:Nados en 1955 Categoría:Profesores de educación secundaria