Fidel Alejandro Castro Ruz (13px| son), nado en Birán o 13 de agosto de 1926Segundo as fontes do seu irmán Ramón, Fidel, nacería un ano máis tarde, en 1927. Avanzouse a súa data de nacemento nun ano para poder inscribilo antes na escola. A data administrativa do nacemento de Fidel Castro, certificada polo Consello de Estado, é a do 13 de outono de 1926. Ver tamén a Martin: The Early Fidel, p. 5 e 235; Boume, p. 41. e finado na Habana o 25 de novembro de 2016, foi un avogado e revolucionario comunista cubano, con orixe galega, que gobernou Cuba como primeiro ministro de 1959 a 1976 e logo como presidente de 1976 a 2008.
Nacionalista e marxista-leninista, exerceu como Primeiro Secretario do Partido Comunista de Cuba dende 1965 a 2011. Baixo o seu mandato, o país transformouse nun país socialista, con gran parte da industria e da economía nacionalizadas.
Fillo dun emigrante galego acomodado, Castro adoptou as ideas antiimperialistas mentres estudaba Dereito na Universidade da Habana. Despois de participar en rebelións contra a ditadura de Rafael Trujillo na República Dominicana e o goberno dereitista colombiano, planeou o derrocamento do ditador cubano Fulgencio Batista lanzando un ataque contra o cuartel Moncada en 1953. O intento fracasou e tras pasar un ano no cárcere, viaxou a México onde formou un grupo revolucionario, o Movemento do 26 de xullo, xunto co seu irmán Raúl Castro e o Che Guevara. De volta en Cuba, Fidel liderou o Movemento nunha guerra de guerrillas contra as forzas de Batista en Sierra Maestra. Despois do derrocamento de Batista, asumiu o poder político e militar como primeiro ministro de Cuba. Os Estados Unidos opuxéronse ao goberno de Castro e tentaron derrocalo mediante centos de intentos de asasinato, bloqueo económico e contrarrevolución, incluído o intento de invasión da illa en Baía de Cochinos. Para contrarrestar estas ameazas, aliñouse coa Unión Soviética, permitíndolle a esta instalar armas nucleares en Cuba en 1962, provocando a Crise dos mísiles, punto álxido da guerra fría.
Adoptando un modelo de desenvolvemento marxista-leninista, Fidel converteu Cuba nun Estado socialista de partido único baixo o liderado do Partido Comunista, o único no hemisferio occidental. Introducíronse políticas de economía planificada e expandíronse a sanidade e a educación. No plano internacional, Castro apoiou a diversos grupos revolucionarios antiimperialistas, deu apoio aos gobernos de esquerdas de Chile, Nicaragua e Granada e enviou tropas aos seus aliados nas guerras de Yom Kippur, Ogadén e a guerra civil angolana. Estas accións, xunto ao liderado de Castro no Movemento de Países Non Aliñados, aumentaron a notoriedade internacional da illa.
Tras a disolución da URSS en 1991, o goberno cubano afrontou unha recesión económica no chamado "Período Especial" e abrazou ideas antiglobalización e a favor do medio ambiente. Na década de 2000, Castro forxou unha alianza coa chamada "marea rosa" latinoamericana (principalmente coa Venezuela de Hugo Chávez) e asinou o ingreso de Cuba na Alianza Bolivariana para as Américas. En 2006, Fidel transferiu os seus poderes ao vicepresidente Raúl Castro, que logo foi elixido presidente do Consello de Estado pola Asemblea Nacional en 2008.
O mandato de Fidel Castro foi o máis longo dun xefe de Estado non monárquico dos séculos XX e XXI e polarizou a opinión mundial. Os seus partidarios veno como un paladín do socialismo e a causa antiimperialista, cuxo goberno revolucionario levou unha avanzada xustiza social e económica ao país, mentres asegurou a independencia de Cuba do imperialismo estadounidense. Pola outra banda, os seus críticos defíneno como un ditador que perpetrou abusos dos dereitos humanos, o éxodo de milleiros de cubanos e o empobrecemento da economía cubana. Fidel Castro foi condecorado cunha gran cantidade de recoñecementos internacionais e influíu de xeito significativo en persoas e grupos de todo o mundo.
Traxectoria Cuba antes do nacemento de Fidel Castro O 20 de maio de 1902, declarouse a Cuba como unha república independente. Era a última das colonias españolas sobre o continente americano que chegaba a emanciparse. Así e todo había unha parte de farsa e ficción; tal e como Leonard Wood, último gobernador xeral de Cuba, escribía ao Presidente Theodore Roosevelt:
«A emenda Platt, por suposto, permite pouca ou ningunha independencia a Cuba».
Un ano máis tarde, o senador Chauncey Depew declaraba:
«Non está lonxe o día en que Cuba, similar a Estados Unidos pola súa Constitución, as súas leis e as súas liberdades... posuirá cinco ou seis millóns de habitantes educados como nós e dignos de posuír todos os dereitos da cidadanía americana. Entón, se Cuba toma a iniciativa, poderemos acoller unha nova estrela sobre a nosa bandeira».
Non se tomou nunca esta iniciativa; ao contrario, incesantes alborotos políticos internos conduciron a un segundo emprego da forza militar americana, de 1906 a 1909; logo a un desembarque da infantaría de Mariña americana (os marines) para a protección dos intereses e cidadáns americanos na provincia de Oriente, en 1910, e un novo desembarque da mesma clase en 1917, destinado a convencer a Cuba de entrar na primeira guerra mundial, dada a posición estratéxica da illa no cruzamento de numerosas rutas marítimas.
Para protexer os intereses americanos contra a axitación social e a sabotaxe na provincia de Oriente, os marines permaneceron en Cuba ata 1923. Fidel Castro nacería tan só tres anos máis tarde.
Infancia e mocidade Os pais de Fidel Castro foron o emigrante galego Ángel Castro Argiz, natural de Láncara, e a cubana de orixe canaria Lina Ruz González, nada en Pinar del Río. Ángel Castro nacera nunha familia campesiña e participara na guerra de Cuba substituíndo a un mozo da Coruña de máis recursos económicos. Ao rematar a guerra volveu a Galicia, mais en 1905 retornou a Cuba, onde acabou por ser o rico propietario dun latifundio, Manacas, dedicado á cana de azucre. Casou con María Luisa Argota Reyes, coa que tivo varios fillos, e anos máis tarde divorciouse e casou coa súa empregada Lina Ruz, coa que tivo 7 fillos. Os tres primeiros fillos con Lina (Ángela, Ramón e Fidel) naceron antes de divorciarse da primeira esposa.
De calquera maneira, Ángel e Lina casaron pola igrexa, pero ben despois do nacemento de Fidel, durante unha cerimonia amañada polo cura, tamén galego, Enrique Pérez Serantes, amigo da familia Castro. miniatura|280px|Carta escrita en inglés por Fidel Castro á idade de 14 anos ao presidente estadounidense Roosevelt mentres estudaba no Colexio de Dolores, en Santiago de Cuba Aos catro anos comezou a ir á escola pública de Birán ata os seis anos, cando foi enviado xunto súa irmá Ángela a estudar ao colexio lasaliano de Santiago de Cuba, ao coidado da que fora a súa mestra en Birán. A pesar da situación económica da súa familia en 1932, Castro sufriu a fame, xa que a institutriz que o coidou empregaba a súa asignación económica para manter a toda a súa familia, nun período de especial dureza económica no país. esquerda|miniatura|280x280px|Fidel Castro no Colexio de Belén, na Habana, en 1943. Aos 8 anos, o 19 de xaneiro de 1935 foi bautizado Fidel co nome de Fidel Hipólito na parroquia da Santa Igrexa, catedral da vila e arcebispado de Santiago de Cuba. Foron os padriños da cerimonia, Louis Hippolyte Hibbert, cónsul de Haití, e Emerenciana Feliu, a súa esposa. O pai, Ángel Castro, non aparece na partida de nacemento. Nesta data o neno Fidel só tiña un apelido, Ruz. Logo máis tarde sería oficialmente recoñecido polo pai o 11 de decembro de 1943 cos apelidos Castro Ruz á idade de 17 anos.
En setembro de 1939 ingresou como interno do colexio xesuíta de Dolores en Santiago de Cuba, onde Fidel asistiu ata 1941. En 1942 ingresou ao colexio de Belén da Habana onde foi seleccionado mellor deportista do curso 1943-1944. Finalizou o bacharelato en 1945, xunto ao seu futuro cuñado Rafael Díaz-Balart, amigo seu naquel momento e inimigo máis tarde.
Universidade Ingresou na Universidade da Habana o 4 de setembro de 1945. Nos primeiros anos, a súa vida académica caracterizouse pola súa ausencia case total das aulas. A partir do terceiro ano, Castro dedicouse con especial intensidade ao seu traballo académico, matriculándose por libre ata en tres carreiras (Dereito, Dereito diplomático e Ciencias Sociais) coa intención de obter unha bolsa para estudar en Europa ou Estados Unidos.
Foi no período universitario cando tivo acceso a algunhas obras literarias que, segundo el, lle permitiron alcanzar unha certa madurez política. Os seus primeiros pasos na política foron no ámbito estritamente universitario. Foi elixido delegado e recibiu ameazas de morte ante un candidato da Federación Estudantil Universitaria (FEU) apoiado polo goberno de Ramón Grau San Martín.
En 1947, con vinte e un anos, como presidente do Comité Dominicano pro Democracia, promoveu accións para esixir a destitución do ditador dominicano Rafael Trujillo e formou parte da invasión de Cayo Confites, co obxectivo de derrocalo. Cando foron interceptados na baía de Nipe ao intentar chegar a terra dominicana, lanzouse á auga e nadou ata Cayo Saetía. De volta á Habana, Castro tivo un papel principal nas protestas dos estudantes contra o asasinato dun alumno de instituto por gardas do goberno. As protestas, acompañadas dunha represión contra os considerados comunistas, provocaron enfrontamentos violentos entre activistas e policías en febreiro de 1948, nos que Castro recibiu unha dura malleira. Neste punto, os seus discursos públicos tomaron unha inclinación claramente de esquerda ao condenar a desigualdade social e económica en Cuba. En contraste, as súas antigas críticas públicas centrábanse na condena á corrupción e ao imperialismo dos Estados Unidos. Tras visitar os barrios máis pobres da Habana, participou tamén en campañas estudantís antirracistas.
En 1948, co patrocinio de Juan Domingo Perón, foi enviado a Colombia como delegado da Federación de Estudantes Universitarios á IX Conferencia Interamericana. Estaba citado para atoparse co candidato a presidente Jorge Eliécer Gaitán a mesma tarde en que este foi asasinado, no preludio do "Bogotazo". Ao seu regreso a Cuba, contraeu matrimonio o 12 de outubro de 1948 con Mirta Díaz-Balart, unha estudante de filosofía dunha acomodada familia de Banes, a uns 50 quilómetros de Birán. En setembro de 1949, Mirta deu a luz ao seu primeiro fillo, Fidelito. En 1950 obtivo a súa graduación en Dereito.
Carreira como avogado e inicios na política Castro co-fundou un bufete de avogados que atendía principalmente a cubanos pobres, o cal se demostrou como un fracaso financeiro. Coidaba pouco o aspecto económico e material e non era capaz de pagar as súas facturas. Os seus mobles foron embargados e cortáronlle a electricidade. Participou nunha protesta dun instituto en Cienfuegos en novembro de 1950 pola prohibición por parte do ministerio de educación das asociacións de estudantes, enfrontándose coa policía. Foi arrestado e acusado de conduta violenta, pero o maxistrado rexeitou os cargos.
En 1951, suicidouse Eduardo Chibás, líder do Partido Ortodoxo, co que Fidel simpatizaba dende os seus anos universitarios. En xuño de 1952 presentouse por este partido como independente, para unha circunscrición da Habana, como candidato á Cámara de Representantes do Congreso cubano, pero o golpe de estado do xeneral Fulgencio Batista derrocou o goberno de Carlos Prío Socarrás e anulou as eleccións. O golpe, recoñecido polo goberno dos Estados Unidos, provocou a inquietude de Castro, que empregou os seus contactos coa Mocidade do Partido Ortodoxo para reunir a un grupo de mozos que protagonizarían no futuro o asalto ao cuartel Moncada.
Enfrontamento con Batista En marzo de 1952, Fidel Castro xa denunciara a Batista ante un Tribunal de Urxencia por violar a Constitución. Expoñía que os delitos cometidos eran competencia daquel tribunal e sobre a posible actuación deste argumentou: