O Fußball-Club Bayern München e. V., comunmente en galego Bayern de Múnic, é un club deportivo bávaro con sede na cidade de Múnic (Alemaña). É principalmente coñecido pola súa sección de fútbol profesional, a cal fai que o Bayern sexa o club de fútbol con máis éxito de Alemaña e un dos máis importantes de Europa. Xoga dende 1965 na 1. Bundesliga, máxima categoría do fútbol alemán.

O club foi fundado o 27 de febreiro de 1900 por once xogadores de fútbol dirixidos por Franz John. Aínda que o Bayern gañou o seu primeiro campionato nacional en 1932, o club non foi seleccionado para a primeira edición da Bundesliga en 1963, e non foi até 1965, a terceira edición, cando apareceu, rematando finalmente en terceiro lugar. O club tivo a súa época de maior éxito a mediados da década de 1970, cando baixo a dirección de Franz Beckenbauer, gañaron a Copa de Europa tres veces consecutivas (1974-76). A comezos da década de 2010, o Bayern chegou tres veces en catro anos á final da Liga de Campións da UEFA, conseguindo o título na edición de 2013 ante o Borussia Dortmund, o que supuxo o seu quinto trofeo continental. Na tempada 2019/20 o club gañou a súa sexta Liga de Campións, a súa trixésima Bundesliga (a oitava consecutiva) e a súa vixésima Copa de Alemaña.

Dende o comezo da tempada 2005-06 o Bayern xoga os seus partidos como local no Allianz Arena, con capacidade para 69.901 espectadores. Anteriormente, o equipo xogou durante trinta e tres anos no Estadio Olímpico de Múnic. As cores do equipo son o vermello e o branco, e o seu escudo mostra as cores de Baviera. O Bayern é un club de socios con 162.187 membros. Tamén hai rexistrados 2.764 clubs oficiais de seguidores cun total de 192.160 membros. O club ten outros departamentos, como xadrez, balonmán, baloncesto, ximnasia, birlos, tenis de mesa, arbitraxe e fútbol veterano, con máis de 1.100 membros activos.

Historia Primeiros anos miniatura|esquerda|220px|Franz Beckenbauer. No ano 1900 o club de ximnasia de Múnic (MTV 1879) celebrou unha a asemblea de membros para crear un equipo de fútbol, na que se decidiu que os futbolistas do club non se asociarían á Federación Alemá de Fútbol (en alemán: Deutscher Fußball-Bund, DFB), polo que once membros interesados na división deixaron a xuntanza, e ese mesmo anoitecer do 27 de febreiro de 1900 foi fundado o Fußball Club Bayern München. Algúns meses despois da fundación o Bayern comezou a lograr vitorias contra tódolos seus rivais locais, acadando as semifinais do Campionato do Sur de Alemaña na tempada 1900-01. En 1906 fusionouse co Münchner Sport Club. Nos anos seguintes o club gañou algúns trofeos locais e en 1910-11 o Bayern uniuse á recentemente fundada Kreisliga, a primeira liga de Baviera. Na primeira edición da liga conseguiron o título, aínda que non volveron repetir até o comezo da primeira guerra mundial en 1914, a cal detivo tódalas competicións de fútbol alemás.

Nos anos da posguerra, o Bayern gañou varias competicións rexionais antes de gañar o seu primeiro Campionato do Sur de Alemaña en 1926, éxito que se repetiu dous anos máis tarde. O seu primeiro título nacional non o conseguiu até 1932, cando o adestrador Richard Kohn dirixiu o equipo cara ao campionato alemán derrotando por 2 a 0 ao Eintracht Frankfurt na final.

A chegada do nazismo puxo un fin repentino ao auxe do Bayern. Tanto o presidente como o adestrador eran xudeus, polo que tiveron que abandonar o país, así como outros moitos membros do club. O Bayern mesmo foi chamado como "club de xudeus" e, como club semiprofesional que era, o Bayern viuse afectado polo goberno, polo que os xogadores tiveron que volver ser de novo afeccionados. Así, o club non puido manterse no seu papel de competidor polo título nacional, polo que pasou ser un equipo que loitaba por chegar aos postos da metade da táboa nas ligas rexionais.

Despois da guerra o Bayern fíxose membro da Oberliga Süd, a división sur da primeira división da Alemaña Federal, a cal estaba dividida en cinco divisións naquel entón. O Bayern loitou, contratando e despedindo a trece técnicos entre 1945 e 1963. En 1955 descenderon, pero retornaron á Oberliga ao ano seguinte, gañando na seguinte tempada, e gañaron a súa primeira Copa de Alemaña tras derrotar ao Fortuna Düsseldorf por 1 a 0 na final. O club forcexaba economicamente, estando ao bordo da bancarrota a finais dos anos 1950. Finalmente, Roland Endler proveu ao club cos fondos necesarios, sendo recompensado con catro anos á cabeza do club. En 1963 as Oberliga alemás foron fusionadas nunha soa liga nacional, a actual Bundesliga, para a cal foron seleccionados cinco equipos da Oberliga Süd. O Bayern terminara ese ano en terceiro lugar, pero outro equipo de Múnic, o 1860 München, gañara o campionato e como a Federación Alemá de Fútbol prefería non incluír dous equipos dunha mesma cidade, o Bayern non foi seleccionado para a Bundesliga. O equipo ascendeu dous anos máis tarde xogando cun equipo de novos talentos como Franz Beckenbauer, Gerd Müller, e Sepp Maier, que máis tarde serían colectivamente coñecidos como "o eixo".

Época dourada miniatura|220px|Gerd Müller. Na súa primeira tempada da Bundesliga o Bayern terminou en terceiro lugar e conquistou a copa alemá. Isto clasificou aos bávaros para xogar a seguinte edición da Recopa de Europa, onde gañou nunha sensacional final contra os escoceses do Glasgow Rangers, cun gol de Franz Roth na prórroga para terminar 1 a 0. En 1967 o Bayern gañou de novo a copa, pero algo cambiou no club cando un adestrador novo, Branko Zebec, asumiu o control. Substituíu o estilo ofensivo do Bayern por un estilo máis disciplinado e, ao facer iso, logrou o primeiro dobrete na súa historia na Bundesliga usando só a trece xogadores ao longo da tempada.

Tres anos despois, en 1970, Udo Lattek asumiu o mando. Despois de gañar a copa na súa primeira tempada, conduciu ao Bayern cara ao seu terceiro campionato alemán. O partido decisivo na tempada 1971-72, contra o Schalke 04, foi o primeiro partido que disputou o Bayern no novo Estadio Olímpico, ademais do primeiro partido televisado en directo da historia da Bundesliga. O Bayern gañou ao Schalke 5 a 1 reclamando así o título e fixando tamén varios récords, incluíndo o de maior número de puntos nunha tempada e maior números de goles. O Bayern tamén gañou os seguintes dous campionatos, e triunfou na final da Copa de Europa contra o Atlético de Madrid, gañando o Bayern por 4 a 0 nun encontro de desempate tras empatar a uns no primeiro encontro.

Durante os seguintes anos o equipo fracasou no campionato nacional, pero defendeu o seu título europeo nas dúas seguintes tempadas. En 1975 derrotou ao Leeds United na final con goles de Roth e Müller e, un ano máis tarde en 1976, derrotaban en Glasgow ao Saint-Étienne con outro gol de Roth, converténdose o Bayern no terceiro club en gañar o trofeo europeo en tres anos consecutivos (despois do Real Madrid e o Ajax). O último trofeo desta era do Bayern foi a Copa Intercontinental, na cal derrotou ao equipo brasileiro do Cruzeiro en dous partidos: gañou 2 a 0 na casa e empatou sen goles en Belo Horizonte. O resto da década foi tempo de cambios e os muniqueses non gañaron títulos. En 1977 o "Kaiser" Beckenbauer marchou ao New York Cosmos, en 1979 Sepp Maier e Uli Hoeneß retiráronse e ao pouco Gerd Müller uniuse ao Fort Lauderdale Strikers. Bayerndusel (literalmente do alemán: "Bayern-sorte") foi un termo acuñado durante este período como expresión, xa sexa de desprezo ou de envexa, sobre as vitorias ás veces angostas e nos últimos intres do club.

De FC Breitnigge a FC Hollywood esquerda|miniatura|250px|O Bayern contra o Hamburgo en 1981. Os anos 1980 foron un período de confusión para o Bayern, con moitos cambios de persoal e a chegada de problemas financeiros. No campo, Paul Breitner e Karl-Heinz Rummenigge, chamados FC Breitnigge, conduciron ao equipo cara aos títulos da Bundesliga en 1980 e 1981. Coa excepción dun triunfo na Copa de Alemaña de 1982, nas dúas seguintes tempadas non houbo ningún éxito, polo que Breitner xubilouse e regresou o anterior técnico Udo Lattek. Co cambio o Bayern conquistou de novo a copa en 1984, para logo gañar cinco campionatos de Liga en seis tempadas, incluíndo un dobrete en 1986. Con todo, o club non acadou ningún éxito europeo, sendo o seu mellor rexistro os dous subcampionatos na Copa de Europa en 1982 (perdendo co Aston Villa) e 1987 (perdendo co Porto).

En 1987 Jupp Heynckes foi asinado como adestrador, pero despois de dous campionatos consecutivos en 1989 e 1990 o Bayern afundiuse. Despois dun segundo lugar en 1991 o club acabou tan só con cinco puntos máis que os clubs que perderon a categoría en 1992. En 1993, o Bayern perdeu na segunda rolda da Copa da UEFA contra o Norwich City da Premier League, que segue a ser o único club inglés que conseguiu vencer aos de Múnic no antigo Estadio Olímpico. O éxito regresou ao equipo cando Franz Beckenbauer asumiu o control do club en 1994, na metade da tempada, gañando o campionato despois dunha brecha de catro anos. Beckenbauer foi entón nomeado a presidente do club.

Os seus sucesores como adestrador, Giovanni Trapattoni e Otto Rehhagel, terminaron sen ningún trofeo ao final da tempada, non facendo realidade as altas expectativas do club. Durante este tempo os xogadores do Bayern comezaron aparecer nas páxinas dos medios da prensa do corazón no canto das páxinas deportivas, polo que o club foi alcumado como FC Hollywood. Beckenbauer regresou como adestrador interino cara ao final da tempada de 1995-96 e conduciu ao equipo cara a vitoria na Copa da UEFA de 1996, gañando na final ao Girondins de Bordeos. Na tempada 1996-97 Giovanni Trapattoni regresou para conquistar o campionato. Pero na seguinte tempada o Bayern perdeu o título contra o recentemente ascendido Kaiserlautern, polo cal Trapattoni tivo que despedirse por segunda vez do club.

Volta á elite internacional miniatura|180px|esquerda|Oliver Khan Dende 1998 até 2004 o Bayern foi dirixido por Ottmar Hitzfeld. Na primeira tempada de Hitzfeld, o Bayern conquistou a Bundesliga e estivo a piques de conquistar a Liga de Campións, mais perderon 1 a 2 no tempo engadido contra o Manchester United. Os bávaros adiantáranse no marcador no minuto 6 do encontro, pero dous goles no tempo de desconto, nos minutos 91 e 93, déronlle o título aos ingleses. Na tempada 1999-00 o Bayern gañou o seu terceiro dobrete. O terceiro título consecutivo da Bundesliga conseguiuno en 2001, tras gañar na última xornada de liga. Días máis tarde o Bayern conquistou a súa cuarta Liga de Campións, despois dunha brecha de 25 anos, derrotando ao Valencia nos penaltis. A tempada de 2001-02 comezou co título da Copa Intercontinental, aínda que acabou sen ningún outro trofeo. Unha tempada máis tarde o Bayern conquistou o seu cuarto dobrete, gañando cunha marxe récord sobre o segundo clasificado, ao sacarlle trala última xornada 16 puntos ao segundo, o VfB Stuttgart.

O reinado de Hitzfeld acabou en 2004 e o Bayern baixou moito o seu nivel, incluíndo a súa eliminación na copa por un equipo da segunda división, o Alemannia Aachen. Felix Magath asumiu o control e conduciu ao Bayern cara a dous dobretes consecutivos. Antes do principio da tempada 2005-06, o Bayern trasladouse dende o Estadio Olímpico cara ao novo Allianz Arena, o cal comparte co club 1860 München. A nivel deportivo a súa actuación en 2006-07 comezou de forma errática e perderon de novo na copa fronte ao Alemannia Aachen. O adestrador Magath foi destituído pouco despois da pausa de inverno.

miniatura|185px|Franck Ribéry