Vitali Lázarevich Ginzburg, nado en Moscova, Rusia o 4 de outubro de 1916, finado en Moscova o 8 de novembro de 2009, foi un físico teórico e astrofísico ruso. Obtivo o Premio Nobel de Física no 2003 polas súas contribucións á teoría dos supercondutores e dos superfluídos. Foi un declarado activista ateo.

Traxectoria En 1938 graduouse na Facultade de Ciencias Físicas da Universidade Estatal de Moscova. Defendeu a súa candidatura ao grao de doutor (PhD) en 1940 e a súa tese doutoral en 1942. Dende 1940 pertenceu ao Instituto Lébedev de Física de Moscova da Academia Rusa de Ciencias, sendo entre os anos 1971 e 1988 sucesor de Ígor E. Tamm á fronte do Departamento Teórico. Dende 1945 foi profesor a tempo parcial da Universidade Estatal de Gorkii, e dende 1968 do Instituto de Física e Tecnoloxía de Moscova. Foi elixido membro estranxeiro de nove Academias de Ciencias (ou institucións equivalentes) como a Real Sociedade de Londres (1987), a Academia Nacional Americana de Ciencias (1981) e a Academia Americana de Artes e Ciencias (1971).

É autor de varios centos de artigos científicos e máis dunha ducia de libros. Os seus eidos de traballo inclúen a materia condensada, a física de plasmas e a astrofísica. En materia condensada destacan as súas contribucións á teoría da supercondutividade (teoría de Ginzburg-Landáu), transicións de fase, e ferroelectricidade. Na física de plasmas, á teoría de propagación de ondas, emisión sincrotrón, e radiación de transición; e en astrofísica, unha teoría sobre a orixe dos raios cósmicos, e a teoría de emisión de radio dos púlsares. Nos anos cincuenta viuse involucrado no proxecto soviético da bomba de hidróxeno.

Galardóns Premio Stalin en 1953 Premio Lenin en 1966 Medalla de ouro da Real Sociedade Astronómica en 1991 Premio Wolf en física en 1994/5 Medalla de Ouro Lomonósov en 1995 Premio Nobel de Física no 2003, canda Alekséi Alekséyevich Abrikósov e Anthony James Leggett.

Notas

Véxase tamén

Ligazóns externas Laureados co Premio Nobel de Física 2003 Autobiografía en Nobelprize.org Páxina de Ginzburg Biografía Obituarios Obituario en El País, 10 de novembro de 2009 Obituario en El Mundo, 10 de novembro de 2009

Categoría:Premio Nobel de Física Categoría:Físicos da Unión Soviética Categoría:Nados en Moscova Categoría:Nados en 1916 Categoría:Finados en 2009 Categoría:Premios Nobel de Rusia Categoría:Inventores de Rusia Categoría:Premio Lenin Categoría:Astrofísicos