Casa de area e néboa (en ) é unha película do 2003 baseada na novela homónima escrita por Andre Dubus III. É a ópera prima como director de Vadim Perelman. Estreouse en galego na TVG o 7 de maio de 2008.

Sinopse

Unha muller desempregada, Kathy (Jennifer Connelly), vive nunha casa herdada dos seus pais, nela creceu e viviu até ficar soa, despois do seu divorcio. Por non pagar os impostos, o condado embárgalle a casa e póxaa. A propiedade é adxudicada a unha familia de inmigrantes iranianos por unha contía moi por debaixo do seu valor. A súa antiga propietaria négase a deixar a súa casa e acaba provocando conflitos cos novos propietarios, isto coa axuda dun policía que coñecera durante o desaloxo, Lester Burdon (Ron Eldard), que se acaba namorando dela e deixando o seu matrimonio

O matrimonio iraniano composto polo coronel Massoud Amir Behrani, a súa dona Nadi e o fillo Esmail, múdanse a esa casa por problemas económicos e teñen pensado revendela por un prezo máis alto do que lle custou.

O condado recoñece un erro no procedemento, mais para desfacer a venda o actual dono quere que se lle pague o seu verdadeiro valor comercial e o condado non o acepta. O policía intenta amedrentar ao coronel Massoud Amir Behrani para que se retracte da venda e lle devolva a vivenda á antiga dona, mais este non se deixará asoballar e acaba denunciando ao policía ante os seus superiores.

Un día no que Kathy se encontra mal, bébeda e soa, diríxese á entrada da súa antiga e inténtase pegar un tiro. A familia iraniana óllaa e auxíliaa da súa crise. Pouco despois, cando estaba tomando un baño que lle recomendara a señora Nadi, Kathy reintentará o suicidio tomándose un frasco de pastillas, mais dana salvado facéndolle golsar o que consumira. Pouco despois aparece o axente Burdon e encontrándose coa Kathy moribunda, pensando que foron os iranianos quen lle fixeron mal e péchaos a punta de pistola no seu cuarto de baño. Ao día seguinte pactan unha arranxo para este problema pero todo acabará retorto.

Diríxense á "Casa do Condado" o policía Burdon, o pai e o fillo para arranxar os papeis que farán desfacela venda. Na rúa o fillo arrebátalle a arma ao Burdon e outros axentes que estaban arredor dispáranlle e matan o rapaz pensando que era un delincuente. Logo, Massoud Amir Behrani, o vello, envelenará a súa muller e el asfixiarase envolvendo unha bolsa de plástico á cabeza. Burdon acaba no cárcere e a sorte de Kathy é descoñecida, sendo un final aberto para ela, aínda que nunha escena final pregúntanlle se aquela era a súa casa e ela responde que non, en contraste do que dixo durante todo o filme.

Elenco de actores Jennifer Connelly como Kathy Nicolo Ben Kingsley como Massoud Behrani Shohreh Aghdashloo como Nadereh "Nadi" Behrani Ron Eldard como Lester Burdon Frances Fisher como Connie Walsh Jonathan Ahdout como Esmail Behrani Kim Dickens como Carol Burdon Spencer Garrett como Poxador Ray Abruzzo como Frank Andranik Madadian como Cantante

Premios Globo de Ouro Mellor actor en filme dramático – Ben Kingsley (candidato)

Independent Spirit Awards Mellor actor principal – Ben Kingsley (candidato) Mellor actriz secundaria – Shohreh Aghdashloo (gañadora) Mellor filme de novel – Vadim Perelman (candidato)

Oscar Mellor actor principal – Ben Kingsley (candidato) Mellor actriz secundaria – Shohreh Aghdashloo (candidata) Mellor banda sonora orixinal – James Horner (candidato)

Premio do Sindicato de Actores Mellor actor principal – Ben Kingsley (candidato)

Notas

Categoría:Filmes dos Estados Unidos de América Categoría:Filmes de 2003 Categoría:Filmes en lingua inglesa Categoría:Filmes en lingua persa Categoría:Filmes con bandas sonoras de James Horner Categoría:Filmes de Buena Vista International Categoría:Filmes de DreamWorks Categoría:Filmes rodados en California Categoría:Filmes rodados en San Francisco Categoría:Filmes de 2003 con versión en galego