Pavement é unha banda estadounidense de indie rock dos 90. A pesar de só experimentar un moderado éxito comercial, acadou un significante grao de culto e foi unha das máis populares e influentes bandas lo-fi dos 90. O grupo permaneceu en selos independentes durante toda a súa carreira ata a súa disolución en 1999. No ano 2010 a banda volvería a reunirse e comezaría unha nova xira despois de 10 anos sen tocar.
Aínda que só rozou o mainstream co seu sinxelo "Cut Your Hair" en 1994, Pavement foi unha exitosa banda de indie rock. En vez de asinar cunha gran discográfica como fixeran moitos dos seus antecesores nos anos 80, permaneceu con selos independentes durante toda a súa carreira acotío foi descrita como unha das bandas máis influentes que emerxeu do underground estadounidense dos anos 90. Algúns importantes críticos musicais como Robert Christgau e Stephen Thomas Erlewine chegaron a dicir que se trataba do mellor grupo da década de 1990.
Historia
Slanted and Enchanted Pavement formouse en Stockton, California no ano 1989 como un proxecto de estudio dos vocalistas e guitarristas Stephen Malkmus e Scott Kannberg, coñecido orixinalmente só como "S.M." e "Spiral Stairs". Os seus EPs de estrea eran gravacións extremadamente lo-fi e tituláronse Slay Tracks: 1933-1969, Demolition Plot J-7, e Perfect Sound Forever. Foron gravados en Louder Than You Think, o estudio caseiro do habitante de Stockton e antigo hippy Gary Young, que tamén tocou a batería nas gravacións. Tras a primeira escoita das cancións do dúo, Young dixo, "este idiota de Malkmus é un completo xenio da composición".
Durante esa época a banda adoitaba a ser comparada ao grupo inglés The Fall, aínda que Kannberg dixo nunha entrevista en 1992 que prefería á banda de Minneapolis The Replacements. Mark E. Smith, de The Fall, afirmou que Pavement era un "roubo" da súa bandaPerry, Andrew. "Alright?". Select. Maio de 1993 e que "non tiñan ningunha idea orixinal nas súas cabezas",Herrington, Tony. "Mark E. Smith: Interview". The Wire. Setembro de 1996 aínda que outros membros de The Fall foron máis positivos sobre Pavement.Atwal, Sandy. "Fall in a Hole". Imprint. 30 de setembro de 1994
Tras o lanzamento de Slay Tracks a banda recrutou a un novo batería, Jason Turner, para substituír a Young tanto nos directos como no estudio.Jovanovic (2004), p.78-82 Porén, despois de só unha xira e un feixe de sesións de gravación, e cando xa se facía evidente que o percusionista e Malkmus non se levaban ben, Turner foi expulsado e Young regresou. Malkmus posteriormente describiu a Turner como "ese rapaz deprimido que podería asasinarme algún día... É moi competitivo".Tape Op: The Book About Creative Music Recording, editado por Larry Crane. Entrevistas con Stephen Malkmus e Gary Young, pp. 68-78 Na mesma época, Bob Nastanovich incorporouse á banda en directo de Pavement como percusionista auxiliar. Malkmus fora compañeiro de habitación de Nastanovich en Nova York, e dixéralle, "Poderías ser o noso bateríaa se tocásemos algunha vez".
Ao redor de 1992 Pavement converteuse nunha banda a tempo completo coa entrada do baixista Mark Ibold, que fora un dos seus primeiros fans, completando a formación Malkmus, Kannberg, Young e Nastanovich. O seu álbum de estrea, Slanted and Enchanted, foi publicado comercialmente en 1992 despois de que copias do mesmo circulasen en cinta durante case un ano. A pesar de que a influencia percusiva de The Fall aínda era xeneralizada, ao igual que a da banda inglesa de post-punk Swell Maps, moitas das cancións tamén amosaban un forte sentido da melodía. Dende o seu lanzamento Slanted and Enchanted apareceu en moitas listas de "mellores álbums" e adoita a ser citado como un dos traballos de indie rock máis influentes dos anos 90. O disco está no número 135 na lista da Rolling Stone dos 500 mellores álbums de todos os tempos.
Posteriormente nese mesmo ano a banda publicou o EP Watery, Domestic.
Crooked Rain, Crooked Rain Durante a xira do Slanted & Enchanted o comportamento excéntrico de Gary Young aumentou, e protagonizou incidentes como o de entregar repolos e puré de patacas a fans nas portas dun local, facer o pino, caer bébedo do tallo da batería, e correr ao redor do local mentres o resto da banda estaba tocando. A banda só entendeu a gravidade dos problemas de bebida de Young despois das primeiras poucas xiras de Pavement. Máis tarde Malkmus díxolle a Tape Op, "Sabíamos que era como un hippy e un pouco extravagante, pero non sabíamos que tiña un problema tan grave coa bebida. Descubrímolo nesta xira, porque realmente enfermou por estar nervioso... Por iso deixei que Bob estivese na banda... 'Mantén o ritmo se Gary se desmaia'". En 1993 Malkmus intentou gravar algunhas cancións nova no estudio de Young con resultados infrutuosos. Despois o cantante dixo, "Non queríamos gravar máis con el, pero éramos demasiado bos para despedir xente ou incluso para falar diso... Intentamos gravar alí, pero non estaba soando ben, nin sequera tiña o estudio preparado e tamén estaba bebendo".
Ao final dunha xira por Australia, Xapón e Europa en 1993, o grupo tivo unha xuntanza nunha habitación dun hotel de Copenhague durante a cal Malkmus, Kannberg e Ibold permaneceron en silencio mentres Nastanovich (o mellor amigo de Young nese momento) discutía co batería e informábao de que as súas trasnadas eran innecesarias. Young finalmente accedeu a deixar a banda. Foi substituído por Steve West, que fora compañeiro de Malkmus e David Berman traballando de gardas de seguridade no Museo Whitney de Arte Americana.Libreto de Crooked Rain, Crooked Rain O primeiro concerto de West foi en 1993 nun festival de Drag City en Chicago. Tamén ese mesmo ano, a banda contribuíu ao álbum pola loita contra o SIDA No Alternative, producido pola Red Hot Organization, coa súa cancións "Unseen Power of the Picket Fence".
O segundo álbum de Pavement, Crooked Rain, Crooked Rain, foi publicado en 1994. O disco estaba máis en débeda coa tradición do rock clásico que a súa estrea. O sinxelo "Cut Your Hair" foi o roce máis próximo da banda co mainstream, e gozou brevemente de difusión nas radios de rock alternativo e na MTV. Pavement interpretou o tema no programa The Tonight Show with Jay Leno. O seu vídeo tamén apareceu en "Career Day", un episodio da quinta tempada de Beavis and Butt-head.
A letra doutro sinxelo, "Range Life", criticaban ás estrelas do rock alternativo The Smashing Pumpkins e Stone Temple Pilots. Malkmus insistiu ao longo dos anos que a liña debe ser alegre e é cantada dende o punto de vista da personaxe do hippy envellecido que aparece na canción. En posteriores versións ao vivo o cantante substituíu "Stone Temple Pilots" por "The Spice Girls", "Counting Crows", ou outros. En resposta, o líder de The Smashing Pumpkins Billy Corgan ameazou con deixar o seu espazo como cabeza de cartel no festival Lollapalooza de 1994 se a Pavement se lle permitía tocar. Corgan e Malkmus estivéronse lanzando ataques a través da prensa durante varios anos despois diso.
Ao igual que o seu predecesor, o álbum foi amplamente aclamado, e tamén foi incluído na lista da revista Rolling Stone dos 500 mellores álbums de todos os tempos, neste caso no posto 212.
Wowee Zowee e Brighten the Corners O seu seguinte álbum, Wowee Zowee, gravado en Memphis e publicado o 11 de abril de 1995, cubría un amplo abano de estilos como punk, country e baladas ao longo dos seus 18 temas, que a miúdo evitaban estruturas convencionais. No DVD Slow Century, Malkmus atribuíu a súa estraña elección de sinxelos ao seu consumo de marihuana, dicindo que "Estaba fumando moita herba nese momento e a min soábanme como exitazos". Aínda que Malkmus ten dito en entrevistas máis recentes que o álbum é o derradeiro "disco clásico de Pavement", Kannberg expresou o seu pesar por Wowee Zowee. "Cometemos algúns erros nese disco... presionáronos para que sacásemos un disco un pouco máis rápido do que podíamos. Quero dicir, estou totalmente metido no disco. É só que se só tivésemos outros seis meses para pesar nel sería moito máis diferente".
Durante a xira do álbum Nastanovich dixo no DVD Slow Century que a banda moitas veces non elaboraba unha listaxe de cancións antes dos concertos, optando por improvisacións alimentadas por drogas e alcohol sobre os sinxelos máis exitosos. Algúns deses concertos producíronse durante o festival Lollapallooza de 1995, onde as incoherentes actuacións recibiron unha reacción hostil por parte de moitas audiencias. Imaxes de Slow Century amosan á banda sendo atacada con lama e pedras. O grupo deixou inmediatamente o escenario e autodenominouse "A banda que arruinou Lollapallooza".
Wowee Zowee foi seguido polo EP Pacific Trim, que foi gravado só con Malkmus e os baterías Nastanovich e Steve West. O seu tempo no estudio reservouse orixinalmente para unha gravación de Silver Jews, pero o seu líder David Berman frustrouse e o trío decidiu non malgastar ese tempo de gravación xa pagado.
Brighten the Corners foi publicado en 1997. Producido por Mitch Easter, o álbum é máis curto e convencional que o seu anterior traballo. Malkmus dixo en Slow Century que foi un intento de amosarlle ao público que Pavement tiña influencias máis mainstream e do rock clásico do que mostrara anteriormente. O álbum contiña dous dos sinxelos máis coñecidos do grupo, "Stereo" e "Shady Lane". Foi o único disco de Pavement, xunto con Slanted and Enchanted, en incluír as letras no libreto e vendeu mellor que os seus predecesores. A pesar do aumento do seu éxito a banda continuou fragmentándose, cos seus membros centrándose máis noutros proxectos musicais ou nas súas familias.
Terror Twilight e separación En 1999 a banda comezou a traballar no seu derradeiro álbum, Terror Twilight. A Bob Nastanovich ocorréuselle o título e revelou o seu significado en varias entrevistas: "Twilight Terror é o curto espazo de tempo entre o atardecer e o anoitecer; está considerado o momento máis perigoso no tráfico, xa que a metade da xente acende as luces do coche e a outra metade non o fai. É cando ocorren máis accidentes". Durante unha entrevista no DVD Slow Century di que a banda estaba tendo problemas para atopar un nome para o disco ata que el chegou con Terror Twilight. Un dos últimos contrincantes foi Farewell Horizontal (tamén o nome dunha novela de ciencia ficción de K. W. Jeter), e Nastanovich dixo, "De ningún xeito vou estar na xira Farewell Horizontal (despedida horizontal en galego) o próximo ano".
Orixinalmente a banda planeou autoproducir Terror Twilight, alugando os Jackpot! Studios en Portland, Oregón. Porén, o grupo estancouse, con Malkmus, Ibold, Nastanovich e a empregada de Jackpot! e futura baixista dos Jicks Joanna Bolme normalmente optando por xogar ao Scrabble en lugar de realizar calquera tipo de traballo.Jovanovic (2004), p.177 Kannberg sentiuse especialmente frustrado durante as sesións, particularmente ao negarse Malkmus a incluír algunha das súas cancións no disco. O tema "For Sale: The Preston School of Industry" e outra canción escrita polo guitarrista traballáronse brevemente durante as sesións, pero finalmente foron abandonadas. Ao final das dúas semanas de sesións iniciais a banda rematara moi pouco do traballo e decidiron que necesitaban un produtor para axudalos.