Shuhada' Sadaqat, anteriormente Magda Davitt, nada como Sinéad Marie Bernadette O'Connor, e coñecida profesionalmente como Sinéad O'Connor, nada en Dublín o 8 de decembro de 1966 e finada o 26 de xullo de 2023, foi unha cantante, compositora e activista irlandesa.
O seu primeiro álbum The Lion and the Cobra (1987), tivo un grande éxito internacional. Co seu segundo álbum de estudio, I Do Not Want What I Haven't Got (1990), recibiu moi boas críticas tralo seu lanzamento converteuse no seu máis grande éxito, ao vender máis de sete millóns de copias en todo o mundo. O seu sinxelo principal titulado «Nothing Compares 2 U», foi nomeado o sinxelo número un mundial en 1990 nos Billboard Music Awards.
Traxectoria Primeiros anos O seu nome provén de Sinéad de Valera, esposa do presidente irlandés Éamon de Valera e nai do doutor que axudou no nacemento de Sinéad, e de santa Bernadette Soubirous. Seus pais, Jack O'Connor e Marie O'Connor, casaron moi novos e tiveron grandes problemas matrimoniais. Ela foi a terceira de 5 fillos e foi testemuña das inestabilidades no matrimonio de seus pais, que máis tarde se reflectiron nunha personalidade rebelde aos dogmas e convencións. Sinead tiña oito anos cando seus pais se divorciaron.
Os tres fillos maiores foron vivir coa nai, onde os O'Connor foron obxecto de frecuentes abusos físicos. A súa canción "Fire on Babylon" trata sobre estas experiencias. En 1979, Sinéad deixou á súa nai e foise vivir co seu pai e a súa nova muller. Non obstante, debido ao seu mal comportamento escolar levouna internada a unha escola-reformatorio aos 15 anos, o Centro de Capacitación de Grianan, dirixido polas Irmás da Nosa Señora da Caridade, que, dalgunha maneira, lle valeu para evolucionar, sobre todo na escritura e na música.
Unha das voluntarias do Centro de Capacitación de Grianan era a irmá de Paul Byrne, batería da banda In Tua Nua, quen escoitou a Sinead cantando "Evergreen" de Barbra Streisand. Gravou unha canción con eles chamada "Take My Hand", pero alegaron que era demasiado nova para unirse á banda, tiña 15 anos. En 1983, seu pai mandouna a Newtown School, unha exclusiva escola en Waterford, unha institución cunha atmosfera moito máis permisiva que Grianan. Coa axuda do seu profesor de lingua irlandesa, Joseph Falvy, gravou unha demo de catro cancións, con dúas versións e dúas composicións propias, que máis tarde aparecerían no seu primeiro álbum.
No verán de 1984, formou un grupo chamado Ton Ton Macoute, denominado así polos zombis dos mitos de Haití. No outono, a banda trasladouse a Waterford brevemente, mentres Sinéad asistía a Newtown, pero pronto abandonou a escola e os seguiu a Dublín, onde a súa actuación recibiu comentarios positivos. O 10 de febreiro de 1985, a nai de Sinéad morreu nun accidente de coche. Para Sinead foi devastador, a pesar da tensa relación que mantiña con ela. Pouco despois abandonou a banda e trasladouse a Londres.
Carreira musical A súa etapa como vocalista en Ton Ton Macoute atraeu a atención da Industria Musical e asinou con Ensing Records. Conseguiu un representante con experiencia, Fachtna O'Ceallaigh, un dos creadores de Mother Records. O seu primeiro traballo despois de firmar coa discográfica foi facendo o traballo vocal para a canción "Heroine" que escribiu xunto con David Howell Evans (coñecido como The Edge), guitarrista de U2, e que formou parte da banda sonora da película Captive.
Fachtna O'Ceallaigh fora despedido anos atrás por U2 por queixarse deles e falar de máis cos seus comentarios sobre música e política, e Sinéad seguiu pasos similares. Fixo comentarios controvertidos sobre a súa simpatía polo IRA Provisional (Exército Republicano Irlandés Provisional), dos que se retractou pouco despois. Máis tarde, criticou a U2 polo seu son ‘bombástico’ e por exercer unha influencia mafiosa sobre a escena rock de Dublín; este enfrontamento non sería resolto até finais dos anos 90.
O seu álbum debut estaba sendo producido por Mick Glossop, mais Sinéad tivo moitas diferenzas con el, dado que Mick estaba facendo un son "demasiado celta", polo que catro meses de gravación tiveron que ser desbotados. O'Connor quedou embarazada do batería John Reynolds; e nese momento dende a discográfica aconsellábanlle que abortara. Tras varias discusións, e grazas en gran parte a Fachtna O'Ceallaigh, a compañía permitiu a Sinéad, de 20 anos e por entón embarazada de sete meses, producir o seu propio e primeiro álbum.
The Lion and the Cobra foi o nome do primeiro álbum de Sinéad. Saíu en 1987 e obtivo boas críticas, impresionando pola súa calidade de voz, forza interpretativa e as súas cancións orixinais. O disco non tivo o éxito comercial esperado debido á súa indefinición e incomprensión, aínda que chegou a ser disco de ouro e Sinéad obtivo un nomeamento ao Grammy por Mellor Interpretación Vocal Rock Feminino. O sinxelo "Mandinka" foi un grande éxito de radio universitaria, ao igual que "I want your (hands on me)", que tamén tivo unha boa acollida urbana coa mestura feita polo rapeiro MC Lyte e que foi usada para o vídeo musical. Na súa primeira aparición na rede de televisión dos Estados Unidos, en 1988, Sinéad cantou "Mandinka" en Late Night with David Letterman. A canción "Troy" foi lanzada como sinxelo en Irlanda e no Reino Unido. Esta canción, que comeza suavemente, pero que aumenta a súa forza até un final explosivo, foi escrita como unha mensaxe de profunda rabia cara a súa nai. No 2002 fíxose un remix deste tema chamado "Troy (The Phoenix from the flame)", que se converteu nun éxito dance de varios países, como os Estados Unidos.
En 1989, Sinéad fixo un dueto con Matt Johnson, vocalista de The The, na canción "Kingdom of Rain" do álbum Mind Bomb da banda. Mais a fama chegaríalle en 1989 co seu maior éxito, Nothing Compares 2 U, canción que se engadiría no disco que puxo á venda no ano 1990 I Do Not Want What I Haven't Got, moito máis comprensible que o anterior. A canción foi escrita por Prince e orixinalmente interpretada a dúo por el mesmo e Rosie Gaines en The Family, unha banda da súa propia creación, precisamente para o disco Nothing Compares 2 U, aínda que non lanzaron a canción como single.
A versión de Sinéad O’Connor toma un aire máis nostálxico grazas ao arranxo musical e a capacidade vocal de Sinéad, o que a converteu nun hit en case todo o mundo. En Irlanda, chegou ao primeiro posto en xullo de 1990 e mantívose alí durante 11 semanas; é o oitavo maior éxito único da década. Tivo un éxito similar no Reino Unido, estivo no número 1 durante tres semanas, e na Alemaña (# 1 durante 11 semanas). Infrecuentemente para unha balada, a canción tamén escalou as listas de popularidade de música rock moderna. A isto súmaselle un vídeo musical de éxito na MTV e que consistía basicamente nun acercamento ao rostro de Sinéad mentres cantaba e ao final esvaraban un par de lágrimas polas súas meixelas. Segundo O’Connor, isto era pola frase "All the flowers that you planted, Mama/All died when you went away" (Todas as flores que plantaches, mamá, morreron cando te fuches), debido á complexa relación que tivera coa súa nai.
O álbum I Do Not Want What I Haven't Got vendeu millóns de copias en todo o mundo e recibiu varios discos de platino. Sinéad obtivo catro nomeamentos ao Grammy, incluíndo Gravación do Ano e Mellor Interpretación Vocal Pop Feminino, e gañou o Grammy por Mellor Álbum de Música Alternativa, sendo a primeira artista en gañar ese premio (1991 foi o primeiro ano da categoría). Mais Sinéad negouse a aceptar os nomeamentos e o premio argumentando: “Non acepto premios que se me concederan polo meu éxito material. Os Grammy dánse ao disco que máis vendeu, pero non ao mellor artisticamente falando. Non me interesan. Non quero tomar parte en nada que anime á xente a crer que o éxito material é importante, especialmente se iso representa que te tes que sacrificar persoalmente para obtelo.”
En 1990, uniuse a moitos outros músicos á masiva interpretación de The Wall, concerto de Roger Waters celebrado en Berlín; Sinéad cantou "Mother". Ese mesmo ano, tamén contribuíu na versión de "You Do Something to Me" do álbum Red Hot + Blue. En 1991, participou no álbum tributo Two Rooms: Celebrating the Songs of Elton John & Bernie Taupin coa canción "Sacrifice", que foi considerada unha das mellores do disco.
En 1992, lanza o seu terceiro álbum, Am I Not Your Girl?. Trátase dunha colección de versións de jazz, que Sinéad describiu como "as cancións coas que crecín escoitando e que me fixeron querer converterme en cantante". Este disco non recibiu tan boas críticas como os anteriores debido ao cambio de xénero musical, e que sumado ao incidente de Saturday Night Live (detallado máis adiante), provocou que o disco vendera só 1,5 millóns de unidades. Tamén en 1992 compartiu a súa voz nos temas "Blood of Eden" e "Come talk to me" do álbum de estudio Us de Peter Gabriel.
Despois de dividir o seu tempo entre Londres e Os Ánxeles, Sinéad regresou á súa cidade natal de Dublín a finais de 1992 para vivir cerca da súa irmá e centrarse no seu fillo Jake, de seis anos de idade. Pasou os seguentes meses estudando bel canto co profesor Frank Merriman na Escola de Música Parnell. Nunha entrevista publicada o 3 de maio de 1993, informou que a súa experiencia co profesor de canto Merriman era a única terapia que estaba recibindo, describindo a Merriman como "o mestre máis incrible no universo".
En 1993, canta "You Made Me the Thief of Your Heart" para a banda sonora da película In the Name of the Father, en colaboración con Bono, de U2. En 1994, lanza o seu cuarto álbum, Universal Mother, dun estilo máis convencional que o disco anterior. O primeiro sinxelo foi "Thank You For Hearing", que tivo un éxito moderado no Reino Unido, pero non así en Estados Unidos, onde fora boicoteada pola prensa. Os seguintes sinxelos "Fire on Babylon" e "Famine" / "All Apologies" non tiveron moito éxito e o disco en xeral fallou en devolverlle a Sinéad o éxito comercial dos seus primeiros traballos.
Ese mesmo ano actuou en "A Celebration: The Music of Pete Townshend and The Who". Este foi un concerto de dúas noites no Carnegie Hall, producido por Roger Daltrey de The Who na celebración do seu 50º aniversario. Un CD e un vídeo VHS do concerto publicouse en 1994, seguido dun DVD en 1998. Participou na xira de Lollapalooza en 1995, pero abandonouna cando soubo que estaba embarazada.
En 1997, Sinéad lanza ao mercado o seu quinto álbum Gospel Oak, que empezaba a recordar novamente á primeira Sinéad O´Connor ao incluír cancións baseadas nunha posta en concerto acústico. Este mesmo ano prodúcese un reencontro entre Sinead e U2 tras aclarar as cousas, polo que gravan a canción "I am not your baby" para a banda sonora da película End of the Violence. Tamén en 1997 lanza un disco de éxitos que vendeu 2 millóns de copias. Faith and Courage, o seu sexto álbum, foi lanzado en 2000, incluíndo o sinxelo "No Man's Woman", onde destacan as contribucións de Wyclef Jean dos Fugees e Dave Stewart de Eurythmics. En vésperas do lanzamento do disco, Sinéad declarou que era lesbiana, aínda que logo retractouse da declaración.
No seu álbum de 2002, Sean-Nós Nua, Sinéad interpreta cancións do folk tradicional irlandés, incluíndo varias en lingua irlandesa; o título en irlandés significa "vello novo estilo". Neste disco inclúese unha coñecida canción popular irlandesa, "Peggy Gordon", interpretada como unha canción de amor lésbico, en vez de heterosexual. No seu documental, Song of Hearts Desire, dixo que a súa inspiración para a canción fóra unha amiga lesbiana.