Fernando Blanco de Lema, nado en Cee o 18 de outubro de 1796 e finado en Cuba o 5 de abril de 1875, foi un filántropo galego.

Vida Trala morte do seu pai, que era sangrador (cirurxián), cando contaba con menos dun ano de idade, a súa educación correu a cargo de Fernando Blanco Giance, tío e padriño seu, ademais de cura da parroquia de Mazaricos, ao que debeu as súas sólidas crenzas relixiosas. miniatura|Monumento a Fernando Blanco de Lema en Cee. En 1809, durante a guerra da independencia as tropas napoleónicas mataron o seu padriño e arrasaron a vila de Cee. A súa nai, viúva e con cinco fillos, decide enviar os tres fillos homes a Ferrol, e, dende alí, con só trece anos, Fernando Blanco de Lema emprende viaxe cara a Cuba.

O seu primeiro traballo na illa caribeña foi de dependente nunha tenda de ultramarinos. Con trinta e tres anos decide adicarse ó negocio da ferraxería, creando varias tendas na illa, e sendo este negocio a base da súa fortuna. Ademais de ser posuidor de intereses e accións en bancos e en compañías de ferro, mantiña estreitas relacións comerciais cun curmán emigrado a Nova York, o rico empresario Bartolomé Blanco. En varias cartas dirixidas ao seu curmán percíbese o perfil humano do filántropo que máis tarde se revelaría: home afectuoso, preocupado polos seus parentes máis desfavorecidos, confirmándonos a fortaleza dos lazos que sempre mantivo coa súa localidade natal.

O 2 de abril de 1875, tres días antes de morrer, redactou o seu testamento, no que ratificaba as súas fortes conviccións relixiosas, aseguraba estar solteiro e sen fillos, e declaraba estar aloxado na casa de Regla da Silva, viúva que o coidou con esmero durante a enfermidade que poucos días despois acabou coa súa vida. miniatura No testamento expuña a vontade de asignar certas cantidades a dúas sobriñas de Regla da Silva, a dous afillados e a dúas curmáns que tiña en España sen fortuna. Tamén se viron favorecidas no testamento a Real Casa de Beneficencia e Maternidade da Habana e a Sociedade de Beneficencia de Naturais de Galicia. Finalmente, o groso da súa fortuna (750.000 pesos de ouro) decide empregalos na construción e mantemento dun Colexio de Primeira e Segunda Ensinanza na súa vila natal (Cee). Para levar a cabo esta misión nomea coma testamenteiros a Juan Álvarez Baldonedo e a Brígido Zavala, e coma apoderado en España é nomeado o científico lugués Vicente Vázquez Queipo. Todos eles levaron a cabo, no medio dunha agre disputa xornalística e legal, o magno proxecto que determinaría o nacemento da Fundación. Na que fora a súa casa e despois escola feminina estableceríase máis tarde o Museo-Colección da Fundación Fernando Blanco de Lema.

As súas cinzas están depositadas na capela do Colexio que mandara fundar.

Véxase tamén

Bibliografía

Páxinas externas

Fundación Fernando Blanco "O indiano Fernando Blanco de Lema e a súa acción filantrópica" Consello da Cultura Galega.

Categoría:Galegos de Cuba Categoría:Filántropos de Galicia Categoría:Nados en Cee Categoría:Nados en 1796 Categoría:Finados en 1875