A praza de Azcárraga atópase na zona vella da cidade galega da Coruña. Atópase adxacente á praza da Constitución, coa que forma un único espazo continuado.

Historia Historicamente a Cidade Vella coruñesa tivo tres espazos públicos principais: o adro da colexiata de Santa María, a praza dianteira á Audiencia vella e a praza da Fariña. Esta constitúe a praza de armas do edificio de capitanía xeneral, que en orixe era a Real Audiencia. O edificio da Audiencia proxectouse no século XVIII en substitución das Casas Reais nas que se administraba xustiza, trasladada á Coruña por Filipe II, e que se atopaban anexas ao cárcere. Nesa mesma época a praza da Fariña acollía tamén as Casas de Artillaría e o concello, que ocupou diversos edificios ao longo do tempo.García-Alcañiz Yuste, J. Arquitectura del Neoclásico en Galicia. Fundación Pedro Barrié de la Maza. A Coruña, 1989. ISBN 84-85728-76-9.

A praza da Fariña está representada no plano militar da Cidade Alta da Coruña de 1736, previo á construción da actual capitanía, e igualmente no do enxeñeiro Miguel Marín, de 1755, contemporáneo ás obras da súa construción. O plano de 1785, do enxeñeiro Pedro Martín, mostra xa o espazo libre de edificación que logo sería a praza de Azcárraga, así como o de 1819, de Felipe Ginzo, pero sen mostrar a conformación dese espazo.Soraluce Blond, J.R. et al. A antiga Maestranza de Artillería, rectorado da Universidade da Coruña. Universidade da Coruña. A Coruña, 1994. ISBN 84-88301-86-3.

No século XIX os sucesivos cambios de réxime político provocaron varios cambios no nome da praza, que se denominou de forma alternativa cos nomes de praza Real e praza da Constitución. En 1896, co gallo da remodelación da praza, o Concello decidiu adicala ao ministro da Guerra, o xeneral Marcelo de Azcárraga, quen decretou a restitución á Coruña da sede da capitanía xeneral. Tras a guerra civil a primitiva praza da Fariña foi renomeada como praza do Xeneralísimo, para recuperar tras a restauración democrática o nome de praza da Constitución.

Morfoloxía A actual praza de Azcárraga presenta unha forma rectangular, dividida en catro paseos peonais que conflúen nunha rotonda central rodeada de plátanos centenarios e en cuxo centro se ergue a fonte da Fama, de ferro colado, chamada así por se atopar en orixe na rúa da Fama. A banda nordeste da praza, coñecida como Cantoncillo, está situada a unha cota máis elevada e conectada co resto da praza mediante unha escalinata. Na esquina norte da praza está o edificio do antigo goberno militar. No punto de contacto coa praza da Constitución pódense ver as ábsidas da igrexa románica de Santiago.

Notas

Véxase tamén

Outros artigos Praza das Bárbaras Praza de María Pita

Categoría:Prazas da Coruña