Pilar Martínez Conde, "Pilocha", nada en Vigo o 29 de xullo de 1957, é unha cantante galega.

Traxectoria Estudou Psicoloxía na Universidade de Santiago de Compostela. Traballou como profesora nunha escola de música en Lugo.

Comezou a cantar formando parte de grupos como De catro a catro e Roi Xordo, e tamén do Movemento Popular da Canción Galega. Foi contralto do Grupo Universitario de Cámara de Compostela, co que gravou o primeiro disco da formación, cantando as cantigas de Martín Códax e Afonso X.

No ano 2000 gravou con Milladoiro a canción da Marcha Mundial de Mulleres que representa a Galicia, cun texto de Carmen Blanco. En 2006 formou grupo con Xavier Constenla, Quique Alvarado e Miguel Cabana, cos que fixo unha xira pola Arxentina e o Uruguai convidados pola Consellería de Cultura da Xunta.

En 2007, colaborou coa súa voz no espectáculo poético musical Memoria do 36 da compañía Teatro do Atlántico, con música de Xavier Constenla, narración de Xosé Luís Bernal, baixo a dirección de Xulio Lago. Coa mesma compañía fixo de asesora musical e auxiliar de dirección en A bombilla máxica de Woody Allen.

En 2010 fixo recitais con poético-musicais con María Barcala, recitais poético-musicais polos Institutos de ensino secundario de Galiza.

Presentou e dirixiu na Televisión local de Lugo un programa mensual consistente nunha tertulia de mulleres que levaba por título Feminino Plural e que permaneceu en antena varios anos.

En 2016 preparou unha zarzuela en galego Unha lúa para Belido. O libreto é orixinal de Ramón Area (novelista), a música de Vadim Yukhnévich (Banda Crebinsky), os textos da propia Pilocha e a dirección de escena de María Barcala.

En 2022 a Deputación da Coruña informou do nacemento do ciclo Pioneirxs da música galega, unha serie de concertos nos que se interpretan álbums que "marcaron a historia recente da música galega e en galego". O concerto inaugural é a cargo de Pilocha.

Traballos

Pilocha (1978). Serie “Xeira” de MoviePlay, reeditou en formato CD Fonomusic. Contén cancións moi coñecidas como “O sancristán de Coimbra” e “Alecrín”. O Sacristão De Coimbra (1979). Single. Movieplay. Nenos orfos (1979). Single. Movieplay. Gallaecia Fulget (1995), disco de Milladoiro no que gravou unha canción que conmemora o V Centenario da Universidade de Santiago de Compostela. A cantar con Xabarín (1996). Segunda entrega do Xabarín Club no que colabora cunha canción: "Se ti viras". Calamidá sentimental (1998). Xerais Media. Con Antón Seoane sobre textos de amor escritos por mulleres da poesía galega. Participaron Rodrigo Romaní, Laura Quintillán, Quico Paz Antón do grupo Na lúa, Anxo Pintos de Berrogüeto e o grupo Leilía. Son 11 cancións. Lambón, cancións para os croques (2004). Con Antón Seoane e xunto con outros moitos colaboradores, orientado a público infantil. Nas trece pistas colaboraron Carlos Blanco, Laura Amado, Lara, Harry C, Roi Casal, El Maestro Reverendo e San Escalera. Hai textos de Neira Vilas, Manuel María e Antón García Teixeiro. O quiquiriquí: Cantos para o Nadal (2007). Unha canción. A volta dos nove (2008). Instituto de Estudos Miñoranos. Libro multimedia no que Pilocha canta textos de Méndez Ferrín en homenaxe a nove veciños do Val Miñor asasinados en outubro de 1936.

Premios 1999: Calamidá sentimental foi premiado como mellor traballo melódico nos Premios Luar da TVG. Premio da Música 2007 do Orfeón Lucense.

Notas

Véxase tamén Bibliografía

Categoría:Músicos de Galicia Categoría:Cantantes de Galicia Categoría:Cantantes en lingua galega Categoría:Nados en Vigo Categoría:Nados en 1957 Categoría:Personalidades de Galicia sen imaxes Categoría:Alumnos da Universidade de Santiago de Compostela