Bronisław Maria Komorowski, nado en Oborniki Śląskie o 4 de xuño de 1952, é un político polaco, e Presidente en funcións de Polonia tras o falecemento de Lech Kaczynski o 10 de abril de 2010 nun accidente de aviación, segundo o disposto na constitución de Polonia na súa calidade de Presidente do Parlamento no momento do falecemento do titular no cargo. Sería escollido en eleccións presidenciais o 20 de xuño, con segunda volta o 4 de xullo do mesmo ano. Formalmente é presidente de Polonia desde o 6 de agosto.

Traxectoria Militou na Unión Democrática (Unia Demokratyczna), Alianza da Liberdade (Unia Wolnośći), Partido Conservador-Popular(Stronnictwo Konserwatywno-Ludowe). Actualmente é un dos líderes da Plataforma Cívica, de centro dereita liberal e europeísta.

Procedente dunha familia nobre polaca, durante a época comunista foi membro do Scout, onde xa se destacou pola súa oposición ao réxime. Traballou como xornalista e editor, dende cuxa posición publicou textos críticos co comunismo, o que lle supuxo sufrir prisión durante gran parte dos anos 80. Nesta época, xa estaba unido ao movemento Solidariedade liderado por Lech Walesa.

Tras a caída do réxime do xeneral Wojciech Jaruzelski (1989) e coa chegada da democracia foi deputado e posteriormente Ministro de Defensa (2000-2001), no goberno liderado por Jerzy Buzek. Tras as últimas eleccións lexislativas (2007) e o triunfo de Plataforma Cívica, foi nomeado presidente o Parlamento polaco.

O 10 de abril de 2010, a consecuencia do falecemento do Presidente Lech Kaczynski nun accidente de aviación en Smolensk (Rusia), asumiu o cargo de Presidente de Polonia en funcións, na súa calidade de presidente do lexislativo, de acordo coas disposicións constitucionais, coa obrigación de exercer o cargo de maneira interna até a convocatoria de novas eleccións presidenciais no prazo máximo de 2 meses.

Notas

Véxase tamén Ligazóns externas Páxina oficial da Plataforma Cívica

Categoría:Presidentes de Polonia Categoría:Nados na Baixa Silesia Categoría:Alumnos da Universidade de Varsovia