José Hierro del Real, nado en Madrid o 3 de abril do 1922 e finado tamén en Madrid o 21 de decembro do 2002, foi un poeta español. Pertencente á chamada Xeración do medio século, foi un autor dificilmente clasificable, tratando nas súas composicións dende temáticas sociais a outras de carácter existencial, pasando por unha variedade de asuntos de cariz íntimo ou universal. Foi Premio Nacional das Letras Españolas no 1990 e Premio Cervantes no 1998.
Traxectoria Cando contaba con dous anos de idade a súa familia trasladouse a Santander, onde cursou os estudos elementais e iniciou a carreira de perito industrial, que se viu obrigado a abandonar tralo inicio da Guerra Civil. Finalizado o conflito bélico foi feito prisioneiro por pertencer a unha “organización de axuda a presos políticos”, ingresando na cadea onde permaneceu ata 1944. Un deses presos políticos era o seu propio pai, finado mentres o poeta cumpría condena.
Ao saír do cárcere marcha a Valencia onde vivirá dous anos. Na cidade levantina participa nas tertulias literarias do café El Gato Negro e colabora na fundación da revista Corcel.
De volta en Santander volve participar na fundación doutra revista, Proel, xunto con Ricardo Gullón e desempeña multitude de oficios. Casa no 1949 e ao pouco tempo marcha a Madrid, onde empeza a traballar no CSIC, na Editora Nacional e no Ateneo. Faise colaborador de Radio Nacional de España ata a súa xubilación no 1987.
En 1981, recibiu o Premio Príncipe de Asturias das Letras, pola "vigorosa orixinalidade da súa obra".
No 1999 foi escollido membro da Real Academia Española.
Traxectoria poética Inicia a súa produción no 1947 con Tierra sin nosotros, expresión de tristura xuvenil e procura de felicidade inalcanzable. A súa obra dos anos cincuenta afonda na dor existencial, pero pouco a pouco vai deixando oco nos seus poemas para os temas sociais. Porén, o trato que lle dá á temática social non é o habitual nos autores do xénero da época, xa que a súa esixencia estética permanece intacta outorgándolle unha densidade e unha riqueza considerables.
A influencia de Gerardo Diego, a quen considerou o seu “pai espiritual”, e, por extensión, da Xeración do 27 na súa obra é amplamente perceptible.
Obra Alegría (1947). Premio Adonáis . Tierra sin nosotros (1947). Con las piedras, con el viento (1950). Quinta del 42 (1952). Antología (1953). Premio Nacional de Literatura. Estatuas yacentes (1955). Cuanto sé de mí (1957). Premio da Crítica. Poesías completas. 1944-1962 (1962). Libro de las alucinaciones (1964). Premio da Crítica. Problemas del análisis del lenguaje moral (1970). Cuanto sé de mí (1974) Quince días de vacaciones (1984) Reflexiones sobre mi posía (1984) Cabotaje (1989) Agenda (1991). Emblemas neurorradiológicos (1995) Sonetos (1995) Cuaderno de Nueva York (1998). Premio Nacional de Literatura. Guardados en la sombra (2002) José Hierro. Poesías completas (1947-2002) (2009). Póstuma. Gedichte Aus Dem Arbeitsbuch (2024). Tradución ao alemán de Jürgen Siess, Marburg. ISBN 978-9941-8-6572-5.
Notas
Véxase tamén
Bibliografía Lázaro, F. e Tusón, V. (1982). Literatura española. Ed. Anaya.
Ligazóns externas Páxina do autor no Centro Virtual Cervantes Selección de poemas Centro de Poesía José Hierro
Categoría:Escritores en lingua castelá Categoría:Escritores da Comunidade de Madrid Categoría:Premio Cervantes Categoría:Premio Nacional das Letras Españolas Categoría:Poetas en lingua castelá Categoría:Nados en Madrid Categoría:Nados en 1922 Categoría:Finados en 2002 Categoría:Premio Nacional de Poesía de España Categoría:Doutores honoris causa pola Universidade Internacional Menéndez Pelayo Categoría:Premios Princesa de Asturias das Letras