Fernando Seoane Antelo, nado o 25 de marzo de 1983 en Tapia, Ames, é un exfutbolista galego. Xogaba como centrocampista e desenvolveu toda a súa carreira entre a Segunda División e a Segunda División B. É o segundo futbolista con máis partidos disputados na historia da Segunda División, con 426 encontros, só por detrás dos 571 de Nino.

Futbolista histórico do Lugo, é o cuarto xogador con máis partidos da historia do club (397), só por detrás de Alvite, Domínguez e Carlos Pita, futbolista este último co que formou a dupla titular no centro do campo durante unha década. É ademais o futbolista con máis partidos en Segunda División na historia do Lugo (351).

Traxectoria

Comezos no Compostela Nado en Tapia, Ames, xogou ao fútbol na SD Villestro ata a idade cadete, entrando logo na canteira do Compostela. Tras pasar polo equipo xuvenil e polo filial compostelán, debutou na Segunda División B co primeiro equipo na tempada 2003/04, da man do adestrador Pichi Lucas. No seu primeiro ano xogou 30 partidos, aínda que non puido evitar o descenso do seu equipo á Terceira. Con todo, o seu rendemento chamou a atención doutros clubs da categoría de bronce, asinando ao ano seguinte co filial do Deportivo Alavés.

Periplo pola Segunda B Permaneceu dúas temporadas no Alavés B, sendo un dos habituais do once titular do equipo vasco. Con todo, o equipo tamén descendeu de categoría e Seoane buscou novo equipo. Esta vez asinou co Burgos CF, adestrado por Gonzalo Arconada. Militou un ano no club burgalés, onde xogou como lateral dereito, e disputou a fase de ascenso a Segunda, eliminando o Alcoyano e caendo na final contra o Sevilla Atlético.

Na tempada 2007/08 fichou polo Écija Balompié, da mesma categoría. No equipo andaluz coincidiu con futbolistas como Xisco Campos ou Nolito, e proclamouse campión do grupo IV, pero non logrou o ascenso ao perder na final da fase de ascenso contra o Huesca, despois de ter eliminado ao Fabril.

Primeiro paso polo Lugo Na temporada 2009-10, volveu a Galiza e asinou co Lugo de Quique Setién, onde se converteu nun dos piares do equipo, formando unha destacada parella de mediocentros xunto con Marcos Rodríguez. Disputou 35 partidos, todos como titular, perdendo só tres encontros por sanción. Tras o seu gran ano, interesáronse por el varios equipos da Segunda División. Finalmente, decidiu asinar co Gimnàstic de Tarragona de Luis César Sampedro.

Debut en Segunda co Nàstic Debutou na Segunda División na primeira xornada da tempada 2010/11, nun partido contra a UD Las Palmas no estadio de Gran Canaria que acabou con derrota (3-2). Xa no seu primeiro ano na categoría de prata converteuse nun dos xogadores fundamentais do equipo catalán, tendo como compañeiro máis habitual no centro do campo a Fernando Morán. Xogou 38 partidos esa primeira tempada, 37 deles como titular. Na seguinte campaña disputou 38 encontros, 35 como titular, pero non puido evitar que o equipo descendese a Segunda B.

Segunda etapa no Lugo Tras o descenso do Nàstic, o recentemente ascendido CD Lugo interesouse de novo polo xogador, asinando este polo club galego. Titular indiscutible dende a súa chegada, converteuse nun dos alicerces do equipo durante a seguinte década xunto con Carlos Pita, disputando preto de 400 partidos cada un. Na tempada 2016/17 coincidiu no Lugo co que fora o seu adestrador no Nàstic, Luis César Sampedro, obtendo o equipo o 9º posto, a mellor clasificación da historia do club.

O 28 de maio de 2022 disputou o seu último partido como profesional, saíndo como titular no derradeiro partido da tempada 2021/22 ante o Málaga no Anxo Carro (1-0). Foi o seu 426º partido na Segunda División, co que superou os 425 de Quique Martín, colocándose en solitario como o segundo futbolista con máis partidos na historia da competición, só po detrás dos 571 de Nino.

Clubs ClubDivTempadaLigaCopa do ReiPromociónsTotalPart.GolesPart.GolesPart.GolesPart.GolesCompostela B3ª2002–03––––Compostela2ª B2003–0430010––310Alavés B2ª B2004–05361––––3712ª B2005–06253––––253Total club614––––614Burgos CF2ª B2006–073413030401Écija2ª B2007–0835000403902008–0932021––341Total club6702140731Lugo2ª B2009–10350––––350Nàstic2ª2010–1138000––3802ª2011–1237010––380Total club75010––770Lugo2ª2012–1336010––3702ª2013–1440210––4122ª2014–1541120––4312ª2015–1639120––4112ª2016–1738210––3922ª2017–1841110––4212ª2018–1934000––3402ª2019–2032000––3202ª2020–2128020––3002ª2021–2222010––230Total club3867110––3977Total653121817067813

Notas

Véxase tamén Ligazóns externas Datos do xogador en BDFutbol .

Categoría:Nados en 1983 Categoría:Nados en Ames Categoría:Futbolistas de Ames Categoría:Centrocampistas de fútbol Categoría:Xogadores da SD Compostela B Categoría:Xogadores da SD Compostela Categoría:Xogadores do Deportivo Alavés B Categoría:Xogadores do Real Burgos Categoría:Xogadores do Écija Balompié Categoría:Xogadores do CD Lugo Categoría:Xogadores do Gimnàstic de Tarragona