Dacota do Norte é un dos 50 Estados dos Estados Unidos de América. O centro xeográfico da América do Norte atópase en Dacota do Norte, en Rugby. A maior parte de Dacota do Norte está localizada na rexión das Grandes Planicies americanas. Por causa disto, a maior parte deste estado norteño caracterízase polo seu terreo pouco accidentado, relativamente plano. As facendas cobren máis do 90% do Estado. A agricultura e a extracción de petróleo son as principais fontes de renda de Dacota do Norte. Outra fonte de renda importante é o turismo.

A rexión que compón Dacota do Norte foi a última rexión dos Estados Unidos continental en ser explorada e en ser colonizada polos americanos. En 1858, o goberno americano crearía o Territorio de Dacota - un territorio que incluía o que forma actualmente os Estados de Dacota do Norte e Dacota do Sur, até entón parte do territorio de Minnesota. O territorio de Dacota sería escasamente poboado até o século XIX, cando os primeiros ferrocarrís da rexión se construíron ao longo de Dacota, incentivando así a práctica da agricultura na rexión. Inicialmente, algúns poucos latifundistas dominaban a economía das dúas Dacotas, porén, o éxito destes latifundistas e o ferrocarril atraeran millares de persoas á rexión. O 2 de novembro de 1889, o territorio de Dacota foi dividido nas actuais Dacota do Norte e Dacota do Sur, e ambas eleváronse á categoría de Estados.

Dacota do Norte sufriu bastante nas décadas de 1920 e na 1930, por causa de grandes períodos de estiaxe, de pragas e da Gran Depresión. A poboación do Estado atinxiu o seu máximo nos primeiros anos da década de 1930, e desde entón ten pasado por períodos de declive e aumento de poboación, aínda que nunca máis volveu a atinxir os números da década de 1930. Actualmente, a poboación do Estado está en declive.

Historia

Até 1889

Cando os primeiros exploradores europeos exploraran a rexión que constitúe actualmente o Estado de Dacota do Norte, seis tribos nativas americanas vivían na rexión. Estas tribos eran os mandan, hidatsa e os arikara, que vivían ao longo do río Missouri, tribos sedentarias que vivían principalmente da agricultura e da caza; os chippewa, nómades que vivían da caza no noroeste do Estado; os yankton (tribo parte do grupo nativo americano dos síux), ao longo dos ríos Yankton e Sheyenne, principalmente da caza; e os lakota, tamén parte do grupo nativo americano dos síux, que vivían no suroeste, vivindo sobre todo da caza.

O primeiro explorador europeo en explorar esta rexión foi Pièrre Gaultier de Varennes, un franco-canadense, en 1738. Porén, a rexión xa fora anteriormente reivindicada polos franceses en 1682, por René Robert Cavelier de La Salle, que reivindicara toda a bacía hidrográfica do Río Mississippi-Missouri, bacía que inclúe o suroeste da actual Dacota do Norte. Posteriormente, os franceses tamén reivindicaran unha vasta rexión ao sur da Baía de Hudson, rexión que incluía moito do norte da actual Dacota do Norte. En 1713, o territorio reivindicado polos franceses foi cedido aos ingleses. Porén, o suroeste do Estado continuou baixo control francés, parte da colonia francesa de Nova Francia. Despois de haber exploradoo o franco-canadense Varennes a rexión en 1738, poucos colonos de ascendencia europea retornarían á rexión, só comerciantes interesados na caza e no comercio de peles.

En 1763, como parte do Tratado de París, Francia cedeu a España todos os seus territorios ao oeste do Río Misisippi, a metade occidental do territorio coñecido como Luisiana (Nova Francia)|Luisiana. Deste xeito, moito da actual Dacota do Norte pasou a control español. En 1800, os españois cederon estes territorios a Francia, que vendeu toda Luisiana aos Estados Unidos de América en 1803. O Presidente americano Thomas Jefferson encomendou a Meriwether Lewis e William Clark a misión de explorar a rexión da Luisiana. Lewis e Clark explorarían a actual Dacota do Norte en outubro de 1804. Na rexión central da actual Dacota do Norte construirían Fort Mandan, ás marxes do río Missouri, non lonxe da actual cidade de Stanton. Lewis e Clark ficaron en Fort Mandan até abril de 1805, cando continuaron a súa viaxe rumbo á costa oeste americana. Retornarían unha vez máis en 1806, na viaxe de volta.

Porén, moito da actual Dacota do Norte aínda continuaba baixo control británico, parte dunha rexión controlada pola Compañía da Baía de Hudson. Xurdiron tensións entre os americanos e os británicos, ambos reivindicando territorios controlados polo outro. En 1812, algunhas familias de ascendencia escocesa e irlandesa instaláronse no norte da actual Dacota do Norte, onde actualmente se localiza Pembina. En 1818, os americanos e os británicos realizaron un tratado onde todos os territorios ao sur do paralelo 49, dos Grandes Lagos até as Montañas Rochosas, pasarían a ser controladas polos Estados Unidos. Así, o resto da actual Dacota do Norte pasou a control americano. No mesmo ano, parte dos colonos escoceses e irlandeses de Pembina abandonaron o asentamento. En 1823, o restante tamén abandonaría Pembina, cando un estudo comprobou que Pembina estaba de feito en territorio americano. Dacota do Norte non sería poboada por americanos ascendentes de europeos até mediados da década de 1860.

En 1861, o goberno americano creou o Territorio de Dacota. Este territorio incorporaba o que actualmente forma os actuais Estados de Dacota do Norte e Dacota do Sur, así como partes de Montana e de Wyoming. En 1862, os lakota mataron numerosos americanos brancos no actual Minnesota, para despois fuxir en dirección ao actual Dacota do Norte, sendo perseguidos por tropas americanas. Diversas batallas realizáronse no Estado, e continuarían até o inicio da década de 1870, cando, derrotados, se confinaron en reservas indíxenas, a través de tratados de paz realizados cos americanos. Porén, diversas revoltas indíxenas ocorrerían en Dacota do Norte, por causa da violación dos tratados de paz por parte dos americanos brancos, causaron diversas revoltas até 1881, cando se produciu a última destas revoltas, liderada por Touro Sentado, que se rendeu aos americanos no mesmo ano.

En 1863, o Acto Homestead pasou a impoñerse no territorio de Dacota. Aínda en 1863, partes do Territorio de Dacota foron cedidas para Montana e Wyoming, restando o territorio formado actualmente por Dacota do Norte e do Sur. O Acto Homestead fornecía lotes de terra a ningún custo a familias que estivesen dispostas a asentarse a rexión, nun esforzo para poboar a rexión, aínda non poboada por americanos de ascendencia europea -Dacota do Norte sería a última rexión de todos os Estados Unidos continentais en poboarse polos americanos de ascendencia europea-. O asentamento da rexión por parte destes americanos foi lenta. Diversas tribos nativas americanas, tales como os lakota e os métis, que se instalaran na rexión por volta da década de 1820, opuxéronse ao poboamento branco da rexión. Debido a que era unha rexión illada do resto do país, por causa da falta de medio de transportes e o medo de ataques indíxenas, poucas persoas decidiron instalarse nas dúas décadas seguintes.

Foi soamente en 1875 cando a rexión de Dacota do Norte pasaría a ser poboada por americanos a grande escala, grazas á instalación de xigantescos latifundios na rexión e da inauguración do primeiro ferrocarril na rexión, conectando Dacota do Norte co resto do país. Os latifundios cultivaban principalmente trigo, e estaban controlados por algunhas ricas familias. Estes latifundios precisaban de man de obra, estimulando así o poboamento da rexión. Estaban na súa maior parte ao longo do río Red, e posuían entre mil a 27 mil hectáreas de superficie. Estes latifundios, a través do uso de man de obra barata, do uso de métodos modernos de cultivo e do ferrocarril, eran altamente lucrativos. Porén, fragmentáronse gradualmente en facendas menores, despois da recesión na industria agropecuaria americana, que causou unha caída súbita dos prezos do trigo.

Grazas á minaría do ouro e á agricultura, a poboación do Territorio de Dacota -incluíndo a rexión da actual Dacota do Sur- pasou a crecer rapidamente. Porén, o ferrocarril, que propiciara a ascensión das industrias do trigo e da minaría, así como o poboamento da rexión, pasou a provocar tensións de cuño divisorio entre a rexión norte e sur do Territorio de Dacota. Estes ferrocarrís -que eran transcontinentais, conectando a costa leste americana coa costa oeste- cruzaban o Territorio de Dacota nun sentido leste-oeste. Non existían liñas ferroviarias conectando o norte do territorio co sur, e o transporte entre ambas as rexións era difícil. O rápido crecemento de poboación do Territorio de Dacota pasou a facer que o goberno do territorio e os seus habitantes pasasen a meter presión ao goberno americano para que o territorio fose elevado á categoría de Estado. Porén, por causa das tensións divisorias, rapidamente os habitantes do norte e do sur pasaron a esixir que cada rexión tivese o seu propio goberno.

En febreiro de 1889, o Congreso americano dividiu o Territorio de Dacota en dous. Ambos os territorios adquiriron entón as súas actuais fronteiras políticas. A rivalidade entre ambas as Dacotas era tanta que, despois da aprobación do Congreso en permitir que ambos os territorios fosen elevados á categoría de Estado, ambas as Dacotas pasaron a esixir que o fosen en primeiro lugar. A rivalidade fixo que o Presidente americano Benjamin Harrison -despois da ratificación da Constitución americana por ambas as Dacotas- ordenase ao Secretario de Estado James Blaine que mesturase ambos os documentos e impedise ver cal era o documento que elevaba oficialmente un dos territorios á categoría de Estado. Isto foi feito para que ninguén soubese quen fora elevado en primeiro lugar á categoría de Estado. Desta maneira, o 2 de novembro de 1889, Dacota do Norte tornouse o 39° Estado americano, xuntamente con Dacota do Sur.

1889 - Tempos actuais

A poboación de Dacota do Norte continuou a crecer rapidamente até a década de 1920. En 1890, o Estado tiña 190.983 habitantes, cifra que aumentou a 577.056 en 1910. Este crecemento debeuse á prosperidade da industria agropecuaria da rexión, así como tamén pola industria ferroviaria. A poboación de Dacota do Norte -na súa maior parte rural- dependía, á súa vez, de estabelecementos bancarios, para o financiamento de equipamentos e instalacións agropecuarias, así como da industria ferroviaria para o transporte dos produtos cultivados no Estado a outras rexións do país. As relacións entre facendeiros e bancarios e ferroviarios nunca foron boas. En 1915 fundouse a Nonpartisan League, organización política que estaba apoiada polos facendeiros, apoiando o control estatal de estabelecementos indispensábeis á industria agropecuaria -tales como elevadores de grans e silos, todos xestionados por comerciantes privados- e estabelecementos bancarios que fornecesen empréstimos con baixas ou ningunha taxa de xuro.

En 1916, o republicano Lynn J. Frazier foi elixido gobernador de Dacota do Norte, tendo o apoio da Nonpartisan League. Frazier gobernaría o Estado até 1921, aumentando os orzamentos a distritos escolares situados en áreas rurais, diminuíndo impostos e creando a Industrial Commission of North Dakota, que pasou a administrar un número de empresas estatais, que pasaron a fornecer certos servizos dirixidos á poboación rural do Estado, tales como silos e elevadores de grans (controlados pola North Dakota Mill and Elevator) e empréstimos a baixos xuros (fornecidos polo Banco da Dacota do Norte). Tanto as comisións como ambas as compañías mencionadas aínda operan en tempos actuais.