miniatura|dereita|Fragmento do manuscrito.

O manuscrito Voynich é un misterioso libro ilustrado de contido hoxe incomprensíbel. Crese que foi escrito hai aproximadamente 600 anos por un autor descoñecido que se valeu dun sistema de escrita non-identificado e unha linguaxe inintelixíbel, así como de ilustracións a cor desconcertantes.

A teoría hoxe máis aceptada é que o manuscrito se creou como peza de arte no correr do século XVI, a modo de fraude. O defraudador sería o mago e astrólogo inglés Edward Kelley contando coa axuda do filósofo John Dee para enganar a Rodolfo II de Xermania (do Sacro Imperio Romano).

O libro adquiriuno o polonés-estadounidense Wilfrid M. Voynich, quen lle deu o seu nome, ao compralo en 1912. A partir de 2005, o manuscrito Voynich pasou a ser o item MS 408 na Beinecke Rare Book and Manuscript Library (Biblioteca Beinecke de libros raros e manuscritos) da Universidade Yale. A primeira edición facsímile publicouse en 2005 (Le Code Voynich), cunha curta presentación en francés do editor, Jean-Claude Gawsewitch. O seu número de rexistro é ISBN 2-35013-022-3.

Ao longo da súa existencia rexistrada, o manuscrito Voynich ten sido obxecto de intenso estudo por parte de moitos criptógrafos, incluíndo algúns dos maiores descifradores norteamericanos e británicos dos tempos da segunda guerra mundial. Ningún eles non deron descifrado ningunha soa palabra, o que transformou o manuscrito Voynich nun tema famoso da historia da criptografía, como tamén a estender a teoría de que é simplemente un engano moi ben tramado, é dicir, unha secuencia arbitraria de símbolos.

Mais que cumpra a lei de Zipf, que di que en todas as linguas coñecidas a lonxitude das palabras é inversamente proporcional á súa frecuencia de aparición (cantas máis veces aparece unha palabra nun idioma, máis curta é), fai pensar que se trata non só dun texto redactado nunha linguaxe concreta, senón tamén que se trata dunha lingua natural, xa que as linguas artificiais, como os idiomas élficos de Tolkien ou o klingon de Star Trek, non cumpren esta regra. Isto é debido á economía lingüística: as palabras que máis utilizamos son máis curtas e así requiren menos enerxía, por iso o uso dunha lingua acaba impoñendo esta lei, enunciada moitos séculos despois da creación deste manuscrito, e polo tanto, é improbable que o autor a aplicase a unha lingua inventada por el.

En 2009 investigacións da Universidade de Arizona demostraron, mediante a proba do carbono-14, e cunha fiabilidade do 95 %, que o pergamiño do manuscrito podía datarse entre 1404 e 1438.Mysterious Voynich manuscript is genuine - Evidence in 2009 showing that the manuscript is indeed old as had been suspected Por outra parte, o McCrone Research Institute de Chicago demostrou que a tinta se aplicou non moito despois, confirmando así que o manuscrito é un auténtico documento medieval.

Sobre o lugar no que se puido escribir, tan só se dispón dunha posible pista. Nunha das súas ilustracións aparece unha cidade amurallada, e son as súas ameas debuxadas as que achegan unha orientación. A súa forma é a das ameas chamadas de cola de andoriña, un estilo estético que máis tarde, no renacemento, se popularizou por toda Europa, pero que no momento no que supostamente se elaborou o manuscrito, segundo os últimos estudos da Universidade de Arizona, só se podía encontrar no norte de Italia, quizais na ampla rexión que transcorre entre Milán e Venecia.

Descrición O libro ten unhas 240 páxinas de pergamiño, con baleiros na numeración nas mesmas (a cal é aparentemente posterior ao texto, quizais do século XVI), o que suxire que varias páxinas se extraviaron xa antes da súa compra por Voynich. Para evitar extravíos posteriores o padre Theodore C. Petersen fotocopiouno en 1931, repartindo as devanditas copias entre varios investigadores interesados no seu estudo e intento de tradución. Empregouse pluma de ave para escribir o texto e debuxar as figuras con pintura de cores; segundo se pode apreciar, o texto é posterior ás figuras, xa que en numerosas ocasións o texto aparece rozando os bordos das imaxes, algo que non ocorrería se estas fosen engadidas posteriormente.

Ilustracións

As ilustracións do manuscrito non aclaran os contidos do texto, pero denotan que o libro consta de seis «seccións», con diferente materia e estilo. Exceptuando a última sección, que contén unicamente texto, case a totalidade das páxinas conteñen polo menos unha ilustración. As seccións e os seus nomes convencionais son:

Herbario: cada páxina amosa unha planta (ás veces dúas) e algúns parágrafos de texto, un formato típico de herbarios europeos da época. Algunhas partes destas ilustracións son copias en maior escala e detalle de esbozos vistos na sección farmacéutica. Astronómica: Contén diagramas circulares, algúns deles con soles, lúas e estrelas, o que suxire que trata de astronomía ou astroloxía. Unha serie de 12 diagramas amosa símbolos convencionais para constelacións zodiacais (dous peixes para Pisces, un touro para Tauro, un soldado cun arco para Saxitario etc.). Cada símbolo está rodeado por exactamente 30 figuras de mulleres en miniatura, a maioría delas espidas, cada unha sostendo unha estrela. As dúas últimas páxinas desta sección (Acuario e Capricornio) perdéronse, mentres que Aries e Tauro están separados en catro diagramas con 15 estrelas cada un. Algúns destes diagramas atópanse en páxinas despregables. Biolóxica: Un texto denso e continuo con figuras de pequenas mulleres espidas tomando baños en balnearios públicos ou tinallas interconectadas por unha elaborada rede de canos, algunhas delas claramente en forma de órganos do corpo. Algunhas das mulleres levan coroas. Cosmolóxica: Máis diagramas circulares, pero de natureza descoñecida. Esta sección tamén posúe páxinas despregables, unha delas de seis páxinas de longo, que contén unha especie de mapa ou diagrama con seis «illas» conectadas por calzadas, castelos e posiblemente un volcán. Farmacéutica: Varios debuxos con lendas de partes de plantas illadas (raíces, follas etc.); obxectos similares a xerras farmacéuticas (albarelos) ao longo das marxes e algúns parágrafos de texto. Receitas: Moitos parágrafos curtos, cada un marcado cunha «viñeta» en forma de flor (ou estrela) que fan pensar nunha serie de ordes, pasos ou instrucións para elaborar algo (presumiblemente un produto químico ou alquímico).

O texto miniatura|220px|A sección «biolóxica» do texto contén texto cinguido e ilustracións de mulleres bañándose núas. O texto (chamado voynichés) foi claramente escrito de esquerda a dereita, cunha marxe dereita desigual. As seccións máis longas atópanse partidas en parágrafos, a miúdo con «viñetas» na marxe esquerda. Non hai evidencia de signos de puntuación.

O texto é fluído, como se o escritor entendese ben o que estaba escribindo mentres o facía; o manuscrito non dá a impresión de que cada carácter tivese que ser calculado antes de ser escrito na páxina.

O texto consiste en máis de 170.000 glifos, normalmente separados uns doutros por pequenos espazos. A maioría dos glifos están escritos cun ou dous trazos simples. Considerando que existen disputas sobre se certos glifos son distintos ou non, calcúlase que o alfabeto enteiro consta de entre 20 e 30 glifos totais para case todo o texto, con raras excepcións dalgunhas decenas de caracteres «estraños», encontrados unha ou dúas veces en todo o texto.

Os espazos máis anchos dividen o texto nunhas 35.000 «palabras» de lonxitude variada. Estas parecen seguir unha certa fonética ou regras ortográficas de certo tipo; por exemplo, algúns caracteres deben aparecer en cada palabra (como as vogais no galego), algúns caracteres nunca seguen a outros, algúns poden ser dobres pero outros non.

As análises estatísticas do texto revelaron patróns similares ás das linguas naturais. Por exemplo, a frecuencia de palabras segue a Lei de Zipf e a entropía (arredor de 10 bits por palabra) é similar á de textos en latín. Algunhas palabras aparecen exclusivamente en certas seccións, ou só nalgunhas páxinas; outras son frecuentes en todo o manuscrito. Existen moi poucas repeticións entre as miles de «lendas» adxuntas ás ilustracións. Na sección herbario, a primeira palabra de cada páxina aparece só nesa páxina, podendo representar o nome da planta.

Por outro lado, o «idioma» do manuscrito Voynich, o voynichés, é distinto dos idiomas europeos en varios aspectos. En particular non existen palabras con máis de 10 «letras». Ademais, a distribución de letras dentro dunha palabra é algo peculiar: algúns caracteres aparecen só no principio dunha palabra, outros só ao final e algúns sempre no medio.

O texto parece ser máis repetitivo que os típicos idiomas europeos; existen secuencias nas cales a mesma palabra común aparece até tres veces consecutivas.

Historia

Atribúeselle aos primeiros propietarios reais do manuscrito a crenza da súa autoría por parte de Roger Bacon (1214-1294). O manuscrito presenta notables parecidos cunha obra do autor inglés Anthony Ascham, A Little Herbal (Pequeno herbario), publicada en 1550.

Os primeiros propietarios teóricos do manuscrito foron Rodolfo II de Bohemia (1552-1612) (neto de Carlos I de España) e Jacobus Horcicky de Tepenecz (quen o posuíu entre 1612 e 1622), quen á súa vez llo pasara a Georgius Barschius (quen en teoría o tivo entre 1622-1665). Deste último personaxe non se ten noticias máis que por unhas cartas posiblemente escritas por Johannes Marcus Marci (posuidor do libro en 1665), dirixidas a Athanasius Kircher. Quizais emulando ao orientalista Andreas Mueller, quen conseguira estafar a Kircher cun texto fraudulento, e coa colaboración de Raphael Missowsky, escribira o manuscrito e creara toda a representación anterior.

Permanecería en mans de Athanasius Kircher desde 1665 até 1680, sen que puidese descifralo, pasando á biblioteca do Collegio Romano (actualmente a Universidade Pontificia Gregoriana) até 1912, momento no que o compraría Wilfrid M. Voynich (entre 1912 e 1930) para pasar posteriormente á súa viúva, Ethel Boole Voynich (entre 1930 e 1961), a Hans Peter Kraus (entre 1961 e 1969), cedéndoo este último á Universidade Yale.

O alfabeto do manuscrito Voynich non se parece a ningún tipo de escritura coñecida, e a única evidencia práctica da idade e orixe do libro son as súas ilustracións, en especial os vestiarios e peiteados das figuras humanas e algúns castelos vistos nos diagramas. Todo é caracteristicamente europeo e, baseándose nesta evidencia, a maioría dos expertos datan o libro entre os anos 1450 e 1520, sendo esta estimación apoiada por outras pistas secundarias.

O primeiro dono confirmado do manuscrito foi un certo Georgius Barschius, un escuro alquimista que viviu en Praga a comezos do século XVII. Aparentemente, Barschius encontrábase tan confundido con respecto ao libro coma nós hoxe en día. Tras saber que Athanasius Kircher, un erudito xesuíta do Collegio Romano, publicara un dicionario de copto (etíope) e ter descifrado os xeroglíficos exipcios, enviou unha mostra do manuscrito Voynich a Kircher en dúas ocasións, pedíndolle pistas. A súa carta a Kircher en 1639, recentemente atopada por René Zandbergen, é a mención máis antiga do manuscrito encontrada até o de agora.

Descoñécese se Kircher respondeu ao pedido, pero aparentemente estivo interesado en intentar adquirir o libro, que Barschius non quixo vender. Tras a morte de Barschius, o manuscrito pasou a mans do seu amigo Johannes Marcus Marci, naquel momento reitor da Universidade Carolina de Praga, quen rapidamente enviou o libro a Kircher, o seu amigo correspondente. A carta de Marci (1665) encóntrase aínda adxunta ao manuscrito. Nesta carta ofrécelle o manuscrito para o seu descifrado e menciona que foi adquirido polo emperador Rodolfo II de Bohemia (1552-1612) por 600 ducados de ouro. A carta menciona tamén que na corte de Rodolfo II críase que o autor do manuscrito fora Roger Bacon (o frade franciscano que viviu entre 1214 e 1294).