Anxo Lugilde Pardo, nado en Lugo en 1970, é un xornalista galego aínda que criado en Barcelona.

Traxectoria Aos cinco meses de vida trasladouse coa familia a Barcelona. En 1982 regresou a Lugo, e seis anos máis tarde, en 1988, marchou estudar a Bilbao. Obtivo a licenciatura en Ciencias da Información pola Universidade do País Vasco e tamén a de Ciencias Políticas pola Universidade de Santiago de Compostela. Máis tarde, xa en 2010 e nesa mesma universidade, acadaría o título de Doutor en Historia Contemporánea, cunha tese sobre a participación política dos emigrantes galegos.

Como xornalista comezou a traballar en La Voz de Galicia en Lugo en 1990, e continuou posteriormente na delegación de Ferrol. En 1998 pasou á central do xornal na Coruña, onde a partir do ano 2000, se seguindo a dirección de Bieito Rubido, se dedicou a facer cobertura da actividade política en Galicia.

Alterna o seu traballo como correspondente do diario catalán La Vanguardia para Galiza e Portugal dende o ano 2005 (actualmente no seu blog Sen cancelas) con colaboracións en El Progreso de Lugo, Diario de Pontevedra e desde maio de 2018 coa sección fixa dominical Planeta Galicia en Praza.gal, con artigos de análise política.

A súa faceta de analista político levouno durante parte de 2015 a percorrer o país presentando o seu último libro De Beiras a Podemos. A política galega nos tempos da troika.

Vida persoal En 1988 diagnostícanlle depresión, enfermidade que fixo pública en 2019. Reside en Santiago de Compostela.

Obra Ensaio (2001) Fraga después de Fraga: crónica de las elecciones autonómicas del 21-O (en castelán), A Coruña: La Voz de Galicia. ISBN 84-88254-67-9. (2003) Arxentina, el drama de la quinta provincia gallega (en castelán). A Coruña: La Voz de Galicia. ISBN 84-9757-101-0. (2005) El fin del fraguismo (en castelán), con Xosé Carreira. A Coruña: La Voz de Galicia. ISBN 978-84-9757-188-3. (2007) O voto emigrante: viaxe pola zona escura da democracia española. Vigo: Editorial Galaxia. ISBN 978-84-7154-084-3. (2014) De Beiras a Podemos. A política galega nos tempos da troika. Praza.gal e Meu Book. ISBN 978-84-943003-4-9. (2021) A vella compañeira. Os meus trinta anos de loita contra a depresión. (con ilustracións de Manuel Cráneo). Luzes (as edicións en catalán e castelán foron publicadas respectivamente por Columa e Península).

Notas

Categoría:Xornalistas de Lugo Categoría:Nados en Lugo Categoría:Nados en 1970 Categoría:Politicólogos Categoría:Alumnos da Universidade do País Vasco Categoría:Alumnos da Universidade de Santiago de Compostela