Golda Meir (גּוֹלְדָה מְאִיר), antes Myerson, nada co nome de Golda Mabovitch en Kíiv (actual Ucraína) o 3 de maio de 1898 e finada en Xerusalén (Israel) o 8 de decembro de 1978, foi unha política, diplomática e estadista israelita, e a cuarta primeira ministra de Israel, entre 1969 e 1974. Foi unha das primeiras xefas de goberno do mundo —só precedida por Sirimavo Bandaranaike de Sri Lanka e Indira Gāndhi da India—, e a primeira de Oriente Medio, ao preceder a primeira ministra Tansu Çiller de Turquía.

Infancia en Rusia Golda Meir foi a sétima dos oito fillos dos Mabovitch, unha familia xudía-asquenací tradicionalista —aínda que non relixiosa— e de condición moi humilde, radicada en Kíiv, actual capital da Ucraína, daquela parte do Imperio Ruso. Na súa nenez viviu penurias e sufrimento: cinco dos seus irmáns morreron de pequenos a causa da pobreza e as enfermidades; a súa familia viviu en carne propia os pogroms antisemitas que sufriron os xudeus orientais a comezos do século XX. O seu pai Moshé, un sinxelo carpinteiro, tivo que emigrar aos Estados Unidos en busca de traballo, e deixou a pequena Golda de 5 anos xunto a súa autoritaria nai e as súas irmás: a pequena Tsipke, e a súa irmá máis vella, Sheine. Golda admiraba a esta última, que se afiliara a círculos sionistas socialistas clandestinos, castigados duramente polas autoridades do tsar.

Co pai lonxe e sumidas na miseria, as catro mulleres marcharon a Pinsk, cidade situada actualmente en Belarús, en busca de mellor sorte. A fame que pasaban era tal que os poucos anacos de pan que tiñan só podían alimentar a pequena Tsipke. Golda Meir diría anos máis tarde: «sempre sentía demasiado frío por fóra, e demasiado baleiro por dentro». Cando as actividades prohibidas de Sheine comezaron a ameazar a integridade da familia, a nai decidiu, en 1906, reunirse co pai, e a familia emigrou a Milwaukee (Wisconsin, EUA).

Aqueles primeiros anos duros, forxaron o carácter de quen recibiría moito máis tarde o alcume da «muller de ferro». «Levo comigo o complexo dos pogromos, recoñézoo» —dixo— «a miña lembranza máis afastada é ver o meu pai tapiando con táboas as entradas da casa, ante a inminencia das hordas inflamadas». Segundo a propia Meir, «se coubo unha explicación ao rumbo que tomou a miña vida, é seguramente o meu desexo e determinación de que un neno xudeu nunca tivese que vivir semellante experiencia».

Estados Unidos: infancia e adolescencia Imaxe de Golda Meir aos 16 anos.|150px|miniatura Establecida a familia Mabovitch en Milwaukee, non acabaron as vicisitudes para a pequena de 8 anos: o seu pai apenas gañaba para o sustento da familia, e a súa nai abrira unha tenda de barrio, onde Golda traballaba para axudala dende a madrugada, polo que chegaba sempre tarde á escola, despois de chorar durante todo o camiño. Os roces cos seus pais, estritos e conservadores, foron medrando co tempo, e fixéronse insostibles cando a súa nai lle negou terminantemente a Golda realizar o seu soño: estudar maxisterio na escola secundaria. En cambio, e como correspondía por aquelas épocas a unha rapaza xudía de 14 anos, pretendeu casa-la cun pretendente moito maior ca ela; ante iso, Golda fuxiu do fogar sen avisar a ninguén —só lles deixou un recado explicativo aos pais, que reaccionaron de moi mal xeito—, para refuxiarse no fogar da súa irmá Sheine, recentemente casada, en Denver (Colorado).

Lonxe do seu fogar, Golda floreceu: proseguiu cos seus arelados estudos secundarios ata graduarse como mestra e integrouse de cheo nun grupo de xoves sionistas socialistas que se reunía a miúdo na casa da irmá, e a cuxos entusiastas faladoiros nunca faltaba. Un daqueles mozos, culto e instruído e tamén emigrado de Ucraína, era Morris Myerson, do que Golda pronto namorou. Logo de rifar tamén coa súa irmá máis vella, tivo que deixa-la súa casa e marchar a vivir cunhas amigas, traballando de costureira para gañar o sustento. Finalmente, e ao cabo de catro intensos anos lonxe da súa casa, accedeu ao pedido do seu pai —quen, temeroso pola saúde da nai, lle suplicou que volvera—, e volveu, aos 18 anos, á casa dos pais.

Activista sionista Xa de volta en Milwaukee, Golda atopou os seus pais máis folgados economicamente e vivindo nunha casa maior; máis compenetrados coa vida comunitaria xudía, e cunha certa posición social. Certamente, os anos conseguiran abrir os Mabovitch a novas ideas: xa non obxectaron que a súa filla ensinara e estudara. A xove Golda, por primeira vez sen as necesidades básicas que a atafegaran, puido dedicarse de cheo ao que sempre a apaixonara: a docencia e a actividade sionista. Dentro deste último marco, afiliouse ao partido político socialista Po'alei Sión (en hebreo, "obreiros sionistas"); asistiu a encontros con dirixentes sionistas prominentes, como David Ben-Gurion e Isaac Ben-Tsvi; organizou unha manifestación en Milwaukee, como acto de rexeitamento aos pogromos antisemitas da época na Ucraína, onde foi a principal oradora; e foi elixida representante da súa cidade ante o Congreso Xudeu Estadounidense. En 1917, aos 19 anos de idade, Golda casa con Morris Myerson e comezan a planear a súa aliá (emigración á Terra de Israel, daquela parte do Imperio Otomán). A parella, xunto coa irmá máis vella, Sheyna, emigraron a Palestina en 1921, e uníronse a eles os seus pais e irmá máis nova en 1926.

Primeiros anos en Palestina Acabados de chegar a Palestina, os Myerson instaláronse nun apartamento de alugueiro en Tel Aviv; ao pouco tempo, pediron incorporarse como membros do kibbutz Merjavia, ao norte do país. A negativa resposta do kibbutz, que creu que a parella americana era demasiado refinada para as rudas tarefas agrícolas, non rendeu a Golda, quen non deixou de insistir ata que finalmente foron admitidos. Golda gozou daqueles catro anos no quibuts, nos que traballaron duro, plantando árbores e criando polos, aínda que non puido dedicarse ao ensino do inglés. Porén, o seu home Morris axiña fartou da vida comunal, das privacións e das enfermidades. Aqueles tempos foron o comezo da desharmonía da parella e Morris negouse a ter fillos mentres non deixasen a comuna.

Finalmente acabaron marchando a Tel Aviv, e logo a Xerusalén, onde atoparon emprego na construtora Solel Boné, unha das empresas da organización sindical Histadrut. Alí, Golda Myerson deu a luz os seus dous fillos: Menáhem e Sara. A estadía en Xerusalén supuxo para Golda o reencontro cunha vella coñecida: a pobreza. Naquela época de faltas, Golda lavaba a roupa sucia de tódolos nenos do xardín de infancia ao que enviaba o fillo máis vello, por non ter como pagar a mensualidade; na súa autobiografía considéraa a época máis miserable de toda a súa vida.

Actividade pública O grande cambio na vida de Golda Myerson chegaría durante 1928, cando lle ofreceron ocupar o cargo de directora da rama feminina da Histadrut. Ao aceptar o posto, que lle supuxo facer numerosas viaxes, Golda recoñecía tamén a irreversibilidade da ruptura conxugal, e trasladouse cos fillos a un pequeno apartamento en Tel Aviv, onde a nai durmiu durante unha longa tempada no sofá da sala de estar, mentres o pai viña de visita as fins de semana. Golda e Morris nunca se divorciaron formalmente; el morreu en 1951.

Entre 1932 e 1934, Golda Myerson foi enviada aos Estados Unidos para recadar fondos para a causa sionista, estadía que aproveitou para tratar a filla Sara da grave insuficiencia renal que padecía. De volta ao país, foi elixida delegada do Partido Laborista cargo que ocupou ininterrompidamente ata a creación do Estado en 1948, xunto a persoeiros como de David Ben-Gurion, Moshé Sharet e Berl Katzenelson.

A súa historia persoal, marcada a miúdo pola miseria e a precariedade, motivou que o seu quefacer público fixese fincapé en dúas cuestións principais: os dereitos do traballador —e máis aínda, da traballadora—, e o auxilio aos refuxiados. En 1938, como "observadora xudía de Palestina" na conferencia internacional sobre refuxiados xudeus de Évian-les-Bains, Golda alporizouse coa hipocrisía dos países occidentais, que dicían amosar simpatía polos perseguidos e ao tempo non lles ofrecían refuxio. De xeito semellante e por motivos humanitarios, conduciu a loita en contra das fortes restricións á inmigración xudía, que impuxera o goberno británico mediante o Libro branco de 1939, en vésperas da segunda guerra mundial. Acerca de Ernest Bevin, naquel momento ministro británico de Exteriores e opositor á apertura das portas de Palestina aos refuxiados de Europa, e do seu goberno, dixo Golda Meir ao cabo dos anos: «Non sei se ese home era demente, ou só antisemita, ou as dúas cousas. Os responsables da política inglesa nunca puideron perdoarnos o feito de converternos en nación sen o seu expreso consentimento. Non entenderon que o problema dos xudeus de Europa non foi creado co único propósito de facer quedar mal ao goberno británico». Cando, ao rematar a guerra, se declarou en folga de fame para protestar contra os centros de detención británicos destinados aos sobreviventes do Holocausto, sintetizou así o seu pensamento: «O sionismo non ten sentido máis ca para rescatar os xudeus». E agregou: «Temos a barriga chea contra os ingleses. Pero a nosa principal acusación é que o seu Libro Branco nos converteu en impotentes mentres poderiamos salvar centos de milleiros; ou aínda que máis non fose, ducias de milleiros; ou mesmo un só xudeu!».

Camiño do Estado hebreo Rematada a segunda guerra mundial, agudizouse a tensión entre o movemento sionista, que esixía a independencia, e as autoridades británicas, ás que a situación en Palestina se lles ía das mans. Intentando domina-la situación, os británicos levaron a cabo o sábado 29 de xuño de 1946, unha vasta operación de detencións e arrestos, que incluíu boa parte da cúpula xudía (coñecido como o "Sábado Negro"). Ante o repentino baleiro de poder, Golda Myerson converteuse en xefa do departamento de Estado do comité central da Axencia Xudía, a Sojnut; ou o que é o mesmo, na man dereita de David Ben-Gurion, virtual chanceler do «Estado en camiño», libre do cárcere por atoparse en Europa, no canto de Moshé Sharet, preso nos calabozos británicos. Aínda logo da liberación deste último, Myerson conservaría o lugar de influencia que gañara nesta conxuntura.

En breve, encargóuselle —grazas ao seu inglés case nativo, cuxo inconfundible acento nunca perdería— ser a principal negociadora coas autoridades inglesas acerca do plan de Partición de Palestina. Paralelamente, mantívose en estreito contacto cos principais grupos de resistencia xudía armada (a Haganá e o Étzel). Logo da decisión das Nacións Unidas do 29 de novembro de 1947, pola que se creaba un estado xudeu e outro árabe, e fronte ao rexeitamento total dos países árabes ao plan, a cúpula sionista comprendeu que a guerra era inevitable, e enviaron a Myerson a recadar doazóns da comunidade xudía norteamericana para financiar a compra de armamento. Golda, como xa se lle coñecía, volveu con 50 millóns de dólares no peto. De inmediato, partiu coa delicadísima misión, de incógnito e disfrazada de árabe, de entrevistarse para alén das liñas inimigas, en Amán, o 12 de maio de 1948, co rei Abdulá II de Xordania, co obxectivo de que non interviñese na inminente contenda. O rei mostrouse evasivo, e Golda Myerson comprendeu que a sorte xa estaba botada. Abdulá pediulle que tivesen paciencia, e que non se apresurasen a declara-la independencia, ao que Golda lle respondeu: «maxestade, o noso pobo agardou 2000 anos. Podería vostede chamar a iso 'présa'?».

O Estado de Israel

Finalmente, e dous días máis tarde, o 14 de maio de 1948, (o día 5 de iyar de 5708), David Ben-Gurión leu en Tel Aviv a acta de declaración de independencia do Estado de Israel; da que Golda Myerson foi unha das 25 asinantes. Sen pausa, saíu novamente de colecta aos Estados Unidos e alí comunicáronlle o nomeamento como a primeira embaixadora de Israel ante a Unión Soviética.