Marcelino Martínez Cao, nado en Ares o 29 de abril de 1940, é un exfutbolista galego. Xogaba de dianteiro e foi internacional coa selección española.
Xogador histórico do Real Zaragoza, co que gañou dúas Copas do Xeneralísimo e unha Copa de Feiras, é principalmente recordado polo gol que lle anotou a Lev Iashin, porteiro da Unión Soviética, na final da Eurocopa de 1964, co que a selección española gañou o seu primeiro título.
Traxectoria
Inicios (1940-1958) Comezou a xogar ao fútbol nas praias de Ares e logo estivo interno ata os 16 anos no Seminario Maior de Santiago de Compostela, onde continuou xogando ao fútbol. Tras deixar o seminario e pasar brevemente polo Numancia de Ares e o Galicia de Mugardos, fichou en 1958 polo Racing de Ferrol, que militaba en Segunda División.
Real Zaragoza (1958-1970) Despois dunha tempada en Ferrol, foi contratado polo Real Zaragoza por unha gran suma de diñeiro. Pouco despois converteuse no primeiro xogador do Zaragoza en ser internacional coa selección española. Xogou no equipo aragonés entre 1959 e 1970 e integrou xunto a Lapetra, Villa, Canário e Santos o grupo de futbolistas coñecido como "os cinco magníficos". Disputou 332 partidos e marcou 119 goles, sendo aínda hoxe o máximo goleador da historia do club. Durante a súa estancia en Zaragoza o equipo gañou os seus primeiros títulos: dúas Copas do Xeneralísimo e a Copa de Feiras de 1964, cun gol de Marcelino na final fronte ao Valencia.
Retirouse aos 29 anos e volveu a Ares, onde se dedicou ao negocio da construción.
Selección española Foi 14 veces internacional coa selección española, coa que debutou o 23 de novembro de 1961 nun partido fronte a Marrocos. Na Eurocopa de 1964 pasou á historia como o autor do gol que lle deu á selección española o seu primeiro título. Foi na final disputada o 21 de xuño de 1964 no Estadio Santiago Bernabéu fronte á Unión Soviética. Só dous minutos despois do gol inicial de Pereda no minuto 6, Galimzián Khusainov empatou o partido, e non foi ata o minuto 84 cando Marcelino recibiu un pase de Pereda e cun cabezazo conseguiu bater ao mítico porteiro Lev Iashin, alcumado "a araña negra", para poñer o 2-1 definitivo.
Palmarés Real Zaragoza Copa do Xeneralísimo (2): 1964, 1966. Copa de Feiras (1): 1964. Selección española Eurocopa (1): 1964.
Notas
Véxase tamén Ligazóns externas Datos do xogador en futbol.sportec.es .
Categoría:Nados en 1940 Categoría:Nados en Ares Categoría:Futbolistas de Ares Categoría:Dianteiros de fútbol Categoría:Xogadores do Racing de Ferrol Categoría:Xogadores do Real Zaragoza Categoría:Xogadores da selección de fútbol de España Categoría:Xogadores do Mundial de Fútbol de 1966 Categoría:Futbolistas gañadores da Eurocopa