Gianni Vattimo, nado en Turín o 4 de xaneiro de 1936 e finado na mesma cidade o 19 de setembro de 2023, foi un filósofo italiano e activista político, identificado coa hermenéutica, a posmodernidade e outros sincretismos. É unha figura significativa do denominado pensamento feble.
Traxectoria Estudou na Universidade de Turín e na de Heiderberg. Exerceu a docencia en Turín, Os Ánxeles e Nova York. Foi Catedrático de Filosofía Teorética.
Participou en política a través do Partido Radical e logo na converxencia de forzas políticas denominada a Oliveira. Foi deputado no Parlamento Europeo en Demócratas de Esquerda. Foi membro da dirección nacional de Coordinamento Omosessuale.
Pensamento Vattimo entendía que os grandes relatos omnicomprensivos están en crise. O seu lugar ocúpano os medios de comunicación, coa súa información superficial e múltiple e a complexidade das linguaxes técnicas. A única filosofía da historia posible arestora é a que narra a súa fin. Xa non existen nin fíos condutores nin posibilidade dunha visión totalizadora. A única visión posible é a que asuma o esnaquizamento da vida, que xa non reside no todo senón na fragmentación. Isto é a consecuencia do que Nietzsche denominou "a morte de Deus", que implica tamén o final da metafísica. Lonxe do catastrofismo de Lyotard, entende que a sociedade está a entrar na fase do posthistórico, onde se poden abrir novas oportunidades e posibilidades. Así, se se nega unha racionalidade central tamén desaparecen as coartadas para silenciar ou esmagar os discursos das minorías, sexan estas étnicas, relixiosas ou sexuais.
Obras Il pensiero debole, Milán, 1983 La società transparente, Milán 1989 La fine della modernità, Turín. Milán, 1985 Filosofia al presente, Milán, 1990 Oltre l'interpretazione, Milán 1994 Credere di credere, Milán 1996 Vocazione e responsabilità del filosofo, Milán, 1996 Ecce comu. Come si ri-diventa ciò che si era, Roma, 2007
Categoría:Filósofos de Italia Categoría:Nados en 1936 Categoría:Nados en Turín Categoría:Profesores da Universidade de Turín Categoría:Activistas LGBT de Italia Categoría:Europarlamentarios de Italia Categoría:Finados en 2023