O estaño, do latín stannum, é un elemento químico de número atómico 50 situado no grupo 14 da táboa periódica dos elementos. O seu símbolo é Sn. Coñécenselle 10 isótopos estables, e a súa principal mena é a casiterita.
Características principais É un metal prateado, máis brando co zinc e máis duro co chumbo. É moi dúctil e maleable a 100 °C, o cal aprovéitase para batelo en follas delgadas (papel de estaño). A 200 °C tórnase moi crebadizo, podendo chegar a pulverizarse. Funde a 231,8 °C e ferve a 2.270 °C. Non se oxida facilmente co aire e é resistente á corrosión. Atópase en moitas aliaxes e úsase para recubrir outros metais protexéndoos da corrosión.
O estaño ten dúas variantes alotrópicas estables: o estaño gris, ou estaño α, e ou estaño branco, ou estaño β. Outros dous alótropos, o estaño γ e o estaño σ, existen a temperaturas superiores a 161 °C e baixo certas condicións de presión.
A forma non metálica, o estaño gris, que é estable por debaixo dos 13,2 °C, é moi fráxil cun peso específico máis baixo co branco. Ten unha estrutura cristalina cúbica, similar á do diamante, do silicio ou do xermanio, e non ten propiedades metálicas porque os seus átomos forman unha estrutura covalente na que os electróns non se poden mover libremente. É un material poeirento e gris que non ten usos comúns, agás unhas poucas aplicacións especializadas nos semicondutores.
O estaño branco, a forma metálica de estrutura tetragonal, que é estable a temperaturas por encima de 13,2 °C, é maleable. Ao dobrar unha barra deste metal prodúcese un son característico chamado "grito do estaño", producido pola fricción e rotura dos cristais que a compoñen. A temperaturas moi baixas, inferiores a -18 °C, tende a transformarse espontaneamente en estaño gris, un fenómeno coñecido como a "peste do estaño". Déronse casos deste fenómeno en invernos excepcionalmente fríos. Así, en 1851, o químico alemán Otto Linné Erdmann relatou como os tubos de estaño dun órgano se converteran en po. O mesmo sucedeu en 1868 na alfándega de San Petersburgo cun cargamento de estaño.
Obtención O estaño obtense principalmente a partir do mineral casiterita, onde se presenta como óxido (óxido de estaño (IV) ou dióxido de estaño). O mineral pulverízase, lávase para eliminar a terra, e enriquécese en dióxido de estaño por flotación. Logo tóstase para oxidar os sulfitos de ferro e chumbo. A continuación realízase un segundo lavado para eliminar o sulfato de cobre que se forma na tostación, e finalmente quécese con coque nun forno de reverbero co que se obtén o metal:
SnO2 + 2 C → Sn + 2 CO ↑
O estaño fundido que queda no fondo do forno moldéase en bloques (estaño en bloque), e volve a someterse a unha segunda fusión máis moderada para eliminar as impurezas de ferro e arsénico que forman unha masa que non funde co estaño, e se separa deste. Pódese conseguir aínda maior pureza por medio da electrólise poñendo estaño impuro nos ánodos e estaño puro nos cátodos, cun baño de ácidos sulfúrico e fluosilícico.
O estaño empregado na fabricación da folla de lata recíclase mediante diversos métodos. O máis estendido consiste en botarlle cloro na capa de estaño da chapa para conseguir un cloruro de estaño líquido e volátil, do cal se obtén o estaño por destilación.
Historia O uso do estaño comezou no próximo oriente e os Balcáns arredor do 2000 a.C., empregándose en aliaxe co cobre para producir un novo metal, o bronce, dando orixe á idade deste metal. A importancia do novo material, co que se fabricaban armas e ferramentas máis eficaces cás de pedra ou de óso que se tiñan ata entón, orixinou durante toda a antigüidade un intenso comercio a longas distancias coas áreas onde existían xacementos de estaño.
Aliaxes A súa aliaxe co chumbo (50% chumbo e 50% estaño) forma a soldadura, empregada para soldar condutores electrónicos, pola súa baixa temperatura de fusión, que o fai ideal para esa aplicación xa que facilita a súa fundición e diminúe as probabilidades de danos nos circuítos e pezas electrónicas. Tamén participa na formación do bronce.
Principais países produtores Os principais produtores de estaño do mundo son a China, Malaisia, o Perú, Indonesia, Bolivia e o Brasil,"Paisaje Geográfico. Minería" Profesor en Línea.cl especialmente no estado de Minas Gerais."Los recursos mineros de la región" Fundación YPF
PaísReservas en toneladas (2011) 1 500 000 250 000 310 000 800 000 590 000 400 000 350 000 170 000 180 000 Fonte: United States Geological Survey (USGS) - 2011
Notas
Véxase tamén
Bibliografía
Ligazóns externas ATSDR en Español - ToxFAQs™: estaño
Categoría:Estaño Categoría:Artigos que toda Wikipedia debería ter (Ciencia)