O corazón é un órgano muscular dos humanos e outros animais, que bombea o sangue a través dos vasos sanguíneos do sistema circulatorio. O sangue fornece o corpo de osíxeno e nutrientes, e tamén axuda á eliminación de residuos metabólicos. En humanos, o corazón atópase entre os pulmóns, no mediastino medio da cavidade torácica.

Nos seres humanos, outros mamíferos e aves, o corazón está dividido en catro cámaras: aurículas superiores esquerda e dereita; e ventrículos esquerdo e dereito. A aurícula e o ventrículo dereito adoitan ser designados en conxunto como corazón dereito e as súas contrapartes como corazón esquerdo. Os peixes, en contraste, teñen dúas cámaras, unha aurícula e un ventrículo, mentres que os réptiles posúen tres cámaras. Nun corazón saudable o sangue flúe nun só sentido a través do corazón debido ás válvulas cardíacas, que impiden o refluxo. O corazón está pechado nunha protección sacular, o pericardio, que tamén contén unha pequena cantidade de fluído. A parede do corazón está composta de tres capas: epicardio, miocardio e endocardio.

O corazón bombea o sangue cun ritmo determinado por un grupo de células marcapaso no nó sinoauricular. Estas xeran unha corrente que provoca contracción do corazón, viaxando a través do nó auriculoventricular e ao longo do sistema de condución cardíaco. O corazón recibe sangue con baixa concentración de osíxeno desde o aparato circulatorio, que entra na aurícula dereita polas veas cavas superior e inferior e pasa ao ventrículo dereito. A partir de aquí, é bombeado cara á circulación pulmonar, a través dos pulmóns, onde recibe o osíxeno e libera o dióxido de carbono. O sangue osixenado despois volve á aurícula esquerda, pasa a través do ventrículo esquerdo e é bombeado para fóra a través da aorta ao sistema circulatorio, onde o osíxeno é utilizado e metabolizado a dióxido de carbono. O corazón bate cunha frecuencia cardíaca de repouso de preto de 72 latexos por minuto. O exercicio físico aumenta temporalmente a frecuencia, pero diminúe a frecuencia cardíaca de repouso a longo prazo e é bo para a saúde do corazón.

As doenzas cardiovasculares (DCV) son a causa máis común de morte en todo o mundo dende 2008, correspondendo a un 30% de mortes. Destas, máis de tres cuartos son resultado da doenza arterial coronaria e ataque cerebrovascular. Os factores de risco inclúen: tabaquismo, sobrepeso, pouco exercicio físico, colesterol alto, hipertensión arterial e diabetes mal controlados, entre outros. As doenzas cardiovasculares a miúdo non presentan síntomas ou poden causar dor no peito ou dificultade para respirar. O diagnóstico da doenza cardíaca faise moitas veces tendo en conta a historia clínica, escoitando os sons do corazón cun estetoscopio, ECG e ultrasóns. Os especialistas en doenzas do corazón chámanse cardiólogos, aínda que moitas outras especialidades da medicina poidan estar implicadas no tratamento.

Descrición histórica

O corazón é un dos órganos que máis intrigou e suscitou interese ao ser humano, en gran parte por implicacións filosóficas e afectivas que sempre estiveran relacionadas con este músculo: o misterioso, o mítico e a fascinación entre o sagrado e o máxico, que sen descanso marcaba o tempo a vida e a morte, decretándoa coa súa parada.

Na historia da medicina, o home prehistorico, os babilonios, os exipcios, a civilización precolombiana, os gregos, os hindús e a civilización chinesa ocupáranse do corazón tanto como o órgano sede da alma e das emocións coma orixe da forza vital. O coñecemento da anatomía do corazón baseándose no estudo autóptico do home iniciouse no período helenístico, coa constituición da escola de medicina de Alexandría (325-250 a.C.): a disección de cadáveres, prohibida na Grecia clásica, era consentida na Alexandría de Tolomeo.

Antes deste período, o coñecemento sobre a estrutura do corazón era moi sumario. No Exipto, malia a práctica do embalsamamento, non había coñecemento suficiente sobre anatomía, porque os órganos eran extraídos a través de pequenas incisións. Na Grecia antiga as observacións anatomicas eran realizadas soamente en animais. A escola hipocrática do século V a.C., que alcanzou niveis inimaxinables no campo clínico, non tiña unha clara representación do sistema cardiovascular. Unha descrición bastante detallada pódese atopar na obra "Sul cuore" (peri karion), contida no Corpus hippocraticum, pero é amplamente aceptado que o texto foi engadido ao Corpus moito máis tarde; este tratado foi aínda importante fonte de coñecemento ata finais do século XVI.

Aristóteles (384-322 a.C.), grazas ao uso sistemático da disección animal, estableceu as bases anatómicas para unha nova medicina que ía alén da clínica. O gran filósofo identificou tres cavidades no corazón (a aurícula dereita era considerada parte da vea cava) e gañou creto por ter sido o primeiro en considerar que o sistema vascular ten orixe no corazón.

miniatura|Galeno e Hipócrates nunha pintura do século XII (Catedral de Anagni)

Atribúese aos médicos alexandrinos, que recorreron tamén á vivisección dos condenados á morte, a diferenciación, baseada na estrutura, entre arterias e veas e a descuberta do valor semiolóxico da pulsación arterial. A Erasístrato (304-250 a.C.) débese a descrición das válvulas cardíacas. A tentativa dos alexandrinos de estableceren un fundamento anatómico da clínica hipocrática, non foi con todo continuada, e foi prontamente abandonada. Unha das principais causas deste fracaso reside na falta de coñecemento no campo fisiolóxico, que debería permitir a relación lóxica entre anatomía e patoloxía. Galeno (129-201) retornou, entón, á teoría humoral hipocrática, fundada no equilibrio entre os catro humores do corpo (sangue, flegma, bile amarela e bile negra) e á primacía da clínica (semiótica e terapéutica) dada ao estudo da medicina, integrada, con todo, co estudo anatómico de animais (símios e suínos), coa súa experiencia como médico dos gladiadores e experimentos que presentou por primeira vez no campo da medicina. En gran parte grazas á vivisección, Galeno mostrou que o ventrículo esquerdo e as arterias conteñen sangue e non só pneuma (aire vital), como teorizaban os seus predecesores, e que a causa da pulsación é a contracción cardíaca; porén, cría erroneamente, que o septo interventricular posuía pequenos poros a través dos cales o sangue do ventrículo dereito pasaba para o esquerdo.

Seguindo o progreso da ciencia médica, grazas sobre todo ao traballo de Galeno que influenciou o coñecemento médico ata o Renacemento, observouse que a parada cardíaca súbita acontecia debido á oclusión dunha arteria coronaria. Así, o corazón pasou da condición de ser considerado a base do intelecto, como así o definiran os sumerios, ou de dono absoluto do corpo, como era chamado polos exipcios, á condición dunha bomba usada para un traballo puramente mecánico, aínda que vital. Cun funcionamento moi simple, comparado co doutros órganos do corpo, o corazón conserva aínda unha dose considerable de encanto, causada probablemente por ser un órgano pulsante que marca sen interrupción o ritmo de vida.

miniatura|esquerda|Deseño do corazón da autoria de Leonardo da Vinci.

Por moitos séculos foi o principal obxecto de estudo dos médicos e científicos: desde os árabes Avicena (980 - 1037) e Averroes (1126-1198) a Vesalio, Leonardo da Vinci, que representou con moita precisión a anatomía do músculo cardíaco, a Giovanni Maria Lancisi (1654-1720) que detallou os síntomas do infarto, dos aneurismas e da arteriosclerose. Antes de Lancisi, un traballo fundamental sobre a función cardíaca e a circulación sanguínea escribiuno William Harvey (1568-1657) Exercitatio anatomica de motu cordis et sanguinis in animalibus. Imaxe das veas de Exercitatio Anatomica de Motu Cordis et Sanguinis in Animalibus, de Harvey.|miniatura

O galenismo difundiuse ata o século XVIII, e só despois comezou a perder terreo e, finalmente, apareceron os primeiros cardiólogos reais, como Giovanni Battista Morgagni e William Heberden. Por primeira vez introdúcese o concepto de anxina de peito, que se mantivo como un clásico da terminoloxía cardiolóxica.

Os séculos XVIII e XIX marcaron a base da experimentación e da observación directa do corazón, pero só no século seguinte se puido testemuñar a verdadeira investigación clínica que estableceu a base para o desenvolvemento da cardioloxía moderna.

miniatura|Estetoscopio de Laennec, ilustración do seu estudo Doenzas do peito de 1838. No século XIX, chegaran os primeiros grandes médicos clínicos, como René Laennec que inventou o estetoscopio, un instrumento que lle permitiu auscultar os latexos cardíacos, pero inicialmente non foi ben aceptado polos cardiólogos do período que preferiran a auscultación clásica.

En 1901, Willem Einthoven, continuando os estudos de Augustus Desiré Waller, que descubrira a actividade eléctrica do corazón, de Gabriel Lippmann, que usara un electrómetro capilar para amosala, e de Étienne-Jules Marey , que introduciu o rexistro fotográfico, e construíu o galvanómetro a corda da súa propia invención: no mesmo ano, el publicou o primeiro electrocardiograma. Einthoven recibiu o Premio Nobel de Fisioloxía ou Medicina en 1924.

left|miniatura|O electrocardiógrafo de Einthoven

O 6 de maio de 1925, Henry Souttar, en Londres, fixo a primeira comisurotomía mitral de corazón pechado, pero o seu traballo pasou practicamente desapercibido e irrepetible. Entre 1931 e 1952, ano en se utilizou a hipotermia para as primeiras intervencións de cirurxía mitral, eran moitas as dificultades para os futuros cirurxiáns cardíacos. A partir de 1955, poderíase, finalmente, dispoñer dunha máquina de circulación extracorpórea, o que cambiou radicalmente a cirurxía cardíaca. O 3 de decembro de 1967 Christiaan Barnard realizou o primeiro transplante cardíaco, que non surtiu os efectos desexados (o paciente sobreviviu soamente 19 días, e morreu de septicemia), pero pouco despois, o 2 de xaneiro de 1968 o doutor Barnard operou un compañeiro: neste caso, o seguimento postoperatorio durou máis de 19 meses. A propósito da intervención de Barnard, Gorny comentou no seu tratado de historia da cardioloxía: Esta declaración refírese ao escrito do autor, cando, no inicio do seu traballo, reporta que o corazón para os occidentais era considerado un órgano "mítico" e misterioso.

Sistema cardiovascular

O sistema cardiovascular, ou sistema circulatorio, está constituído polo corazón e polos vasos sanguíneos. O corazón, aínda que sexa un órgano único, pode ser descrito como un conxunto de dúas bombas que fan circular o sangue de forma continua en dous circuítos distintos: a circulación sistémica e circulación pulmonar. Os vasos sanguíneos transportan o sangue rico en osíxeno e nutrientes para as células do corpo.

Embrioloxía

miniatura|O tubo cardíaco primitivo do embrión toma forma de S, a porción continua do ventrículo primitivo é o bulbo arterial, parte integrante do desenvolvemento do ventrículo dereito. O corazón deriva embrioloxicamente do mesoderma e o seu desenvolvemento termina no segundo mes de xestación.. Os primeiros trazos aparecen entre a terceira e a cuarta semanas do desenvolvemento do embrión antes da delimitación (é dicir, o enroscamento do embrión sobre si mesmo, tanto no sentido latero-lateral coma cranio-caudal, proceso que fai que unha estrutura plana se torne tubular e pechada), na rexión cefálica. Trátase de células mesenquimais especializadas na vasculoxénese, inicialmente amontoadas de forma irregular, que progresivamente se organizan para delimitar os tubos endocardicos dereito e esquerdo, os cales se unirán ó tubo cardíaco primitivo que, finalmente, despois de 22 ou 23 días desde a fertilización do ovocito, empezará a latexar.

O tubo cardíaco está inmerso no mesoderma esplánenico que engrosa para formar o manto, do cal derivan o miocardio e o epicardio; esta é a primeira estrutura con capacidade de contraerse.

miniatura|Cor sigma - Corazón de embrión humano duns catorce días.