Ramón Pérez Costales, nado en Oviedo o 31 de maio de 1832 e finado na Coruña o 18 de xaneiro de 1911, foi un médico e político galego.
Traxectoria Malia comezar os seus estudos na Universidade de Oviedo, tivo que trasladarse a Santiago de Compostela debido a compromisos laborais do seu pai, cidade onde remataría a licenciatura de medicina en 1854. En 1866 trala sublevación dos sarxentos do cuartel de San Gil en Madrid exíliase a Portugal. Dous anos despois, en 1868 volta instalándose na Coruña e formando parte do Partido Repúblicano Federal de Francesc Pi i Margall, alí traballaría duramente na actividade política do partido ata ser apartado da dirección, intre no que comeza a espallar a idea de crear a Unión Republicana de Galicia.
Foi elixido deputado pola Coruña en 1872 e en 1873 (Cortes Constituíntes da I República) volveu ser deputado por Carral. Presentou ás Cortes a proposta de Estatuto de Galicia de José Sánchez Villamarín, na que se pedía "una Galicia independiente pero parte integrante de la nación", aínda que o intento de autodeterminación non prosperou pola pouca duración da I República. Os republicanos federalistas elaboraron de novo en 1883 un proxecto de Constitución para o Estado Galaico, que foi aprobado pola primeira asemblea federal galega celebrada en 1886, que elixiu un Consello de Goberno executivo presidido por Moreno Barcia e outros catro membros, un por cada provincia galega, sendo designado Pérez Costales en representación da Coruña.
Cando Pi i Margall se fixo cargo da República foi designado ministro de Fomento o 28 de xuño de 1873.
En 1894 senta o precedente da Real Academia Galega ao promover xunto coa escritora Emilia Pardo Bazán a Comisión Xestora para a creación da Academia Gallega sobre a base da sociedade Folklore Gallego. Posteriormente, na creación da actual Real Academia Galega, en 1906, sería nomeado académico de honra ao ser a materialización dunha das súas ideas.
Notas
Véxase tamén
Bibliografía
Ligazóns externas
Ramón Pérez Costales Enciclopedia de Oviedo.
Categoría:Políticos de Galicia Categoría:Deputados no Congreso dos Deputados Categoría:Ministros de Fomento de España Categoría:Nados en Oviedo Categoría:Nados en 1832 Categoría:Finados en 1911 Categoría:Membros de honra da Real Academia Galega Categoría:Membros correspondentes da Real Academia Galega