Rogelio "Tito" Ramallo Peña, nado na Coruña o 29 de abril de 1969,Ficha en BDfutbol é un exfutbolista, preparador físico e adestrador de fútbol galego. A súa traxectoria está estreitamente vencellada ao Deportivo da Coruña, e especialmente ao seu filial, o Fabril, no que exerceu varios funcións ao longo de catro décadas diferentes. É o adestrador que máis partidos dirixiu na historia do Fabril, cun total de 445.
Traxectoria Como xogador Comezou a xogar ao fútbol nas rúas coruñesas e aos 11 anos ingresou no Victoria, club do que fora un dos seus fundadores en 1943 o seu avó Tito Ramallo Riveiro. Pasou un ano xogando no Club Deportivo As Moas, e tras regresar á canteira do Victoria, debutou co primeiro equipo aos 15 anos.
En 1987 incorporouse ao Fabril e no filial coruñés xogou cinco tempadas como líbero, capitaneando o equipo que conseguiu o ascenso a Segunda División B en 1991. Tras unha campaña na división de bronce e de disputar dous partidos amigables co primeiro equipo do Deportivo, deixou o club en 1992, fichando polo Bergantiños. Militou durante un ano no equipo adestrado por Ramón Piña, ao tempo que remataba a carreira de Educación Física. Xogou unha última tempada no Sada, antes de colgar as botas con só 25 anos, lastrado por varias lesións e despois de se ter iniciado xa como adestrador no fútbol base, dirixindo equipos de nenos tanto no Victoria como no Deportivo.
Como adestrador No ano 1993 recibiu unha chamada de José Ángel Franganillo, preparador físico do Deportivo da Coruña, ofrecéndolle ser o seu axudante. Despois de varios anos no corpo técnico do Fabril, en 1999 púxose á fronte do Deportivo Xuvenil, equipo da División de Honra, ao que adestrou durante dúas tempadas.
En 2001 converteuse no novo adestrador do Fabril, ao que dirixiu durante as seguintes 11 tempadas. Co filial deportivista foi tres veces campión de Terceira División, logrou dous ascensos a Segunda B e xogou nunha ocasión a fase de ascenso á Segunda División. Ao remate da tempada 2011/12 anunciouse que non seguiría como adestrador do equipo, despedíndose como o adestrador con máis partidos na historia do filial (436). O seu substituto foi José Luis Devesa.
En 2015 fichou polo FC Banants, de Iereván, capital de Armenia. Con este equipo deu a sorpresa e gañou a Copa de Armenia, o que ademais lle deu ao equipo a clasificación para a fase previa da Copa da UEFA.
O 11 de xullo de 2017 anunciouse a súa fichaxe como adestrador do Cerceda, acabado de ascender a Segunda División B. Dirixiu o equipo ata xaneiro de 2018, cando foi destituído por mor dos pobres resultados obtidos, non conseguindo ningunha vitoria nas anteriores 18 xornadas.
O 15 de xuño de 2018 o Deportivo da Coruña anunciou a súa contratación para o Deportivo Fabril, substituíndo a Gustavo Munúa. No seu regreso ao filial contou con Manuel Pablo como segundo adestrador. O 22 de outubro de 2018 foi cesado, logo dunha vitoria, un empate e sete derrotas. Foi substituído polo castellonenco Sergio Pellicer.
Palmarés Adestrador Fabril Terceira División (3): 2005–06, 2006–07, 2009–10.
Banants Copa de Armenia (1): 2015–16.
Notas
Véxase tamén Ligazóns externas Datos do adestrador en bdfutbol.com . Tito Ramallo en A Temporada do Fútbol Galego
Categoría:Nados en 1969 Categoría:Nados na Coruña Categoría:Futbolistas da Coruña Categoría:Defensas de fútbol Categoría:Xogadores do Deportivo Fabril Categoría:Xogadores do Bergantiños FC Categoría:Adestradores de fútbol de Galicia Categoría:Adestradores do Deportivo Fabril Categoría:Adestradores do CCD Cerceda Categoría:Personalidades de Galicia sen imaxes