Antonio Blanco Núñez, coñecido como Tito Blanco, nado na Coruña o 12 de febreiro de 1926 e finado o 27 de novembro de 1993, foi un futbolista galego. A súa posición natural era a de centrocampista, pero xogou tamén noutras posicións, dende a defensa ata a dianteira. Militou en varios equipos, destacando o Murcia e o Deportivo da Coruña, cos que xogou varias temapadas na Primeira División. Era irmán do tamén futbolista Jaime Blanco.

Traxectoria Na tempada 1943/44 xogou co Salamanca na Terceira División, adestrado polo tamén coruñés Paco González. En xaneiro de 1948 foi fichado polo Murcia, que contaba con numerosas baixas e tivo que reforzarse con varios futbolistas. O 1 de febreiro debutou na Segunda División, nunha vitoria por 3-0 contra o Málaga. Afianzouse no once titular durante os seguintes anos, conseguindo na tempada 1949/50 o ascenso á Primeira División, ao acabar a liga en segunda posición por detrás do Alcoyano.

Estreouse na máxima categoría nunha derrota por 5-0 contra o Sevilla de Guillermo Campanal no estadio de Nervión, e disputou 28 encontros na tempada, incluídos cinco da promoción de permanencia, na que o club murciano non conseguiu salvar a categoría. Nos seus cinco anos en Murcia, xogou tanto de medio volante como de interior, extremo e defensa lateral.

En febreiro de 1952, o Deportivo da Coruña conseguiu que o Murcia llo cedese, despois de telo intentado xa anteriormente. Debutou nun encontro de Primeira fronte ao Zaragoza en Riazor, formando na dianteira xunto con Moll, Corcuera, Arsenio e Marquínez. Disputou un total de 8 partidos no equipo que ese ano adestraba Chacho, regresando a continuación a Murcia.

Disputou a primeira metade da tempada 1952/53 co Murcia, sendo traspasado en xaneiro de 1953 ao Deportivo. Xogou no club coruñés o que restaba de tempada e dúas máis, aínda que a última delas pasouna case en branco, despois de se lesionar en Montevideo durante a xira suramericana do Deportivo. En agosto de 1955 asinou xunto con Corcuera polo Xerez, disputando 17 partidos durante a tempada.

A finais da tempada 1956/57 fichou polo Racing de Ferrol, da Segunda División, debutando con dous goles nun partido de liga contra o Oviedo. Tras rematar a tempada en Ferrol, marchou a Portugal para xogar no Salgueiros, adestrado polo tamén galego Aretio. Co club do Porto disputou 15 partidos na Primeira Liga, perdendo a categoría ao final da campaña. Ao remate da competición de liga regresou a Ferrol, xogando co Racing os derradeiros partidos da tempada de Segunda e marcou un gol na vitoria contra o Alavés en Mendizorrotza na derradeira xornada, coa que o Racing salvou a categoría.

Na tempada 1958/59 xogou co Arousa en Terceira, coincidindo con xogadores como Castellanos, Serapio ou Bello Amigo, mentres que na tempada seguinte xogou algún partido co Xuvenil de Rodrigo, da mesma categoría.

En xuño de 1961 xogou en Riazor un partido de homenaxe a Acuña, no que se enfrontaron un equipo de vellas glorias galegas contra outro de vellas glorias biscaíñas. Formou equipo entre outros co propio Acuña, Pedrito, Neira, Guimeráns, Chacho, Pahiño ou Tino.

Notas

Véxase tamén

Ligazóns externas

Datos do xogador en BDFutbol .

Categoría:Nados en 1926 Categoría:Nados na Coruña Categoría:Finados en 1993 Categoría:Futbolistas da Coruña Categoría:Defensas de fútbol Categoría:Centrocampistas de fútbol Categoría:Dianteiros de fútbol Categoría:Xogadores da UD Salamanca Categoría:Xogadores do Real Murcia Categoría:Xogadores do Deportivo da Coruña Categoría:Xogadores do Xerez CD Categoría:Xogadores do Racing de Ferrol Categoría:Xogadores do SC Salgueiros Categoría:Xogadores do Arosa SC Categoría:Xogadores do Deportivo Xuvenil Categoría:Personalidades de Galicia sen imaxes