A xordeira é a dificultade ou imposibilidade de usar o sentido do oído, por mor dunha perda da capacidade auditiva parcial (hipoacusia) ou total (cofose), e unilateral ou bilateral. Polo tanto, unha persoa xorda é incapaz ou ten problemas para escoitar. Este pode ser un trazo herdado ou consecuencia dunha doenza, traumatismo, exposición a longo prazo ao ruído, ou do consumo de medicamentos agresivos para o nervio auditivo.

Cadro clínico Para comprobar o grao de xordeira faise unha proba de audiometría, de modo que unha persoa con xordeira pode ter problemas na percepción correcta da intensidade (decibelios) ou da frecuencia (hertzs) de sons relacionados coa linguaxe oral, e é frecuente que se dean resultados diferentes para cada oído. A perda da capacidade auditiva adoita describirse como leve, benigna, moderada, severa ou profunda segundo o grao. Xeralmente, cando un neno ou nena ten perda auditiva respecto aos 90 dB, considérase que ten necesidades educativas especiais.

Tipoloxía Unha primeira clasificación é respecto á gravidade da xordeira. A xordeira parcial ten lugar cando a persoa ten unha leve capacidade auditiva e vese obrigado a usar un aparello auditivo para que esta mellore. A xordeira total ou completa é aquela que impide a unha persoa ouvir en absoluto.

Existen outros criterios á hora de clasificar as diferentes tipoloxías de perda auditiva ou xordeira: segundo a localización da lesión, segundo o grao de perda auditiva, segundo as causas, ou segundo a idade do comezo da xordeira.

Localización Perda auditiva condutiva ou de transmisión É causada por enfermidades ou obstrucións no oído exterior o medio (as vías de condución a través das cales o son chega ao oído interior). Adoita afectar todas as frecuencias do oído de xeito uniforme, aínda que non resulten perdas severas. Unha persoa cunha perda da capacidade auditiva condutiva ben pode usar audiófonos ou ben pode recibir axuda médica ou intervencións cirúrxicas.

Perda auditiva sensorial, neurosensorial ou de percepción Dáse cando están danadas as células capilares do oído interno ou os nervios que o abastecen. Esta perda auditiva pode abarcar desde perdas leves a profundas. Afecta á habilidade da persoa para ouvir certas frecuencias máis ca outras, de modo que ouve o son de forma distorcida, aínda que use un audiófono amplificador. Non obstante, na actualidade as grandes prestacións tecnolóxicas dos audiófonos dixitais son capaces de amplificar só as frecuencias deficientes, distorcendo inversamente a onda para que a persoa xorda perciba o son da forma máis parecida posible como sucedería cunha persoa oínte.

Perda auditiva mixta Refírese aos casos en que existen aspectos de perdas condutiva e sensoriais, de modo que existen problemas tanto no oído externo ou medio como no interno. Este tipo de perda tamén pode deberse a danos no núcleo do sistema nervioso central, nas vías ao cerebro ou no mesmo cerebro. É importante ter coidado con todo tipo de golpes fortes na zona auditiva, xa que son os principais causantes deste tipo de xordeira.

Perda auditiva central Esta tipoloxía refírese á acontecida por mor de lesións nos centros auditivos do cerebro.

Grao da perda Considérase que existe unha audición normal cando unha persoa ouve por baixo dos 20 dB. Unha discapacidade auditiva leve estaría a ouvir entre os 20 e 40 dB. Discapacidade auditiva media cun límite auditivo entre 40 e 70 dB. Discapacidade auditiva severa entre 70 e 90 dB. A perda profunda é cun límite superior a 90 dB.

A perda total (cofose) acádase ao non ouvir por riba dos 120 dB. Pode deberse a malformacións internas da canle auditiva (como a ausencia de cóclea) ou á perda total dos restos auditivos por motivos xenéticos. Entre todas as persoas xordas, a porcentaxe de persoas que padecen cofose é moi pequena, case insignificante.

Causa da perda A etioloxía da discapacidade auditiva pode ser por causas esóxenas como a rubéola materna durante o embarazo ou a incompatibilidade do factor Rh, e que adoitan provocar outros problemas asociados (dificultades visuais, motoras ou cognitivas). Pode deberse tamén a unha xordeira hereditaria, que ao ser recesiva non acostuma implicar trastornos asociados.

Idade de inicio O momento en que aparece a discapacidade auditiva é determinante para o desenvolvemento da linguaxe, polo que se distinguen 3 grupos:

Prelocutivos: se a discapacidade sobreviu antes de adquirir a linguaxe oral (antes dos 2 anos). Perilocutivos: se a discapacidade sobreviu mentres se adquiría a linguaxe oral (entre 2 e 3 anos). Poslocutivos: se a discapacidade sobreviu despois de adquirir a linguaxe oral (despois dos 3 anos).

Etioloxía Xordeira verdadeira ou perda do limiar de intensidade de audición. Xordeira de transmisión. Lesións do oído externo. Malformacións. Estenose do conduto. Infección do conduto. Lesións obstrutivas. Lesións do oído medio. Obstrución tubárica. Otite media e as súas secuelas. Tumores. Malformacións dos pequenos ósos. Lesións da cápsula ótica. Infeccións como a sífilis. Distrofias do oído como a otosclerose.

Xordeira de percepción Lesións do oído interno. Malformacións. Intoxicacións medicamentosas. Infeccións. De veciñanza, como a otite media. Primarias, coma a labirintite. Víricas coma a parotidite, virus neurotropos etc. Alteracións vasculotensionais do labirinto, como a doenza de Memiere. Traumatismos. Tumores. Herdanza, coma a presbiacusia. Lesións retrolabirínticas ou radiculares. Infeccións, coma a meninxite, ou secuelas peripetrosas de otite. Víricas. Neuríticas. Tumorais, como o neurinoma do acústico. Lesións centrais bulbares baixas, pois as lesións altas non determinan xordeira.

Consecuencias sociais Se a xordeira é especialmente aguda, pode afectar considerablemente no modo en que a persoa xorda se relaciona co seu contorno humano, ao atoparse cunha seria limitación na súa capacidade de encontrar unha vía de comunicación pola canle auditiva, isto é, coa linguaxe oral. Porén, o modo en que se entenden as consecuencias desa incapacidade pode variar considerablemente, de modo que hai dúas perspectivas fundamentais acerca do modo de entender a xordeira.

En Galiza existen sete asociacións de persoas xordas, confederadas na Federación de Asociacións de Persoas Xordas de Galicia.

O último domingo de setembro celébrase o Día Internacional da Xordeira (ou das Persoas Xordas. A celebración, que se realiza desde 1958, busca sensibilizar e concienciar sobre as necesidades das persoas con perda auditiva e a importancia da detección precoz dos trastornos auditivos, especialmente na infancia

Antropoloxía social da xordeira

A partir dos estudos de William C. Stokoe cara a 1960, existe unha tendencia na comunidade científica que aborda a xordeira desde un punto de vista antropolóxico. Un colectivo de persoas xordas que se comunican entre si por medio dunha lingua de sinais pode ser considerado unha comunidade lingüística minoritaria, cunha cultura propia. A literatura especializada fai moitas veces a distinción entre Xordeira (con letra capital), para referirse á antropolóxica, e xordeira para a definida clinicamente.

Dependendo dos casos, unha persoa xorda normalmente pode desenvolver unha idiosincrasia coas persoas que se comunican pola canle visual, isto é, coa linguaxe de sinais (LS), considerándose coma unha colectividade cultural e social propia diferenciada, normalmente coa definición de Comunidade Xorda. O vencello social entre as persoas xordas signantes adoita ser moi forte, debido sobre todo ao illamento social con respecto aos oíntes, provocado polo escaso coñecemento da súa problemática común, ou estilo de vida, así como a escasa relación social por motivos de entendemento lingüístico ou tamén por ideas preconcibidas que as persoas teñen acerca das persoas xordas e que poden ir cambiando mediante a completa interacción dentro da súa cultura.

De feito, nesta colectividade defínense a si mesmos como persoas xordas signantes, e adoitan clasificar o seu contorno social entre oíntes (persoas sen xordeira, incluídas as oíntes signantes se coñecen a LS), e o resto de persoas xordas que, dependendo do país, poden formar parte tamén da Comunidade Xorda. Entre as persoas xordas, os xordos signantes distínguense das persoas xordas oralistas, isto é, quen non utiliza habitualmente unha LS ou usa unha comunicación bimodal (léxico dunha LS con estrutura gramatical dunha lingua oral). Por último, están as persoas xordas implantadas, que levan un implante coclear en vez dun audiófono, e que poden ser signantes ou oralistas.

En cambio, as persoas xordas oralistas, aquelas que recibiron unha intensa reeducación da linguaxe oral na súa infancia e que non usan unha lingua de sinais como lingua vehicular (normalmente como consecuencia dunha prohibición expresa dos educadores), adoitan adoptar unha actitude de invisibilidade social respecto á súa condición de persoa xorda, ás veces mesmo non recoñecéndose como tales, recorrendo a outras definicións como discapacitado auditivo, hipoacúsico, medio oínte etc. Así mesmo, este grupo acostuma asociar como persoas xordas unicamente as signantes, ou ben diferenciándose delas definíndoas como persoas xordomudas, especialmente a aquelas que non falan unha linguaxe oral correctamente no aspecto gramatical.

Esta última definición, a de xordomudez, por outra parte, é considerada pexorativa polas persoas xordas signantes, pois consideran que "falan" (por canle visual, en LS). Ademais, consideran que un alto analfabetismo da lingua oral entre as persoas xordas non ten ningunha relación coa mudez, senón a un fracaso do método oralista no sistema educativo na súa infancia e mocidade. De feito, chamar "xordomudo" a unha persoa xorda por non falar en lingua oral correctamente, sería similar a chamar "manco" a unha persoa por non escribir coa grafía correcta, ou "cego e manco" por non saber ler e escribir. Por último, no sentido estrito, a "xordomudez" só sería aplicable a aqueles que padezan xordeira e, amais, son incapaces de xerar sons humanos pola ausencia ou o dano das cordas vocais, sendo aspectos independentes entre si.

Lingua de signos

A linguaxe de signos transmítese a través de comunicación manual e corporal en lugar da transmisión acústica. Isto pode implicar combinar formas da man, orientación e movemento das mans, brazos ou expresións do corpo e faciais para expresar con fluidez os pensamentos da persoa.

Non hai un só "idioma de signos". Nas comunidades de xordos esta lingua desenvólvese. Aínda que empregan o espazo para a gramática dun xeito que as linguas orais non o fan, as linguas de signos presentan as mesmas propiedades lingüísticas e usan as mesmas facultades da linguaxe que as linguas orais. Centos de linguas de signos están en uso en todo o mundo e úsanse nos núcleos da cultura xorda local. Algunhas linguas de signos obtiveron algún tipo de recoñecemento legal, mentres que outras non teñen ningún status. As linguas de signos para persoas xordas non están baseadas nas linguas faladas na rexión e a miúdo teñen unha sintaxe moi diferente, en parte pero non completamente, debido á súa capacidade para empregar relacións espaciais para expresar aspectos do significado.