Laura Carmen Seara Sobrado, nada en Allariz o 20 de abril de 1975, é unha política galega vinculada ao PSdeG-PSOE.
Traxectoria É licenciada en Dereito, e ten un mestrado en Calidade de Servizos. Foi Secretaria de Organización das Juventudes Socialistas de España. Concorreu como número 2 da candidatura do PSdeG-PSOE pola provincia de Ourense nas Eleccións xerais de 2000, pero non resultou elixida logo da debacle da formación nesa convocatoria electoral. Si foi elixida deputada logo das Eleccións ao Parlamento de Galicia de 2001, como número 2 do PSdeG-PSOE pola provincia de Ourense. Foi reelixida en 2005 e 2009. En 2007 foi nomeada Xuíz Honorario do Couto Mixto.
En decembro de 2009 foi nomeada directora do Instituto da Muller, dependente do goberno de España, polo que renunciou como deputada autonómica. En xullo de 2011 substituíu a Bibiana Aído na Secretaría de Estado de Igualdade, posto no que permaneceu ata a derrota socialista de novembro de 2011.
Nesas eleccións de 2011 encabezou a lista do PSdeG-PSOE ao Congreso dos Deputados pola circunscrición de Ourense, saíndo elixida deputada. Foi apoiada pola militancia para encabezar de novo a candidatura socialista por Ourense nas Eleccións xerais de 2015, se ben finalmente foi excluída da candidatura pola dirección federal.
Formou parte da Xestora que dirixiu o PSOE logo da defenestración de Pedro Sánchez como Secretario Xeral en outubro de 2016, e que permaneceu ata que este regresou como líder logo das primarias de maio e 2017, nas cales Seara e o núcleo duro da Xestora apoiaron decididamente a Susana Díaz.
En decembro de 2017 oficializou o seu abandono da política para centrarse no sector privado, na empresa creada coa súa socia María Jesús Boo, chamada Red Talento Consultoras, con oficina en Ourense. Esta empresa de consultoría está centrada na provisión de servizos relacionados coa participación, igualdade e políticas sociais. Dende entón, numerosos concellos e admnistracións solicitaron a súa colaboración para a elaboración e implementación dos seus Plans de Igualdade.''
Vida persoal Está casada co xornalista Xosé Ramón Carballo, co cal ten un fillo. Súa nai, Carmen Sobrado, foi concelleira socialista e tenente de alcalde en Xinzo.
Notas
Véxase tamén
Outros artigos Lista de deputados galegos no Congreso desde a Transición Ligazóns externas Ficha no Parlamento de Galicia Entrevista en El Progreso o 16 de abril de 2010.
Categoría:Deputados do Parlamento de Galicia polo PSdeG-PSOE Categoría:Nados en Allariz Categoría:Deputados do Congreso dos Deputados polo PSOE Categoría:Deputados no Congreso dos Deputados pola provincia de Ourense Categoría:Nados en 1975 Categoría:Deputados no Congreso dos Deputados (X Lexislatura) Categoría:Deputados da VI Lexislatura do Parlamento de Galicia Categoría:Deputados da VII Lexislatura do Parlamento de Galicia Categoría:Deputados da VIII Lexislatura do Parlamento de Galicia